Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

domingo, 23 de febreiro de 2020

ENTROIDO 2020


Como non podía ser menos, a celebración do Entroido foi unha festa de convivencia e de imaxinación. As actuacións no salón de actos permitiron ver a creatividade do alumnado.
Parabéns e que o pasedes moi ben nestas vacacións!
A cargar pila que nos queda moito por aprender e moito que vivir á volta do Entroido!








COMPRAS EN COMPOSTELA


O xoves 29 de febreiro o alumnado do  Equipo de Biblioteca, acompañado por Pablo Chaves e Isabel G. Avión, realizou unha saída a Compostela para adquirir novos fondos. O obxectivo: ampliar os títulos do noso catálogo con libros para a bibloteca inclusiva e seguir afondando na reflexión sobre o medioambiente.
A viaxe fixémola en tren. Isto forma parte do concepto dunha biblioteca diferente, onde as experiencias son tan importantes como as lecturas.
Xa en Compostela vistamos a librería Aenea, onde realizamos unha interesantísima actividade, non por orixinal nin complexa, senón por como resultou. Cada alumna tiña que defender a compra do libro ou libros que desexaba levar para a nosa Biblioteca. Realmente demostramos que hai camiños que paga a pena transitar, xa que as exposicións foron tan ricas e mesmo brillantes, que as libreiras (afeitas a desenvolver esta actividade con numerosos centros educativos) estaban entusiasmadas e fartáronse de felicitarnos.
Tamén a librería Couceiro e a libreía Kómic recibirion a nosa visita e nelas adquirimos interesantes obras.
A anécdota protagonizouna unha alumna de 2ºESO-B que, ao entrar na librería Kómic, chorou de emoción e díxolle a Pablo Chaves: "Profe, trouxéchesnos ao paraíso!".

Estas son as experiencias que dan sentido a tanto traballo que desenvolvemos na Biblio do Bouza Brey

mércores, 19 de febreiro de 2020

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA CON DANI BARREIRO


Hoxe celebramos anticipadamente o Día de Rosalía. O 24 de febreiro cúmprense 183 anos do nacemento da nosa poeta nacional. Hoxe celebrámolo anticipadamente o Día de Rosalía cantando animadamente. Grazas ao Concello de Vilagarcía por ofecernos esta actividade! Grazas a Dani Barreiro e a Miguel Eyré por encher a nosa Biblioteca de versos e de melodías, grazas por facernos cantar, chorar e vibrar!

Percorremos versos moi coñecidos como "Eu cantar, cantar cantei", "Pr'a Habana", "Campanas de Bastabales", "Cando penso que te fuches" (Negra sombra), "Airiños, aires" ou "Adiós ríos, adiós fontes".






domingo, 16 de febreiro de 2020

O ALUMNADO DO CIP O PIÑEIRIÑO VISITA A NOSA BIBLIOTECA

O venres 14 de febreiro o alumnado de 6º de primaria do CEIP O Piñeiriño veu ao IES Fermín Bouza Brey para participar nunha actividade do Plan Proxecta. Con tal motivo, fixeron unha visita ás instalacións do centro, viron os talleres dos Ciclos Formativos e, como non podía ser menos, estiveron na nosa Biblioteca.

Alí os agarcaba unha representación do alumnado do Equipo de Biblioteca. Varias alumnas e alumnos de 1ºESO-A fixeron de anfitrións. Lucía Varela, Thais Duteil, Oisín Buceta, Marcos Treviño, Saray Leites, Mariña Fernández, Claudia Garrido e Antía Mollinedo explicáronlle quen somos e que facemos na Biblioteca do Bouza. Impresiona escoitar nuns poucos minutos a morea de actividades que levamos organizado e celebrado na nosa Biblioteca en só medio curso! E iso que non falamos do Concurso de Contacontos nin do Certame de Adhesivos pola Normalización, actividades en que a Biblioteca tamén colabora.

A verdade que o Equipo encargado de facer a presentación fíxoo de marabilla!!!





POR UN SAN VALENTÍN SEN AMOR TÓXICO



Moi importante a reflexión que fixo o alumnado de 1º ESO sobre o benquerer e o malquerer. Estes decálogos son o resultado. Os carteis da autoría de Daniela Nogueira e Pablo Framiñán, de 1ºESO-B.

domingo, 9 de febreiro de 2020

BARDOS 78




Xa está aquí o novo número da revista do IES Bouza Brey. O alumnado dos diversos curso, autoras e autores das colaboracións que aparecen nela publicadas, xa teñen nas súas mans esta nova entrega. Se non a podes consiguir fisicamente, podes acceder aos seus contidos a través da páxina web do instituto. Alí atoparas o enlace para consultar os pdf cos contidos dos diferentes artigos deste número https://www.edu.xunta.gal/centros/iesbouzabrey/node/721

CAMIÑO DA UNIVERSIDADE

O pasado día 29 de xaneiro veu ao noso IES o profesor "ad honorem" da USC, Antonio Costa Rico para explicarnos múltiples cuestións relacionadas coa vida universitaria: as modificacións nas probas da ABAU, as notas de corte, os graos que existen na USC, os créditos, as residencias universitarias, as becas, os programas como Erasmus ou Sócrates etc. Todos eles de moito interese para o alumnado de 2ºBach. que seguiu moi atento as explicacións desta charla que se prolongou durante case dúas horas.
Ademais, o alumno Diego Santorum deu lectura ao texto enviado polo ex-alumno César Barreiro sobre a súa experiencia na USC. César non puido estar presente na charla, xa que foi imposíbel sincronizar a súa axenda de estudante de Odontoloxía (o comezo das prácticas do segundo cuadrimestre) coa do profesor Costa Rico, cuxas obrigas académicas levárono a universidades do fóra do noso país nas datas anteriores ao comezo da segunda parte do curso na USC.

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Paz. É certo que nos últimos anos ten decaído está celebración tan sinalada no calendario escolar. Son moitas as efemérides que enchen os calendarios e resulta complicado tratar todos os temas que se van conmemorando día tras día. Porén, a pesar da pouca incidencia que tivo este ano no noso centro, pensamos que é unha data moi importante, que permite reflexionar sobre moitas cuestións esenciais para os seres humanos e que, por desgraza, segue sendo necesario facelo á vista dos acontecementos que vemos hoxe no mundo.

DESPLASTIFICÁNDONOS NA BIBLIOTECA CON DIEGO LODEIRO E TROPAVERDE


Os venres 31 de xaneiro e 7 de febreiro tivemos dúas interesantísimas sesións na Biblioteca sobre o que xeramos, a xestión do mesmo, a necesidade de separar e reciclar e, sobre todo, de reducir o uso dos plásticos dun só uso na nosa vida cotián. A actividade preparouna a Biblioteca do noso IES en colaboración con Diego Lodeiro, ex-alumno do Bouza Brey e integrante de Tropaverde, empresa de economía circular que ten como principal ocupación fomentar hábitos de reciclaxe entre a poboación de diversos concellos galegos, de fóra de Galiza e incluso en distintas cidades europeas.


Comezamos cunha actividade motivadora para ver que coñecementos previos tiñamos sobre a materia. Foi un divertido kahoot que resolvemos por equipos. En cada quenda, o grupo gañador recibiu un agasallo ecolóxico.

Logo adentrámonos no mundo dos residuos a través dunha charla interactiva a cargo de Diego Lodeiro. Nela puidemos reflexionar sobre o impresionante volume de lixo, especialmente plástico, que xeramos no noso consumo diario.

Ao rematar a sesión entregouse a cada alumna e alumno unha folleto cunha enquisa sobre os hábitos de consumo doméstico. A enquisa tiña como obxectivo que se reflexionase en familia, no fogar, sobre o que facemos realmente en relación ao medioambiente, non só o consumo de plásticos, senón o consumo de enerxías non renovábeis. 

Na segunda sesión fixemos unha posta en común de todas as preguntas da enquisa asignándolle ás respostas uns valores numéricos, positivos ou negativos. Finalmente puidemos cuantificar, de maneira meramente orientativa, a calidade dos nosos hábitos en relación co medioambiente.

Para rematar, Diego Lodeiro explicou que é Tropaverde e as accións que o Concello de Vilagarcía promove a través das actividades desta entidade.

Dende a Biblioteca seguiremos traballando este tema vital para o futuro do planeta. A enorme satisfacción cos resultados da actividade fainos pensar na posibilidade de levala adiante con outros niveis, xa que desta volta participou o alumnado de 1º e 2ºESO. É complexo organizalo, pero con seguridade, paga a pena.