Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 10 de decembro de 2019

DÍA MUNDIAL DOS DEREITOS HUMANOS:TRABALLANDO EN IGUALDADE

O martes, día 3 de decembro xuntámonos para ver a película Figuras ocultas, que trata sobre as historias de tres mulleres extraordinarias que loitaron contra as dicriminacións racial e de xénero dentro da estrutura da NASA no contexto da carreira espacial dos USA fronte á URSS. Dorothy Vaughan, Mary Jackson e Katherine Johnson foron decisivas nun momento crucial para a axencia norteamericana na súa loita por non seguir detrás da Unión Soviética na "conquista do espazo".
Hoxe, 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, celebramolo na Biblioteca do noso IES traballando sobre esta interesante película coa colaboración da materia de Igualdade de Xénero.





mércores, 4 de decembro de 2019

MERCADO DE INTERCAMBIO

Non podemos estar máis contentas co resultado da actividade do Mercado de Intercambio celebrado o pasado venres 29 de novembro, despois dun laborioso proceso de organización.

O troco foi fundamental nunha economía menos voraz e destrutiva que a actual. O alumnado da materia de Economía de 4º da ESO organizou esta experiencia.

Temos que felicitar tanto ao alumnado organizador como á súa profesora de Economía, Rosalía, e a todas e todos os participantes.

O mesmo venres había xente que xa pedía que se repetise a esperiencia. Ademais, dende un instituto de Pontevedra, puxéronse en contacto coa Biblioteca do Bouza Brey interesándose pola mesma e para preguntar pola organización e os resultados. Estamos, xa que logo, requetesatisfeitas por abrir a Biblioteca a experiencias tan interesantes e enriquecedoras









CINE FORUM FIGURAS OCULTAS

A BIBLIOTECA DO IES BOUZA BREY TRABALLANDO INTENSAMENTE NA EDUCACIÓN POLA IGUALDADE

Despois dun mes de novembro ás voltas coa prevención da violencia de xénero, comezamos decembro programando unha sesión de Cine Forum para ver a película "Figuras ocultas", baseada en feitos reais, que conta a historia de tres mulleres extraordinarias: Katherine Johnson, Dorothy Vaughan e Mary Jackson, que traballaron para a NASA facendo decisivas contribucións en plena carreira espacial, superando enormes barreiras raciais e de xénero.
O martes 3 de decembro ao mediodía ficamos para xantar na Biblioteca, onde vimos a película que nos propuxo o profesorado da materia de Igualdade de 2º da ESO.


AS CARAS DA CIENCIA

O noso concurso As caras da ciencia pretende divulgar grandes figuras que contribuíron ao desenvolvemento humano. Popóñense 4 personalidades sobre as que se ofrecen unha serie de datos. Agora toca pescudar quen é quen e explicar nunha ficha como chegamos a averiguar as nosas respostas. O xurado terá en conta a xustificación das nosas conclusións. Non deixedes de participar. Hai premios moi interesantes!








25 DE NOVEMBRO: MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

MANIFESTO

QUEREMOS PROCLAMAR A NOSA VONTADE DE ERRADICAR A VIOLENCIA DE XÉNERO



Queremos proclamar a nosa vontade de erradicar a violencia de xénero.

NON  a rir ou dar o noso aplauso a quen humilla a unha rapaza.

NON a insultar as rapazas e mulleres chamándolles "putas" ou expresións parecidas.

NON a xulgar e criticar as nosas compañeiras pola súa maneira de vestir.

NON a crernos máis ou menos por pentencer a unh determinado xénero.

NON  a desprezar o camiño da igualdade entre as persoas con expresións como "feminazis" ou "hembrismo"










COMPRAS COMISARIADAS CO EQUIPO DE 1ºESO

En novembro non podiamos agardar outra cousa. A chuvia non nos deu tregua, pero o traballo de pescuda e selección do mellor da librería foi impecábel por parte do Equipo de Biblioteca de 1º ESO. Como sabedes, seguimos na teima de enriquecer o fondo bibliográfico con libros do fondo xeral, ou sexa, que non sexan obras literarias, xa que este apartado é o máis abultado da nosa Biblioteca. O obxectivo primordial era atopar na librería obras que nos axuden no noso obxectivo de desplastificarnos. Non se pode dicir que non fose frutífero o traballo, como podedes ver nas imaxes das adquisicións. Iso si, houbo moito debate entre os membros, ás veces acedo, e non todas volveron contentas para a Biblioteca do noso instituto.

De todos xeitos, aprendemos moito, mesmo a negociar e a renunciar. Agora, a molleira foi boa!

Felicidades ao alumnado que participou dun xeito tan responsábel e felicidades a todas as persoas usuarias da nosa Biblio, que a partir de xa teñen todos estes libros á súa disposición.










PREOCUPACIÓN POLO MEDIO AMBIENTE

Comezamos un curso marcado pola preocupación pola situación do planeta. "Desplastificándonos" é o lema que vai conducir o noso traballo. Somos conscientes de que temos moitísimas cousas que aprender, por iso queremos que a Biblioteca se encha de libros que nos dean ideas para poder levar pequenas accións na nosa vida cotiá de cara a reducir o consumo abusivo e absurdo no que estamos a vivir.