Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 22 de maio de 2018

NO CASTELO DE LOBEIRA


              

NO CASTELO DE LOBEIRA

Como xigante guerreiro
sempre disposto á algarada,
- ferro no lume batido,
pedra dura de montaña, -
do forte Castro Lupario
no cumio ergueito, descansa
o castelo de Lobeira,
segura e rexa atalaya
que as terras do val mimoso
de Salnés defende e garda.

Ten ó levante o Castrove,
mira ó poñente a Barbanza,
ó norte as torres do Honesto,
ó vendaval a Lanzada.

Regando as veigas froridas,
corren d-unha a d-outra banda
ágoas tranquías do Ulla,
nacidas en terras sagras,
cheas de voces pregantes
dos coengos de Iria Flavia,
e as do Umia barulleiro
que conocen as risadas,
as cantigas e lelías
dos xuglares do Bergaña.

Bicando os ouros da area,
esmorecido na praia,
o mar da ría reloce
como un espello de prata;
e o ceo limpo semella
que, pouquiño a pouco, baixa
a falar c-os seus eternos
irmáns: o mar e a montaña. [...]

                                                                             Ramón Cabanillas



 Este poema de Ramón Cabanillas foi publicado na obra titulada Camiños no tempo, en 1949, pola editorial Bibliófilos Gallegos. 



Eternos irmáns: o ceo, o mar e a montaña



O remate da Andaina que fixemos ao monte Lobeira o 21 de maio consistiu nunha lectura colectiva do poema de Ramón Cabanillas

ANDAINA AO MONTE LOBEIRA: LITERATURA E PAISAXE



O luns 21 de maio fixo un día espectacular para camiñar, gozar da natureza, convivir e aprender na Andaina ao monte Lobeira. Organizada polos Departamentos de Educación Física, Xeografía e Historia e Lingua Galega, en colaboración coa Biblioteca, a andaina contou con numerosas actividades e probas. O alumnado de 2º da ESO organizouse en 6 equipos que recibían o nome de 6 illas da nosa ría: Cortegada, Malveiras, Insuiña, Arousa, Noro e Sálvora. Cada grupo tiña que facer unha actividade de orientación. Tratábase dun percorrido polo monte, recollendo as fichas coas probas nos distintos puntos de control, cinco en total.

Nas probas había que contestar preguntas, debuxar mapas e situar referencias xeográficas de poemas de Álvaro Cunqueiro e Ramón Cabanillas, seleccionados polo profe de Xeografía. Por este motivo a actividade foi bautizada co nome "Literatura e paisaxe".

Tras completar todas as probas, cada grupo recibiu como premio un anaco do cebracabezas que, unha vez ordenado, conformaba o poema de Ramón Cabanillas "No castelo de Lobeira". Os representantes dos seis equipos recibiron cadanseu fragmento, que tiveron que organizar para, finalmente poder realizar unha lectura colectiva do poema.

       Camiñamos, traballamos moito, cansámonos bastante, pero pasámolo xenial!

















O CLUB DE LECTURA DO IES PEDRO FLORIANI DE REDONDELA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Que guai e que fugaz o encontro co Club de Lectura do IES Pedro Floriani de Redondela!

O 16 de maio, véspera da celebración do Día das Letras Galegas, tivemos a visita de máis 50 persoas que forman este club. No transcurso do seu roteiro literario pola ría de Arousa fixeron esta parada no noso centro para recitar versos de Fermín Bouza Brey. 

Viñeron alumnas e alumnos, profes e mesmo unha nai e un pai que forman parte do club de adultos. Estiveron connosco apenas media hora. Convidámolos a ver dous vídeos: o do Club de Lectura "Nao senlleira", que fixeramos hai tres cursos, e o que vimos de publicar sobre a novela de María Victoria Moreno Leonardo e os fontaneiros.

Fixeron a foto de rigor nas escaleiras onde temos escritos os versos do poema máis coñecido do autor que dá nome ao noso centro. 

Por certo, non busquedes poemas nin novelas de Pedro Floriani! Non foi un escritor, senón un contratista que traballou na construción do ferrocarril, en concreto dun dos viadutos que atravesan a vila de Redondela. A historia de Pedro Floriani é un tanto confusa ao terlle atribuído datos que corresponden a outro arquitécto homónimo. O que si sabemos é que tivo un destino tráxico. Para saber máis sobre o tema podes pinchar aquí: Pedro Floriani

Temos que pensar en devolverlles a visita para o vindeiro curso. A "Nao senlleira" do Bouza debería navegar ata a illa de San Simón.





sábado, 12 de maio de 2018

LEONARDO E OS FONTANEIROS. NON VOS PERDADES O NOSO VÍDEO


"Leonardo e os fontaneiros" é unha novela de María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018, dirixida ao público infanto-xuvenil. O alumnado de 2º da ESO do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa quixo ilustrar uns fragmentos desta historia tenra, divertida e triste ao mesmo tempo, creada por unha escritora que amou Galiza e a nosa lingua, que defendeu os animais e que loitou por un ensino máis divertido e enraizado na nosa terra.

Xa está en youtube o noso vídeo sobre a novela de María Victoria Moreno "Leonardo e os fontaneiros". Esta historia tenra, triste e divertida ao mesmo tempo está narrada por Tono, o seu protagonista. Tono é un rapaz que vai ao colexio "Martiño Dumio" onde vive aventuras e desventuras cos seus amigos, alcumados "os fontaneiros" por algunha trasnada que os mete en tremendos problemas...

Leonardo é o can vagamundo que Tono quere pola vida, como María Victoria Moreno quixo sempre aos animais e, precisamente, con especial afecto aos cans.

Se queredes ver a adaptación dalgúns fragmentos da novela que o alumnado de 2º ESO fixo para este vídeo, podedes pinchar aquí.

venres, 11 de maio de 2018

VITRINA LETRAS GALEGAS 2018


Está case rematada a vitrina sobre María Victoria Moreno. Unha chea de libros interesantes. As obras da autora Leonardo e os fontaneiros que xa lemos en 1ºda ESO; Anagnórise, que lemos en 2º, 3º, 4º e mesmo en 2ºde Bacharelato.  Os versos de Elexías de luz. A escolma de poesía dos "Novísimos", poetas que comezaron a escribir nos anos 70. A novela Onde o aire non era brisa, que escribira inicialmente en castelán. Pequenos ensaios: As linguas do Estado ou Prosa e verso. E moitos traballos de divulgación sobre a súa figura e a súa obra.

                                                    Esperamos que aínda siga medrando.

O ESCALÓN DE ULISES ONDE SENTABA MARÍA VICTORIA MORENO

Moitísimas grazas a Montse Fajardo!

A escritora vilagarciá estivo onte no noso IES e tróuxonos como agasallo para a Biblio dous exemplares do libro que vén de publicar. Titúlase "O escalón de Ulises" e fálanos sobre a vida de María Victoria Moreno en Pontevedra a través das testemuñas de persoas que a amaron: amigas, familiares, amigos, compañeiros de traballo... Un libro cheo de humanidade que nos axuda a comprender mellor a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

Este libro, aínda que sobrio, ten na edición ese agarimo especial que lle pon Montse aos seus traballos. A maqueta é de Rosa de Cabanas e os debuxos de Manuel Uhía. 

                                                                 Unha chulada!


PALABRAS E VERSOS DE MARÍA VICTORIA MORENO NOS VIDROS


"As persoas estamos feitas para chegar a perfección amando e sendo amadas"

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos"

"Os cans, fóra a alma, son como as persoas. Decátanse das cousas coma nós"

"Educar un neno é dotalo das ferramentas para que sexa feliz"

Gústame o cheiro a pan
dos amenceres,
e as andoriñas tolas
e as luces febles.

Gústame a vida
cando se axita en gozo
ó abri-lo día. 




























martes, 8 de maio de 2018

ALONSO MONTERO FALOUNOS DE MARIA VICTORIA MORENO

Que pracer! Que privilexio, coma sempre, escoitar ao profesor Alonso Montero!
Nesta ocasión falounos con paixón da vida e a traxectoria de María Victoria Moreno, nunha conferencia na que non nos cansamos de escoitalo falar sobre esta escritora chea de matices. 
Neste percorrido fomos a Sepúlveda, a Barcelona, a Madrid. Asistimos ás aulas de Dámaso Alonso e de Rafael Lapesa... Aprendemos que é un "gerundiazo"... Case puidemos ver cos nosos propios ollos a profesora vocacional e namorada do seu alumnado. Así mesmo albiscamos moitos alumnos (segundo o profesor Alonso Montero: todos) namorados desta profesora inconformista. Coñecemos o seu apostolado lingüístico, o seu tránsito da alofonía á autofonía... Repasamos autoras e autores alófonos, dende Lorca a Anne Marie Morris ou Carles Riba. Sentimos a represión franquista cara a nosa lingua na detención desta entusiasta defensora e dignificadora do noso idioma. 

Todo isto na voz dun intelectual senlleiro e orador incansábel. Un agasallo para o alumnado e o profesorado do Bouza que tivemos a sorte de escoitalo.

CARTAS DE DESAMOR

Xa sabemos cales son as premiadas deste ano. Son as que escribiron Carla Alcaine Fandiño, Uxía Nogueira Franco, Nerea Lodeiro, Joel Rubio González de 2º de ESO. Os premios foron entregados durante o transcurso do acto no que puidemos tamén escoitar a conferencia de don Xesús Alonso Montero para falarnos sobre a vida e a traxectoria de María Victoria Moreno, que se celebrou para homenaxear a María Victoria Moreno, autora a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas.