Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 16 de decembro de 2016

Xa chegou o Nadal a Biblioteca

O Nadal xa chegou a Biblioteca do Bouza Brey. Este ano cambiamos a decoración, puxemos unha árbore minimalista e unhas fiestras maximalistas, decoramos para todos os gustos. Cada un/unha que escolla o seu estilo.















Pero non só decoramos a nosa biblioteca, tamén che recomendamos libros para que desfrutes nestas datas.


Mira as nosas vitrinas, fixemos algunha escolla para ti:





 Animádevos oh, e collede un libro !!!








sábado, 3 de decembro de 2016

VERSOS DE VENTO E SALITRE

Este curso a actividade O POEMA DA SEMANA ten como motivo o mar, por iso, subtitulámolo VERSOS DE VENTO E SALITRE.

Comezamos cun poema obrigado: "Ítaca", do autor grego Konstantinos Kavafis. O alumnado de 1ºESO-A foi o encargado de rotulalo. "Ítaca" é unha composición que compara a vida cunha longa viaxe en barco. As referencias mitolóxicas non agochan a mensaxe que Kavafis nos quixo transmitir: que vivamos co obxectivo de sermos persoas ricas en experiencias e sabiduría, que é o que realmente nos pode enriquecer. Este poema é o máis coñecido deste singular autor. Na península ibérica foi o catalán Luís Llach quen o difundiu ao poñerlle música en 1975.



1ºESO-B escolleu un poema que tamén ten música. Trátase de "Teu nome por mar e terra", musicado e interpretado por aCadaCanto. O texto pertence a un autor nado en Ponteareas, que foi escritor e xornalista Carlos Rivero Troncoso. O poema, descuberto por Xabier Díaz, converteuse no primeiro tema do primeiro grupo do cuarteto aCadaCanto.







martes, 29 de novembro de 2016

Contes autour du feu (Contos arredor do lume)

O mércores 16 de novembro tivemos a sorte de contar coa presenza do docente, mediador intercultural e narrador oral, Samuel Mountoumnjou, nacido en Camerún.
Os estudantes de francés do Bouza escoitaron os seus contos e lendas africanas. Gustáronnos todos moitísimo. Son historias cheas de calor e de cores que ademais de entreter, invitan a pensar, transportándonos ata as profundidades do continente e transmitíndonos o espírito africano.
No titulado "A granxa", un rato moi listo, demostrounos que cómpre ser solidario cos que teñen necesidades. Na fábula "O elefante que perdeu o ollo", Samuel explicounos que cando temos un problema hai que manter a calma, ser prudente e escoitar os consellos dos demais. No último conto, titulado "Quen é o rei?", un home moi humilde axuda desinteresadamente a outra persoa que ten dificultades. Despois descubre que a quen axudou foi ao rei, en quen a partir de entón, terá un amigo agradecido e fiel.
O mellor de todo foi que Samuel Mountoumnjou contou en francés as súas historias e todos fomos quen de entendelas! 



 

luns, 28 de novembro de 2016

CONCURSO DE CONTACONTOS: NAVEGANDO CON CASTELAO


O venres 25 de novembro celebramos o concurso de Contos do Outono, nesta edición baixo o subtítulo "Navegando con Castelao". Nel participou o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO cunha dignísima representación que demostrou o enorme talento que existe no noso centro. É un tópico falar do difícil labor do xurado nos concurso, pero neste caso foi unha clarísima realidade. Temos que felicitar a David Leis Nine (2ºESO), Fátima Fernandes e Uxía Piñeiro Moldes (3º ESO), así como a Cristina Souto (Lingua Castelá) e Marcos (Ciencias Sociais) polo seu magnífico traballo. 

Presentaron o acto Álvaro Ferro e Sofía Otero. Os contos versaron sobre diferentes temas: a vida de Castelao, relatos de Cousas que tratan sobre o mar, algunha orixinal adaptación, lendas xa existentes, historias inventadas, tenras, divertidas, orixinais...
Foi unha magnífica edición cunha enorme calidade. Aínda que os nervios sempre están moi presentes, o público apoiou aos participantes e gozou coas súas historias. 

PARTICIPANTES
Os nosos parabéns deben ser para os participantes desta edición, 11 magníficos contadores e contadoras: de 1º ESO David García Aragunde, Clarisse Gallego Fontaine, Matías Rozuadonsquey Castro e Joel Rubio González; de 2ºESO Iago Lorenzo Dios, Irea Ferreiro Álvarez e Víctor Lemos de la Torre; de 3º ESO Paula Fernández Riveiro, Juan Bugallo García, Paloma Muñiz Maneiro e Alberto López Pérez.   

GAÑADORAS
As persoas gañadoras foron:
1ºPREMIO 1ºESO: Clarisse Gallego Fontaine
2ºPREMIO 1ºESO: Joel Rubio González

1ºPREMIO 2ºESO: Irea Ferreiro Álvarez
2ºPREMIO 2ºESO: Víctor Lemos de la Torre

1ºPREMIO 3ºESO: Alberto López Pérez
2ºPREMIO 3ºESO: Paloma Muñiz Maneiro


O xurado, formado por Fátima Fernandes, David Leis, 
Uxía Piñeiro, Cristina Souto e Marcos 


David García Aragunde (1ºESO=-A) contou 
unha simpática sintética biografía de Castelao 

O orixinal conto de Clarisse Gallego Fontaine
 (1º ESO-A) falaba das andanzas de Castelao pola
 terra da que procede Clarisse: a Bretaña 


Joel Rubio González (1ºESO-B) atreveuse a cantar
 "Lanchiña que vas en vela"

Matías Rozuadonsquey Castro (1ºESO-B) emocionounos coa súa
 historia de naufraxios, golfiños e clarinetes na ría de Arousa 


Víctor Lemos de la Torre, obtivo o 2ºpremio na categoría de 2ºESO



 Iago Lorenzo Dios contou unha historia da súa propia autoría



Irea Ferreiro Álvarez








martes, 22 de novembro de 2016

Un recordo para Fermín Bouza Álvarez

A  finais de outubro morreu en Madrid o fillo de Fermín Bouza Brey e nós, dende a Biblioteca do Bouza, queremos recordalo con esta pequena achega.
O sociólogo e escritor Fermín Bouza Álvarez (Santiago, 1946) faleceu aos 70 anos na capital madrileña, onde traballaba como catedrático da Universidade Complutense.
Era fillo do intelectual galeguista Fermín Bouza-Brey e malia ter marchado a vivir á capital española hai moitos anos, sempre mantivo a súa actitude galeguista. Publicou en galego varias obras. A primeira delas, a novela Memoria do Diaño. A súa derradeira achega á literatura galega foi unha antoloxía de poetas galegos en Madrid, editada en 2012. Obtivo o Premio Nacional da Crítica Española con Labirinto de inverno.
Ademais mantiña un blogue no diario dixital InfoLibre dando a súa opinión da actualidade e compartindo con todas e todos as súas lembranzas e análises. A derradeira entrada é do 6 de outubro, comentaba que saía da UCI e analizaba a situación política do momento.



martes, 15 de novembro de 2016

Valle-Inclán chegou a Biblioteca do Bouza

O venres día 4 de novembro arribou ao noso porto Javier del Valle-Inclán Alsina, neto do famoso escritor Ramón María del Valle-Inclán.
Durante unha hora presentounos o seu último libro, titulado Ramón Mª del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid (1912-1925) e publicado por Laiovento.
Javier contounos unha chea de anécdotas do seu avó. Explicounos cómo e cándo perdeu o brazo, o motivo real polo que viaxou a México ou os amigos que tiña aquí, en Vilagarcía de Arousa. Tivo un recordo moi especial para Fermín Bouza, o fillo de Bouza Brey que morreu hai pouco tempo.
Teo Cardalda achegouse desde Vilaxoán á nosa biblioteca para asegurarse de que Javier, contaba as anécdotas do escritor no Salnés. Ambos, explicáronnos a relación do escritor co propietario do pazo de Rúa Nova e o café vilagarcián onde Fermín Bouza Brey coñeceu a Valle, que era moi amigo de seu pai.
Na charla estiveron as mariñeiras e mariñeiros de 4º de ESO e en xeral, aproveitaron ben a navegación.


venres, 28 de outubro de 2016

Contos de outono: Navegando con Castelao

Chegou o outono e a nova estación convida a xuntarse e contar historias...Aínda que todas e todos sabedes que, co cambio climático, o outono estase convertendo en "verono" e no IES Bouza Brey, vimos de celebrar o magosto en chanclas e manga sisa.
Así as cousas, a edición dos CONTOS DO OUTONO deste ano, convídanos a navegar. E farémolo cun dos personaxes principais da Galiza do século XX: Castelao. Cantas veces cruzaría o noso autor a Ría de Arousa -de Rianxo a Vilagarcía- para coller o tren e ir a Compostela a estudar, á súa querida Pontevedra, a Madrid, a Francia a investigar as cruces de pedra na Bretaña...
Se foron moitas as ocasións en que Castelao navegou pola Ría de Arousa, non foron poucas as que navegou polo Atlántico. A primeira foi a finais de 1895, cando emigrou coa súa nai para ir vivir co pai na Pampa. Ambos embarcaron, como tantos emigrantes, no porto de Vilagarcía de Arousa no bote Lloyd Norte, propiedade dunha empresa alemá. Esa foi a primeira. Logo cruzaría catro veces máis. De todas estas travesías e dalgunhas máis dá conta o mapa elaborado polo alumnado de 1º da ESO coas profesoras Susana e Cristina Pena e que poderemos ver na cafetería do instituto. As alumnas e os alumnos de 1º, 2º e 3º da ESO xa están preparando as historias que nos convidan a navegar, pola nosa ría, polo Atlántico...., como fixo Castelao. Poderemos escoitar unha selección dos mellores relatos o venres 25 de novembro, día en que se celebrará o Concurso de Contacontos: Navegando con Castelao.