Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 29 de xaneiro de 2019

OS CADERNOS MÁIS BONITOS DO MUNDO

Puxemos tamén en marcha as recomendacións personalizadas e, para dar conta desta actividade, preparamos os CADERNOS MÁIS BONITOS DO MUNDO, ou sexa, dous cadernos nos que agardamos que escribades os convites máis suxestivos e fermosos, que os costumicedes, que fagades un convite á lectura á persoa que vos escollades. Ela terá que continuar a actividade, seleccionando un novo libro, escribindo sobre el, pensando nunha persoa a quen lle gustaría convidar a lelo...
Queremos que vaiades construíndo así unha cadea de vivencias e reflexións. Para que flúa un chisquiño esta actividade, preparamos, no canto de un, dous cadernos. Candela Rodríguez, de 1ºBach.,  foi a encargada de estrear un deles. Escolleu a Pablo Troitiño para recomendarlle a Historia do rock and roll. O outro estreouno Luz Fernández, que convidou a Carlota a ler Mujeres, un libro que trouxo da súa propia casa.
Cada venres termos unha cita na Biblioteca. Neste blog mais na nosa conta de instagram seguiremos dando conta das novidades desta actividade. Non deixedes de seguilas.



AS VOSAS RECOMENDACIÓNS

As recomendacións das lecturas que fixestes no Nadal xa comezan a ser visibeis. Na TV da entrada xa podedes ver as fichas que conteñen os vosos textos con reflexións e comentarios sobre os libros.  Se non vedes aínda a ficha coa vosa recomendación, non vos preocupedes e estade moi atentas, axiña irán aparecendo máis.





DENDE A OUTRA BEIRA DA RÍA, UN POEMA DE NOELIA CALVO


Dende a outra banda da ría, exactamente dende Rianxo, chéganos un novo poema do mes. Trátase dun texto que nos envía Noelia Calvo e que traballaron e rotularon os alumnos e alumnas do Agrupamento de 1ºESO, cunha pequena axuda das alumnas de 4ºESO. No taboleiro da entrada podedes ver o resultado.


EQUIPOS DE BIBLIOTECA A PLENO FUNCIONAMENTO


Os equipos de Biblioteca están funcionando todos os días no lecer facendo tarefas de préstamo, de etiquetado de libros, de asesoramento a usuarias, de colocación de fondos ou mesmo de decoración. 
Proximamente estará listo o calendario do mes de febreiro coas quendas que corresponden a cada grupo.
Precisamente no mes de febreiro pretendemos facer outra actividade de compras comisariadas, desta volta o Equipo de maiores. Será unha saída a Compostela para a adquisición de cómic e de libros para o fondo xeral.










mércores, 9 de xaneiro de 2019

VICTORIA ÁLVAREZ RUIZ DE OJEDA: UNHA INVESTIGADORA RIGOROSA E SILENTE

Preparamos esta vitrina para homenaxear a Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, a investigadora que transformou a nosa visión sobre a biografía de Rosalía de Castro. Realizou numerosas investigacións e publicou en revistas como "A trabe de ouro", "Grial" ou a "Revista de estudos rosalianos".
Ademais de investigar e difundir numerosos aspectos da figura e a traxectoria de Rosalía, ocupouse tamén de Manuel Murguía, Micaela Mutuberría, Eladio Rodríguez e deu a coñecer a correspondencia entre o escritor Eduardo Blanco Amor e o político Manuel Azaña.
Sendo Fermín Bouza Brey o primeiro biógrafo de Rosalía, queremos facer un recoñecemento especial a unha muller que non viviu baixo a luz dos flashes, senón que ela foi quen puxo o foco sobre documentación que estudou rigorosa e pormenorizadamente para axudarnos a deitar luz sobre outras figuras e esclarecer moitos aspectos que foron manipulados ou terxiversados.
Na vitrina pódese ver a case totalidade das publicacións nas que difundiu os seus estudos a investigadora viguesa. Grazas a profesora Patricia Arias Chachero podemos ollar libros, revistas, publicacións colectivas nas que Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda participou.

PRÉSTAMO MASIVO DE NADAL: EXPERIENCIA EXITOSA

O Nadal é un tempo para realizar moitas actividades especiais. É indiscutíbel que abandonarse ao pracer da lectura é unha das máis indicadas. Por iso quixemos facer un préstamo masivo. Así un tras outro, case a totalidade dos grupos da ESO e Bacharelato pasaron a última semana do trimestre pola Biblioteca para facer acopio das obras que ían levar para ler, escoitar ou ver nestas dúas semanas de lecer. A idea é que se non levamos os libros para casa non os imos poder ler. Deste xeito, ampliáronse o número de volumes a emprestar, para que, quen quixese, puidese levar cómics, pelis e moitas lecturas para casa.

Ao pasaren centos de persoas para pedir as obras en préstamo, tivemos que botar man xa do apoio do alumnado do Equipo de Biblioteca. Na imaxe vemos as alumnas de 2ºESO moi atarefadas xestionando o préstamo.
  

Na imaxe inferior podemos ver como quedaron os andeis do expositor. Houbo que repoñelos ata tres veces