Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 22 de xuño de 2016

Chegou o solsticio de verán!

No Bouza Brey celebramos a chegada do verán e a  fin do curso cunha exposición de fondos das herbas máxicas do San Xoán. Se queredes saber das herbas coas que lavar a cara na mañanciña do 24 de xuño, pasádevos pola biblioteca. Ademais de consultar as súas propiedades, podedes saber delas no cartel que mostramos a continuación. Deixándoas amolecer ao luar na noite de San Xoán, posúe propiedades máxicas. Segundo conta a tradición, posúen propiedades en calquera momento do ano, mais nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio, do verán, da lúa e mais do orballo desta noite.

 Que pasedes unha boa e feliz noite de San Xoán!






martes, 21 de xuño de 2016

E por fin rematamos o Mosaico!

Comezamos o curso 2015/16 coa idea de traballar conxuntamente co IES A Espiñeira de Boiro na confeción dun mosaico.

Tratábase de facer dous mosaicos xemelgos, un en Boiro e outro en Vilagarcía, cun nexo común que sería o mar da Arousa e a poesía galega. Así foi como cada un de nós debuxou o mesmo mar, en Boiro cunha copla tradicional e nós coa Nao Senlleira:
- “Se navegas pola ría de Arousa verás as estrelas e a lúa darlle bicos ao mar” en Boiro.
- “Eu quixera ser nao Senlleira” en Vilagarcía.

O obxectivo era integrar as artes con outras materias, como as linguas, para levar a cabo un proxecto, neste caso un mural de cerámica galega, que serva ao mesmo tempo como espazo para a convivenciae para a mellora das nosas prácticas educativas.

Visitamos varias fabricas e almacéns de cerámica para presentarlle o noso proxecto. Sargadelos donounos moitísimo material e tamén empresas de construción da zona.

Unha vez debuxado “in situ” o noso mar da Arousa e o verso do poema puxémonos a enchelo de cerámica, traballo que durou meses e no que colaborou todo o instituto. Tamén o alumnado do CEIP o Piñeiriño visitou o centro para e puxo a súa pedriña no mosaico.



mércores, 1 de xuño de 2016

Desembarco Vikingo na Biblio do Bouza

En 2º da ESO, na materia de ciencias sociais, estúdase o mundo medieval, a ría de Arousa posúe vestixios que nos levan ao medievo da man das invasións vikingas. A biblioteca xunto coas profesoras de ciencias sociais e o alumnado de 2º da ESO, traballamos conxuntamente neste temática. Praparamos a escenografía de xeito que a sala de lectura retrocedeu no tempo para albergar aos vikingos. Enormes debuxos en cartón foron utilizados como Photocall onde retratarse e como contexto e posta en escea dos fondos existentes na biblioteca arredor do mundo vikingo, especialmente das incursións vikingas na Arousa.

Ademais, Rubén Terré Lameiro, autor do libro "Os viquingos nas terras do Salnés", escrito e publicado pola editorial Urco, veu á nosa biblioteca para falarnos do tema e profundizar na historia e no legado que deixaron estes homes e mulleres do norte nas súas incursións en Galicia a través da ría de Arousa. Foi unha charla á que asisteu o alumnado de 2º da Eso, o mesmo que participou na excursión a Catoira organizada dentro desta mesma actividade. Fomos visitar as Torres e subimos polo Ulla arriba nos Drakars. Dividímonos en dous grupos e, mentres uns navegaban, o outro grupo agardaba na torre cunha monitora e guía, que lles explicaba a historia do lugar. Ao regreso, os navegantes asaltaron a torre e escenificaron unha pequena loita. Para este xogo, o alumnado elaborou, na biblioteca, escudos e machadas de cartón coas que enfrontarse ao innimigo.







A Biblioteca recoméndache


CEIP O Piñeiriño - IES Fermín Bouza Brey

Outro ano máis viñeron os nosos veciños do Piñeiriño contarnos contos ao Bouza, nunha marabillosa xornada que rematou no mosaico, colocando cadansúa pedriña de cores. Nós tamén fomos  alá e contamos contos en francés, moi sinxeliños, recitamos poemas, trabalinguas e adiviñas. Sara e Claudia de 3º da ESO idearon un xogo de pistas moi divertido para a rapazada de 5º de primaria. Mentres, no Salón de Actos, Isabel e Heloise léron contos ás máis pequeniñas e pequeniños que tamén bailaron ata cansar cos poemas de Manuel María, tan ben interpretados polas rapazas de 1º da ESO, xunto con Ansemil e David ao acordeón. Foi unha xornada ben bonita que agardamos volver a repetir moitos anos máis.