Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!
Amosando publicacións coa etiqueta librería Couceiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta librería Couceiro. Amosar todas as publicacións

domingo, 23 de febreiro de 2020

COMPRAS EN COMPOSTELA


O xoves 29 de febreiro o alumnado do  Equipo de Biblioteca, acompañado por Pablo Chaves e Isabel G. Avión, realizou unha saída a Compostela para adquirir novos fondos. O obxectivo: ampliar os títulos do noso catálogo con libros para a bibloteca inclusiva e seguir afondando na reflexión sobre o medioambiente.
A viaxe fixémola en tren. Isto forma parte do concepto dunha biblioteca diferente, onde as experiencias son tan importantes como as lecturas.
Xa en Compostela vistamos a librería Aenea, onde realizamos unha interesantísima actividade, non por orixinal nin complexa, senón por como resultou. Cada alumna tiña que defender a compra do libro ou libros que desexaba levar para a nosa Biblioteca. Realmente demostramos que hai camiños que paga a pena transitar, xa que as exposicións foron tan ricas e mesmo brillantes, que as libreiras (afeitas a desenvolver esta actividade con numerosos centros educativos) estaban entusiasmadas e fartáronse de felicitarnos.
Tamén a librería Couceiro e a libreía Kómic recibirion a nosa visita e nelas adquirimos interesantes obras.
A anécdota protagonizouna unha alumna de 2ºESO-B que, ao entrar na librería Kómic, chorou de emoción e díxolle a Pablo Chaves: "Profe, trouxéchesnos ao paraíso!".

Estas son as experiencias que dan sentido a tanto traballo que desenvolvemos na Biblio do Bouza Brey

domingo, 24 de febreiro de 2019

COMPRAS COMISARIADAS EN COMPOSTELA: KÓMIC E COUCEIRO

De compras en Compostela, como xa fixeran os membros do Equipo de 1ºESO en Vilagarcía. Desta volta o obxectivo era comprar banda deseñada, xa que esta é a sección que máis demanda ten na nosa Biblioteca. Así que collemos o tren das nove e vinte da mañá e, nun velaivai estabamos na estación de Compostela. Moi pertiño de alí está a librería Kómic, da que somos clientes dende hai unha morea de anos. 
Desta sección durante moito tempo ocupáronse Mato e Carmelo, polo que son vellos coñecidos na librería, pero desta volta iamos directamente as persoas que usamos e, agora, tamén colaboramos na xestión da Biblioteca. 
Somos as mellores especialistas do mundo nos nosos propios gustos, inquedanzas e intereses. Por iso, quen mellor ca nós para facer as adquisicións. Así e todo, como Equipo que somos, cada compra se medita e negocia entre todas. Como o orzamento non é infinito, hai que ser moi responsábeis e pensar moi, moi ben que é o que levamos e que é o que deixamos quedar. 
Mercar na librería Kómic foi un pracer. Ademais, Pío atendeunos de marabilla, estivo moi atento ás nosas peticións e respondeu moi amablemente todas as nosas preguntas e dúbidas.
A seguir, a fume de carozo, fomos á cidade vella. Na praza de Cervantes está situada a preciosa librería Couceiro, que cumpre o vindeiro mes de marzo 50 anos. Precisamente cando nós chegamos estaban acabando de gravar a entrevista a Xesús Couceiro, o seu dono e fundador, para un documental.
A xornada foi intensa e moi aproveitada. As compras comisariadas, de novo, un éxito para a nosa Biblioteca.