Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 25 de outubro de 2017

CAMIÑANDO ENTRE VERSOS: PENÉLOPE DE XOHANA TORRES

Este poema de Xohana Torres preséntanos unha Penélope que decide rematar co seu rol de muller pasiva. Este é un personaxe da Odisea, un dos poemas épicos máis importantes da literatura grega. Penélope agardaba pacientemente o regreso do seu home, Ulises, a Itaca. Mais neste poema de Xohana Torres, Penélope decide que ela vai tamén navegar. Aquí a autora emprega o mito para rematar con el. É, xa que logo, un poema reivindicativo e feminista.

Aínda que resulta un pouco difícil de comprender, o alumnado de 2ºESO-A traballou sobre el e foi quen de entender certas imaxes que mesturan a mitoloxía grega coa simboloxía dos acios das uvas, do malva, que xunto coa simboloxía do mar, ten moitísima importancia na poética de Xohana Torres. Alumnas e alumnos de 2ºESO-A rotularon os versos e agora podemos ler o poema na entrada do Centro, no taboleiro adicado ao poema do mes que este curso leva o nome de CAMIÑANDO ENTRE VERSOS.

Non podemos esquecer no Bouza Brey o ano 2014 en as Letras Galegas foron dedicadas ao poeta Díaz Castro, autor doutro poema titulado tamén "Penélope", que Dimas Iglesias musicou. Logo de gravalo, fixemos dous vídeos que podedes reproducir aquí, nestes enlaces: 1 e 2. Mais a Galiza-Penélope de Díaz Castro representaba a paciencia inmobilista, que non conduce a ningures, só a dar un paso a diante e outro atrás.

Esta Penélope abre as portas a novos horizontes...


OUTONO E SAMAÍN

A Biblio do Bouza ten tanto atractivo que non deixa de receber gavanzas (como as que fixeron algunhas persoas da comitiva institucional que estiveron o día 9 de outubro) e de ter colaboracións desinteresadas e tan valiosas coma as dos nosos amigos Mónica García Rodríguez e Antón Reimúndez que están enchedo a nosa biblioteca das máxicas cores do outono e de motivos que acompañarán as actividades do Samaín.











O CLUB DE LECTURA NO DÍA DAS BIBLIOTECAS

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas. Na nosa celebrámolo hoxe facendo a primeira xuntanza do Club de Lectura para maiores. Tratábase de presentar as dúas obras que imos ler neste trimestre: Camiños na auga, de Manuel Núñez Singala, e Los tres nombres del lobo, de Lola P. Nieva. A primeira é unha historia de supervivencia, protagonizada por un mozo negro albino. A segunda transpórtanos á Idade Media da man dunha restauradora que se ve transportada á terra dos viquingos.






sábado, 21 de outubro de 2017

EU TAMÉN NAVEGAR!

Xohana Torres deixounos o 12 de setembro de 2017, cando a chuvia anunciaba o comezo das clases no Instituto.
Esta autora, pioneira en tantos aspectos, agasallounos cunha poesía chea de calidade e lirismo, que transita entre o mar de Ferrol e Vigo e as terras de Compostela ou o Ribeiro. Desta bisbarra vitivinícola ourensá era orixinaria a súa avoa, a quen dedicou o seu último poemario Elexías a Lola, publicado en 2016. Do mundo físico e estético que Lola lle ofreceu naceu unha sensibilidade e unha estética inconfundíbel.
Na nosa biblioteca a penas tiñamos un exemplar de Adiós, María, recén adquirido a finais do curso pasado e aínda sen fichar. Deunos traballo, pero grazas á xenerosidade dos nosos colaboradores, logramos facer unha vitrina moi completa coa obra da autora.
Os seus versos tamén nos acompañan no vestíbulo do centro. O alumnado de 2ºESO-A vén de rotular o coñecido e reivindicativo poema Penélope, que poderemos ler no espazo do poema do mes.


OS CAMIÑOS DO CLUB DE LECTURA

O noso Club de Lectura vai comezar a súa andaina cos camiños do máis alá da man da coñecida novela Un monstro vén a verme de Patrick Ness e Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas. Dirixidas ao grupo de adultas/os (alumnado de Bacharelato, profes e persoal non docente) serán as lecturas de Os camiños na auga de Núñez Singala e Los tres nombres del lobo de Lola P. Nieva. Esta será a andaina polos camiños vitais e da historia.



Un monstro vén a verme de Patrick Ness, editado en galego pola editorial Kalandraka,
 encetará os camiños do máis alá no Club de Lectura Nao Senlleira do noso IES 

venres, 20 de outubro de 2017

A MEMORIA DA AUGA

Queremos comezar este curso cunha historia que nos leva polos camiños do mar. Mathieu Reynès é o guionista que nos ofrece a historia de Marion. Este criouse entre o País Vasco francés e Burdeos e nesta historia fainos chegar o recendo do mar e as misteriosas historias que vencellan aos habitantes da costa co seu pasado. Marion é unha adolescente que vai, xunto coa súa nai, vivir á casa da infancia materna. Nesta vivenda, situada enriba dun imprsionante cantil, descubrirá o pasado dos seus avós e os estraños vencellos que ela mesma ten cun inquietante fareiro... 
Valérie Vernay é a ilustradora.  Os realistas debuxos que nos ofrece transpórtannos a un mundo de brétemas con máis sombra e escuridade ca luces...