Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 25 de xaneiro de 2017

Cando o amor remata...

Amar é fácil. Que sexa "para sempre" bastante máis complexo. Demostra a túa elegancia redactando a mellor carta de desamor do instituto. Imaxina que debes explicarlle á túa parella que o voso rematou (o típico, "sintoo pero non temos futuro"; " non es ti, son eu",...). 
Se queres participar, redacta unha carta que teña como mínimo 250 palabras e, por suposto, en GALEGO

O Clube de lectura

A singladura do clube de lectura da nosa "Nao Senlleira continúa neste curso 2016/17.
Na primeria reunión do club, con data 10 de novembro, presentarónse os novos membros e reencontrámonos cos antigos, achegamos a temática coa que estamos a traballar este ano  na biblioteca, "Nao senlleira, navegando a deriva", e propuxemos a lectura de cómics variados relacionados coa navegación. Xurdiron así escollas como os cómics de Corto Maltés, Axterix e a gran travesía oua Odisea.
Na segunda reunión do club, o 7 de decembro , comentamos estaas lecturas e quedamos en reunirnos o día 20 de decembro, antes do Nadal, para intercambiar libros entre nós e lelos nas vacacións. Así, ofrecéronse títulos com Óceano Mar, de Alessandro baricco, as Comedias bárbaras, xa que acaba de ser, o ano pasado, o 150 aniversario de Valle-Inclán, un cómic sobre a Guerra de Troia, a novela De Victoria para Alejandro, ambientada na antigüedade, un libro sobre a biografía de Valle, pensado para nenas e nenos, as Aventuras de Huckleberry Finn de  Mark Twain, entre outras obras.
A volta de vacacións, reunímonos o martes 17 de xaneiro para opinar sobre estas lecturas e fixar unha data para a nossa "sesión flocos de millo", na que imos a xantar no insti e logo veremos unha peli.








venres, 20 de xaneiro de 2017

REGUEIFESTA. IMPROVISANDO EN GALEGO

O trimestre pasado visitounos Roberta Maschi, profesora de Italiano ma Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía e responsable do Equipo de Normalización Lingüística do seu centro. Viña facernos un agasallo: un convite para participar na Regueifesta que celebrarían Sechu Sende mais o alumnado do instituto de Vila de Cruces.
Este pasado martes 17 de xaneiro o alumnado de 2º ESO puido participar nesta actividade de poesía, maxia, humor, música e talento. Sechu Sende convenceunos de que, sendo rapaz no instituto, fixera ouija para falar co espírito de Castelao. Este preguntoulles aos rapaces e rapazas da clase en que idioma falaba, resultando ser o propio Sechu o único que falaba castelán, así que lle fixo a promesa ao espírito de Castelao de que a partir daquel mesmo día falaría en galego...
As rapazas e rapaces de Vila de Cruces rapearon de marabilla!



COUSAS DE CASTELAO POLOS QUINQUILLÁNS


O alumnado de 1ºe 4º da ESO asistiu o 18 de xaneiro no Auditorio de Vilagarcía á representación teatral que a compañía Os Quinquilláns fixo da adaptación de Cousas de Castelao. É verdade que converter un texto narrativo nunha obra de teatro ten certas dificultades, pero cando falamos dunha obra formada por múltiples relatos, esa dificultade tamén se multiplica.

Os Quinquilláns teceron os argumentos dos diferentes lances interrelacionando moitos dos relatos de Cousas. Na obra aparecen os personaxes e os argumentos das historias do burro profundador, do Rifante, da siña Sinforosa, da Marquesiña, do pai de Migueliño, dos namorados sorprendidos pola luz eléctrica, dos mariñeiros galegos que se atopan nun porto lonxano do norte, do sineiro Martín, do negro Panchito, do emigrante Bieito, etc.

A obra sabe recoller moi satisfactoriamente a fondura psicolóxica que Castelao imprimía aos personaxes das clases populares. Na ambientación destaca o protagonismo da vida na ría de Arousa hai un século. Personaxes como o Rifante, a siña Sinforosa ou os namorados sorprendidos pola luz eléctrica da escuadra inglesa, sitúanos nos mesmos escenarios en que nos movemos nós hoxe, mais cen anos atrás.

A editorial Galaxia agasallounos cun libro da edición especial de Cousas para esta representación dos Quinquilláns. Na imaxe aparece o alumnado de 1ºESO-B con cadanseu exemplar do libro que xa comezaron a ler.



sábado, 14 de xaneiro de 2017

VOLVER AO MAR DE RIVADULLA CORCÓN NO POEMA DA SEMANA

Volver ao mar


Volver ao mar, á orixe,
a primeira e a derradeira casa
a que alberga as lembranzas,
a que é unha xanela aberta ao futuro,
a que está situada no tempo que non existe,
que é no pasado, no presente e no futuro.
A orixe e o final,
a que nos contén e nós contemos,
volver ao mar, volver a nós,
que vemos mirándonos no espello.
Unha visión que non é unha imaxe,
que é unha pregunta:
que estamos agardando do mar?
Por que non podemos deixar de miralo
e escoitamos unha canción de berce
cifrada no seu rumor sen límite?

                            Rivadulla Corcón

1º ESO Agrupamento A/B rotulou este poema de Rivadulla Corcón. Autor nacido na Coruña, é coñecido pola súa faceta televisiva, especializado en formatos documentais. Tamén traballou na radio. Como escritor ten publicado literatura infantil, xuvenil, teatro e narrativa, pero considera que a poesía é o seu xénero creativo por excelencia: “Podería dicir que o único no que creo é na poesía, porque é o alicerce principal da miña vida".


A súa relación co mar é fundamental, tanto na literatura como no traballo televisivo. Rivadulla Corcón di ao respecto: “Escribo moito sobre o mar por dúas razóns. Unha porque cando era un neno sentinme fascinado pola imaxe das mulleres de Muxía agardando na ribeira a chegada dos barcos cos seus homes a bordo e tamén porque ao mirar o mar síntoo como un misterio que reflicte o meu propio misterio interior”.