Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 9 de xaneiro de 2019

VICTORIA ÁLVAREZ RUIZ DE OJEDA: UNHA INVESTIGADORIA RIGOROSA E SILENTE

Preparamos esta vitrina para homenaxear a Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, a investigadora que transformou a nosa visión sobre a biografía de Rosalía de Castro. Realizou numerosas investigacións e publicou en revistas como "A trabe de ouro", "Grial" ou a "Revista de estudos rosalianos".
Ademais de investigar e difundir numerosos aspectos da figura e a traxectoria de Rosalía, ocupouse tamén de Manuel Murguía, Micaela Mutuberría, Eladio Rodríguez e deu a coñecer a correspondencia entre o escritor Eduardo Blanco Amor e o político Manuel Azaña.
Sendo Fermín Bouza Brey o primeiro biógrafo de Rosalía, queremos facer un recoñecemento especial a unha muller que non viviu baixo a luz dos flashes, senón que ela foi quen puxo o foco sobre documentación que estudou rigorosa e pormenorizadamente para axudarnos a deitar luz sobre outras figuras e esclarecer moitos aspectos que foron manipulados ou terxiversados.
Na vitrina pódese ver a case totalidade das publicacións nas que difundiu os seus estudos a investigadora viguesa. Grazas a profesora Patricia Arias Chachero podemos ollar libros, revistas, publicacións colectivas nas que Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda participou.

PRÉSTAMO MASIVO DE NADAL: EXPERIENCIA EXITOSA

O Nadal é un tempo para realizar moitas actividades especiais. É indiscutíbel que abandonarse ao pracer da lectura é unha das máis indicadas. Por iso quixemos facer un préstamo masivo. Así un tras outro, case a totalidade dos grupos da ESO e Bacharelato pasaron a última semana do trimestre pola Biblioteca para facer acopio das obras que ían levar para ler, escoitar ou ver nestas dúas semanas de lecer. A idea é que se non levamos os libros para casa non os imos poder ler. Deste xeito, ampliáronse o número de volumes a emprestar, para que, quen quixese, puidese levar cómics, pelis e moitas lecturas para casa.

Ao pasaren centos de persoas para pedir as obras en préstamo, tivemos que botar man xa do apoio do alumnado do Equipo de Biblioteca. Na imaxe vemos as alumnas de 2ºESO moi atarefadas xestionando o préstamo.
  

Na imaxe inferior podemos ver como quedaron os andeis do expositor. Houbo que repoñelos ata tres veces


domingo, 16 de decembro de 2018

A FEIRA DE LIBROS: UN ÉXITO TOTAL


O sábado 15 de decembro celebramos a FEIRA DE LIBROS. A verdade é que organizala supuxo un laborioso proceso no que o protagonismo correu a cargo do alumnado de 1ºESO do Equipo da Biblioteca. Precisamente este era un dos principais obxectivos da actividade. Outro, por suposto, o leitmotiv da mesma: darlle unha nova vida aos nosos libros. En palabras de Pablo Chaves: "Preferimos 100 persoas que lean que 1000 libros na biblioteca".

Ben é  verdade que a meteoroloxía non axudou demasiado, pero entre os participantes o entusiasmo era desbordante. Así que, vencendo as adversidades, o noso posto da FEIRA DE LIBROS estivo toda a mañá á disposición do público da nosa cidade. Boa parte das persoas que se achegaron ata o nós e levaron libros eran amigas, parentes, coñecidas, pero tamén houbo persoas descoñecidas que se interesaron e colleron as obras que levamos á Feira. Todas elas nos felicitaron pola iniciativa. Foi interesante a experiencia de ter que orientalas segundo os seus gustos e preferencias. Case todas levaban libros para ler elas mesmas e para agasallar. Desta maneira contribúen a que a nosa actividade teña un impacto maior. 

Así que consideramos que acadamos os obxectivos que nos propuxemos: visibilizamos a Biblioteca e o instituto, o Equipo do alumnado fomos os protagonistas de cada unha das tarefas que levamos a cabo para desenvolver a actividade e démoslle unha nova vida a moitos dos nosos libros. Un éxito total!
Agora xa temos ganas de que chegue o bo tempo para repetir a experiencia!

Algunhas das persoas que se achegaron eran coñecidas, familiares e amigas

Houbo persoas descoñecidas que nos felicitaron pola iniciativa


Comentábannos as súas preferencias e nós orientábamolas para que atopasen o que buscaban


Como a nosa primeira compradora (na imaxe superior), 
case todas levaban libros para agasallar e para ler elas mesmas



TRABALLANDO CON MOITA ILUSIÓN PARA A FEIRA DOS LIBROS


Levamos unha semana traballando duramente para preparar o material da FEIRA DE LIBROS que vai ter lugar o sábado 15 de decembro pola mañá na rúa da Baldosa, se o tempo o permite.

venres, 14 de decembro de 2018

SONIA MIRÓN AGASALLOUNOS COAS SÚAS NOVELAS

A escritora Sonia Mirón estivo estes días traballando como profe no noso instituto. Antes de despedirse quixo facernos estes tres magníficos agasallos: as tres novelas das que é autora. Protagonizadas por adolescentes, son historias cheas de valores que nos convidan a reflexionar sobre as relacións persoais, a importancia do autoconcepto, os conflitos, os cambios... Son libros moi chulos, por fóra e por dentro.

"Si tú quieres", que é a súa primeira novela, xa vai pola 5ª edición e "Hai un sol dentro de mí", que trata sobre o acoso escolar, pola 3ª. "Mi corazón en una caja de zapatos" é a súa última creación. Precisamente esta semana recibía Sonia os primeiros exemplares na súa casa. De feito, a presentación pública aínda se vai celebrar a vindeira semana. Así que nós temos a primicia desta obra tan prometedora. 

Non deixedes de pasar pola biblioteca e pedídeos canto antes, que voan!

E moitas grazas a Sonia pola súa xenerosidade!



Na imaxe de arriba vemos a Sonia coas súas alumnas de 3ºESO-A. Abaixo podemos ver as atractivas portadas destas tres novelas.