Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

domingo, 16 de decembro de 2018

A FEIRA DE LIBROS: UN ÉXITO TOTAL


O sábado 15 de decembro celebramos a FEIRA DE LIBROS. A verdade é que organizala supuxo un laborioso proceso no que o protagonismo correu a cargo do alumnado de 1ºESO do Equipo da Biblioteca. Precisamente este era un dos principais obxectivos da actividade. Outro, por suposto, o leitmotiv da mesma: darlle unha nova vida aos nosos libros. En palabras de Pablo Chaves: "Preferimos 100 persoas que lean que 1000 libros na biblioteca".

Ben é  verdade que a meteoroloxía non axudou demasiado, pero entre os participantes o entusiasmo era desbordante. Así que, vencendo as adversidades, o noso posto da FEIRA DE LIBROS estivo toda a mañá á disposición do público da nosa cidade. Boa parte das persoas que se achegaron ata o nós e levaron libros eran amigas, parentes, coñecidas, pero tamén houbo persoas descoñecidas que se interesaron e colleron as obras que levamos á Feira. Todas elas nos felicitaron pola iniciativa. Foi interesante a experiencia de ter que orientalas segundo os seus gustos e preferencias. Case todas levaban libros para ler elas mesmas e para agasallar. Desta maneira contribúen a que a nosa actividade teña un impacto maior. 

Así que consideramos que acadamos os obxectivos que nos propuxemos: visibilizamos a Biblioteca e o instituto, o Equipo do alumnado fomos os protagonistas de cada unha das tarefas que levamos a cabo para desenvolver a actividade e démoslle unha nova vida a moitos dos nosos libros. Un éxito total!
Agora xa temos ganas de que chegue o bo tempo para repetir a experiencia!

Algunhas das persoas que se achegaron eran coñecidas, familiares e amigas

Houbo persoas descoñecidas que nos felicitaron pola iniciativa


Comentábannos as súas preferencias e nós orientábamolas para que atopasen o que buscaban


Como a nosa primeira compradora (na imaxe superior), 
case todas levaban libros para agasallar e para ler elas mesmas



TRABALLANDO CON MOITA ILUSIÓN PARA A FEIRA DOS LIBROS


Levamos unha semana traballando duramente para preparar o material da FEIRA DE LIBROS que vai ter lugar o sábado 15 de decembro pola mañá na rúa da Baldosa, se o tempo o permite.

venres, 14 de decembro de 2018

SONIA MIRÓN AGASALLOUNOS COAS SÚAS NOVELAS

A escritora Sonia Mirón estivo estes días traballando como profe no noso instituto. Antes de despedirse quixo facernos estes tres magníficos agasallos: as tres novelas das que é autora. Protagonizadas por adolescentes, son historias cheas de valores que nos convidan a reflexionar sobre as relacións persoais, a importancia do autoconcepto, os conflitos, os cambios... Son libros moi chulos, por fóra e por dentro.

"Si tú quieres", que é a súa primeira novela, xa vai pola 5ª edición e "Hai un sol dentro de mí", que trata sobre o acoso escolar, pola 3ª. "Mi corazón en una caja de zapatos" é a súa última creación. Precisamente esta semana recibía Sonia os primeiros exemplares na súa casa. De feito, a presentación pública aínda se vai celebrar a vindeira semana. Así que nós temos a primicia desta obra tan prometedora. 

Non deixedes de pasar pola biblioteca e pedídeos canto antes, que voan!

E moitas grazas a Sonia pola súa xenerosidade!



Na imaxe de arriba vemos a Sonia coas súas alumnas de 3ºESO-A. Abaixo podemos ver as atractivas portadas destas tres novelas.


martes, 11 de decembro de 2018

CHEGOU O NADAL Á BIBLIOTECA: PREPARÁDONOS PARA UN PRÉSTAMO EXTRAORDINARIO

Chega o Nadal e a Biblio Bouza loce as súas mellores galas. Agora só nos falta fichar unhas pouquichiñas novidades recén chegadas e xa temos todo listo para facer un préstamo masivo.
Queremos que levedes varios libros e pelis, polo que imos ampliar o número de volumes de préstamo. Se logo non dá tempo a ler ou ver todo, pois, noutro momento será... Pero se non levades os libros chulos que temos á vosa disposición, ficarán aborrecidos nos andeis botando en falta uns ollos que enchan de vida todas as historias, ideas e fantasías que conteñen.
                                                  Ide pensando que libros queredes levar!!!



FEIRA DE LIBROS: UNHA NOVA VIDA


O vindeiro sábado 15 de decembro celebraremos a FEIRA DE LIBROS. De 11:00 a 14:30 na zona da rúa da Baldosa imos poñer un posto que estará atendido polo alumnado do Equipo de Biblioteca. O intercambio consistirá en levar libros a cambio dunha doazón simbólica de 2€ por un libro e 5€ por 3. No proceso de transformación e renovación queremos darlle unha nova vida aos libros repetidos ou que non axeitan ás necesidades dunha biblioteca escolar.

                                          Ven ver se temos o libro que che gusta!!

sábado, 1 de decembro de 2018

TRANSFORMÁNDONOS COS CONTOS DO OUTONO



Alumnas e alumnos protagonistas na actividades dos Contos do Outono 18

Cando estaba a piques de rematar o mes de novembro tivo lugar unha das grandes citas anuais: o Contos do Outono. O concurso de contacontos celebrouse este curso baixo o lema: "Transformándonos". Este é o leitmotiv escollido pola Biblioteca para que faga de fío condutor de todas as actividades organizadas. Xa que logo, os contos trataban sobre as metamorfoses, os cambios, as transformacións... Ben é verdade que houbo pouca fantasía e pouco terror. A maiores das historias versaban sobre os cambios vitais. Houbo accidentes, enfermidades, cambios de residencia, de colexio e mesmo orfandades. Iso si, non faltou o humor. Mesmo tivemos un monólogo filosófico a cargo de Joel Rubio.

Novamente un traballo moi difícil foi o do xurado. Nerea, Aizaia, Iván, Melisa e Vicenzo non tiveron 
demasiado tempo para deliberar e os concursantes puxéronllo moi difícil. Finamente, cando estaba eran horas de marchar, irrumpiron do Salón de Actos co veredicto e puidemos celebrar unha entrega de premios a fume de carozo.

As gañadoras desta edición foron Celia Gamarra e Sabela Leiro, de 1ºESO; Maïna Duteil e Tomás Cores, de 2ºESO ; Clarisse Gallego e Anxo Lúa, de 3º.

Pero hai que felicitar a todas as persoas que subiron ao escenario, polo seu talento, pola súa coraxe e por facernos pasar, un ano máis, tan bos momentos.

Noraboa a todas/os!!!

O xurado tivo que estar moi concentrado no seu traballo

Luz Fernández González (1ºESO-A)

Cibrán Santórum (1ºESO-B)

Gabriel Paleo (1ºESO-B)


Alex Antón Abalo (2ºESO)

Tomás Cores Domínguez (2ºESO-B)

Laura Ortega Barreiro (2º ESO-B)

Diana Negro Pardal (2ºESO-A)

Anxo Lúa (3ºESO)

Iago Lorenzo Dios (3ºESO)

Joel Rubio (3ºESO-A)

Celia Gamarra e Sabela Leiro (1ºESO-A)

Clarisse Gallego Fontaine (3ºESO-B)

Magnífico traballo o de Nicolás Lucio e Sandra Rodiño 
presentando o concurso

Tomás e Aarón, de 1ºESO-B e Pablo de 1ºESO-A 
amenizaron a espera do veredicto 
contando unhas historias fóra de concurso.


Celia Gamarra, Sabela Leiro, Maïna Duteil, Clarisse Gallego, Anxo Lúa e Tomás Cores, gañadoras/es desta edición dos Contos do Outono.