Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!
Amosando publicacións coa etiqueta Versos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Versos. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de maio de 2018

PALABRAS E VERSOS DE MARÍA VICTORIA MORENO NOS VIDROS


"As persoas estamos feitas para chegar a perfección amando e sendo amadas"

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos"

"Os cans, fóra a alma, son como as persoas. Decátanse das cousas coma nós"

"Educar un neno é dotalo das ferramentas para que sexa feliz"

Gústame o cheiro a pan
dos amenceres,
e as andoriñas tolas
e as luces febles.

Gústame a vida
cando se axita en gozo
ó abri-lo día. 




























luns, 16 de maio de 2016

Caldeiro das Nosas Letras 2016

Se aínda non tedes libretiña pasádevos pola Biblioteca!

Neste día previo ás Letras Galegas 2016 a biblioteca do Bouza Brey fixo unhas libretiñas ilustradas con versos de poemas de Manuel María. Ademais Irea Ferreiro, compañeira nosa de 1º da ESO, agasallounos tamén cos versos dun poema seu que poderedes atopar nunha das libretiñas. Agardamos que vos gusten e que as aproveitedes ben!


luns, 11 de abril de 2016

Non canta na Chá ninguén...

Xa temos outro novo poema da semana grazas á prolífica actividade dos nosos compañeiros artistas de segundo da ESO. Desta vez elixiron O Carro, versos ilustrados do noso benquerido Manuel María. Aquí tendes o poema con música de Fuxan os Ventos. Mirade que bonito lles quedou.

Non canta na Chá ninguén,
por iso meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino coma un asubío,
anque é, as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
Qué fermosa e a sua feitura!
Qué lixereza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde meu carro pasa.
Carrétame herba pro gando!
Traime a colleita pra casa!


Expendedor de poemas

Xa chegou o expendedor de poemas á biblioteca do Bouza, abre a tapa e leva un poema, de baixón ou de subidón segundo o teu estado de ánimo. Podes collelo, do mesmo xeito, para facer un agasallo a outra persoa, son de balde! Ademais, se depositas poemas no expendedor, propios ou doutros autores que che gusten, contribúes ao seu funcionamento. Regálanos uns versos!

luns, 14 de marzo de 2016