Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 27 de xuño de 2018

CEA BARDOS 75


Como íamos deixar pasar a celebración da publicación do número 75 da revista Bardos, sen xuntármonos nunha pequena festa. Así, o día 25 de xuño, fixemos unha cea á que asistiron boa parte das colaboradoras actuais da revista e algunha ex-alumna como Ana Barreiro García e Alba Alonso César e ex-alumnos como César Barreiro García e David Álvarez Caneda.

Paula Fernández e Sofía, exemplo do espírito participativo e positivo

Sara Miguéns, Lara Melio e Paloma Muñiz, alumnas de 4º da ESO, sempre cun sorriso facendo grupo, na revista, nos festivais...

Nerea Lodeiro, Carla Alcaine, Antía Eirea, de 2ºda ESO, colaboradoras da revista que fan presaxiar moitas e moi boas páxinas de Bardos no futuro


Uxía Saborido coas súas compañeiras de 2º ESO. Uxía é autora dun texto sobre Otero Pedrayo que aparece publicado no número 75

En 3º da ESO temos tamén grandes colaboradoras. Iria Martín, Irea Ferreiro e Julia achegan importantes artigos a Bardos 75, como o Intercambio ou o debate.


David Álvarez e César Barreiro son das persoas que máis páxinas teñen escrito da revista

Ana Peña e Cristian Fariña, fieis colaboradores de Bardos, na compaña do actual director, Jesús de Andrés


Uxía Nogueira e Antía Román tamén son fieis colaboradoras de Bardos, coas achegas dos seus textos, debuxos e fotografías

Virginia Serantes é unha habitual ilustradora, con colaboracións como a portada do número 71. Iria e Ana tamén son seareiras e colaboradoras da nosa revista.

Alba Alonso César e Ana Barreiro García, representantes dunha interesante etapa da revista Bardos, agasalláronos coa súa presenza nesta pequena festa.

Delfín Maurín e Carmen Fariña constitúen un apoio continuado ao traballo da revista. Carmen sempre fiel ás citas de Bardos coas actividades do Intercambio con Francia. Pablo Chaves, vén de coordinar e maquetar a colaboración sobre arquitectura que nos ofrece o alumnado de 2º da ESO nesta edición de Bardos

PRESENTACIÓN DE BARDOS 75

O día 19 de xuño, cando estabamos dándolle o último empuxón ao curso, presentamos o número 75 da revista Bardos. No acto de presentación participaron as alumnas Paula Fernández e Clarisse Gallego, xunto co ex-alumno e actual estudante de Odontoloxía, César Barreiro, e a ex-alumna referente dunha destacada época na historia do centro e actualmente química nunha importante empresa láctea da localidade, Araceli García. Tamén interviu no acto a coordinadora da revista Isabel González Avión.

Clarisse Gallego e César Barreiro destacaron nos seus respectivos discursos que Bardos é unha empresa colectiva. Clarisse lembrou a consigna do número 50: "Bardos somos todas" e César sumouse ao brinde do limiar deste número 75: "Longa vida aos proxectos que suman, que fan comunidade, que nos axudan a medrar, a ter memoria, a comprendernos mellor individual e colectivamente! Longa vida!!!"




A prensa portouse moi ben coa noticia da presentación de Bardos 75



Na presentación a cooridnadora de Bardos, Isabel González Avión, non podía ocultar a ledicia e a satisfacción pola publicación do número 75


En Bardos 75 aparecen reflectidas moitísimas das actividades que organiza a nosa biblioteca


Paula Fernández, responsábel, xunto con Lara Melio, da entrevista a Carmelo Cacabelos que se publica nesta entrega, foi a encargada de presentar o acto


César Barreiro destacou no seu extenso discurso a importancia de Bardos na historia e no presente do noso centro.


Araceli García, veterana alumna dunha intensísima e decisiva etapa do  IES Fermín Bouza Brey, quixo arroupar o acto coa súa participación


Clarisse Gallego impresionounos cun discurso fondo onde destacou a implicación da inmensa maioría do alumnado nesta realidade viva e palpitante que é a revista Bardos

BARDOS 75

O IES Fermín Bouza Brey está de noraboa. Vimos de publicar o número 75 da nosa revista. Isto supón unha enorme satisfacción e un grande orgullo. Bardos 75 é moi valiosa, non só polos contidos que ofrece, senón porque é o resultado dun camiño anterior: débese ás persoas, ás experiencias que se foron producindo ao longo de todos estes anos e que a foron configurando tal e como é. 

Esta entrega de Bardos ten páxinas para a celebración, xa que a súa edición coincide ademais co 40 aniversario do noso centro, a xubilación dunha importante fornada de docentes cunha longuísima traxectoria e a marcha de persoas significativas no devir do instituto nos últimos anos. Por iso contamos con colaboracións especiais como a da ex-alumna Araceli García, César Barreiro ou os profes Ana Peña, Cholo Buceta ou Cristian Fariña ademais dunha entrevista con Carmelo Cacabelos.
Ao mesmo tempo Bardos 75 quere ser un número normal, onde queda reflectida a intensa vida do IES Bouza Brey coas crónicas e as reflexións sobre múltiples actividades.











ANTÓN BLANCO CASÁS: UN POETA NOVO NO CLUB DE LECTURA

Antón Blanco Casás é un poeta novo de Vilagarcía, veciño de Carril e con raíces en Vilaxoán. Antón, estudante de Filoloxía, vén de publicar o seu segundo poemario na colección Dombate da editorial Galaxia titulado Tres estudos para un poema da cidade. O primeiro publicouno en 2016 na editorial Chan da Pólvora e levaba por título Oseira.

A poesía de Antón Blanco Casás amósanos unha voz poderosa dentro da lírica galega. Os dous poemarios teñen en común o carácter discursivo, obxectivo que convida a reflexionar sobre a realidade sen unha forte carga emocional. A súa é unha poesía moi intelectualizada, que foxe da sentimentalidade. No na xuntanza que tivo co Club de Lectura reivindicou os petas que lle gustan: Manuel Antonio, Ferrín, Lois Pereiro... E sobre todo Oriana Méndez.

Antón Blanco sinalou que o camiño aberto por Ferrín en Con polvora e magnolias é o que nos descobre os mellores logros poéticos das últimas décadas. Afirmou que a poesía galega non se debe limitar aos temas e estilos consagrados polo canon, xa que de algunha forma, supón ficar pechados nuns límites que a anormalidade lingüística e cultural nos impón. Antón defendeu que a poesía galega actual presenta unhas cotas de calidade que a sitúan a carón das mellores do panorama mundial.

Un pracer recibir un poeta tan novo, ao tempo que maduro, achegándonos as súas reflexións froito dun fondo coñecemento da poesía e dunha madurez persoal e intelectual que cautiva.






venres, 8 de xuño de 2018

ENÓRMIC BANDA XA ESTÁ AQUÍ



Por fin chegou o Enórmic Banda deste curso 17-18. A artista Anémona de Río, autora do primeiro manga galego, é a autora da portada e a contraportada. Para o limiar o convidado foi o profesor da universidade de Tokio Takekazu Asaka, moi coñecido polas súas traducións de autores e autoras galegas ao xaponés e moi querido na nosa comarca, que visita cada verán.
Os traballos publicados este ano corresponden a máis de 20 autores e autoras de 12 institutos diferentes. O acto de presentación da revista tivo lugar este mércores 6 de xuño no IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, que o acolleu na súa bonita biblioteca. No acto estiveron presentes case que todos os autores e autoras das historias deste Enórmic Banda e algúns deles tomaron a palabra para explicar a súa relación co mundo da banda deseñada e, en concreto, a súa participación en Enórmic. Entre eles, o alumno do noso instituto Juan Elías Fernández Quintana, de 4ºESO-A. Chamounos moito a atención a intervención de Ainara, unha alumna do IES Faro das Lúas de 1º da ESO, que nos explicou dun xeito moi formal que é para ela a banda deseñada.






LIMIAR: UN POEMA DE MARÍA VICTORIA MORENO

O poema do mes é, como non podía ser menos, un texto de María Victoria Moreno publicado do seu libro "Elexías de luz". Foi rotulado polo alumnado de 3ºESO e di así:


                 LIMIAR

      Se eu achase a palabra donda, escintilante,
tan lene coma o peito da andoriña,
tan rexa coma a face da verdade...

     Se eu achase a palabra
de lume, de auga, de aire,
de terra aloumiñada pola brisa
que arrola cada tarde...

     Se eu achase a palabra
limpa, espida, que cabe
no efémero latexo dun salouco
e abrangue a eternidade...

     Se eu achase a palabra
de amor que iluminase
esta esfera que treme estarrecida
na sombra e na soidade...

Se eu achase a palabra
eu pintaría o planeta
de paz e liberdade.