Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

domingo, 19 de febreiro de 2017

ACTIVIDADES DE HOMENAXE A NARF NO DÍA DE ROSALÍA


A continuación podedes ler as cuestións que imos responder en grupos despois de facer un pequeno recital de poesía rosaliá e de ter escoitado diversas cancións de Narf, lembrado o seu paso polo noso instituto hai agora 2 anos. As actividades están colgadas en jpg para que pode imprimir calquera profesora (ou profesor) e realizar estas mesmas ou outras similares.



Debaixo podemos ver unha fotografía do arquivo de imaxes de Narf que ten o xornal o Faro de Vigo. No fondo do escenario está proxectado o collage que fixemos coas "Rosalías" deseñadas por distintos artistas plásticos sobre a nosa máis sobranceira escritora.



xoves, 16 de febreiro de 2017

NEMANCOS. NOS. O MEU MAR



O MEU MAR

Unha nube de chumbo a tapar todo o ceo,
borraxeira e orballo que revoan no ar,
os inxentes penedos, xa tristeiro de seu,
espallando queixumes con dorido fungar,
os montes envolveitos na brétema sotil;
e as bocas desdentadas das furnas no cantil.

Así de fermosos son os versos cos que comeza o Poema da Semana elexido polo alumnado de 2º ESO-A. Gonzalo López Abente é un impresionante poeta da terra e o mar de Muxía. A costa fisterrá con toda súa bravura e maxestosidade está retratada na obra deste autor.






CHEGOU O ENTROIDO

Quedan poucos días para o Entroido e na Biblioteca estámonos a preparar. O alumnado de 3º da ESO veu axudar na elaboración dos carteis que a ambientarán nestas datas de celebración dunha festa antiquísima, na que se mesturan elementos prerromanos, con algúns do calendario cristián e aínda outros máis da actualidade chegada do Brasil ou directamente dos andeis dos comercios. Desde a Biblioteca animámosvos a participar nesta festa, sabendo que o importante é a imaxinación e o bo humor, non a cantidade de cartos que pagasemos polo disfrace.





mércores, 15 de febreiro de 2017

Exposición sobre Ramón María del Valle-Inclán

O alumnado e o profesorado do IES Fermín Bouza Brey gozou dunha exposición do Consello da Cultura sobre Valle-Inclán tradutor, instalada no instituto durante todo o mes de xaneiro. Grazas a ela, todos saben un pouco máis sobre o intelectual arousán.
Pódese apreciar nas seguintes imaxes como as mozas e mozos de 2º ESO traballan sobre o tema.

 






mércores, 8 de febreiro de 2017

CERTAME FOTOGRÁFICO 8 DE MARZO: MULLERES A MARES


A Biblioteca vén de convocar unha nova edición do Certame Fotográfico 8 de Marzo. Este ano o tema é Mulleres a mares. Trátase de amosar imaxes de mulleres realizando actividades relacionadas co mar ou ben actividades colectivas. O prazo de entrega dos traballos remata o 27 de febreiro. A continuación podedes consultar as bases.



mércores, 1 de febreiro de 2017

HÉLOÏSE GALLEGO E VIGINIA SERANTES PREMIADAS no XXIII Concurso de Adhesivos pola Normalización Lingüística do Salnés


1º PREMIO 2ºCICLO ESO: ANNE HÉLOÏSE GALLEGO FONTAINE


1º PREMIO 2ºCICLO ESO: VIRGINIA SERANTES OTERO 

O martes 31 de xaneiro falláronse os premios do XXIII Concurso de Adhesivos pola Normalización Lingüística que organizan os institutos do Salnés. Nesta edición o tema proposto foi "SERES MÍTICOS CON PODERES SUPERLINGÜÍSTICOS. Heroínas, heroes, os seres mitolóxicos e o imaxinario popular"
Dos seis premios que se outorgaban en total, dous viñeron a parar ao noso centro, que foi seleccionado como sede da cerimonia de entrega dos mesmos.
Os traballos presentados polos 16 institutos participantes tiñan nesta edición unha alta calidade, especialmente nas categorías en que resultaron premiadas Héloïse e Virginia. 
Hai que sinalar que os traballos realizados polo alumnado do noso instituto foron moi bos e variados. Houbo trasnos, xacias ou xanas, cocas ou dragóns, gatipedros, urcos, mouros, santa compaña... Proximamente subiremos a este blog as imaxes dos mesmos para que o poidades comprobar!!!