Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

xoves, 19 de maio de 2016

Exposicións de Manuel María no Instituto

Polas Letras galegas deste ano 2016, enchemos o Bouza Brey de exposicións arredor do poeta chairego. A primeira en chegar foi a que puidestes ver, xa dende hai un mes, nas madeiras do corredor e que nos enviou a Consellería. O concello de Vilagarcía prestounos temporalmente a mostra que, sobre o autor, podedes desfrutar na cafetería e, por último, "O Miño canle de luz e néboa” ocupa as paredes do corredor principal. Esta última é froito dun traballo de colaboración entre o IES Francisco Asorey, A Casa Museo “Manuel María” e o Concello de Cambados.

Neste ano 2016 en que se lle dedica o Día das Letras Galegas, e no que se cumpren 20 anos da publicación do seu libro de poemas “O Miño canle de luz e néboa”, esta exposición combina poemas de Manuel María co estudo do río Miño, aproveitando un traballo realizado polo alumnado de Ciencias Naturais e Sociais de 1º da ESO en 2013, no proxecto “Auga que corre”, no Ano Mundial da Auga, no que se quería facer fincapé na importancia dos ríos para vida e a economía e o seu caracter plurinacional/cultural.

Deseño, montaxe e fotos: Xea, Casa Museo Manuel María

Colaboran: Departamentos de Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Lingua

Galega e Dinamización Linguística do IES Francisco Asorey.

A exposición está formada por 10 paneis.




luns, 16 de maio de 2016

Caldeiro das Nosas Letras 2016

Se aínda non tedes libretiña pasádevos pola Biblioteca!

Neste día previo ás Letras Galegas 2016 a biblioteca do Bouza Brey fixo unhas libretiñas ilustradas con versos de poemas de Manuel María. Ademais Irea Ferreiro, compañeira nosa de 1º da ESO, agasallounos tamén cos versos dun poema seu que poderedes atopar nunha das libretiñas. Agardamos que vos gusten e que as aproveitedes ben!


Contacontos Letras Galegas 2016

Hoxe celebramos no Fermín Bouza Brey o concurso de contacontos, que tivo lugar no que foi o Festival das Letras Galegas, co que este ano homenaxeamos a Manuel María. Foi unha bonita xornada e dende aquí, dámoslle os parabéns ás gañadoras e aos gañadores e as grazas a todas e todos por participar.

1° premio 2° ESO Juan Bugallo

2° premio 2° ESO Paloma Muñiz

1° premio 1° ESO Irea Ferreiro

2° premio 1° ESO Victor Lemos de la Torre

Ademais, ao longo da xornada o alumnado da ESO recitou poemas do autor da Terra Chá e cantou dúas pezas co profesor de galego Ansemil na guitarra e con David de 1º de BAC no acordeón.












domingo, 15 de maio de 2016

ALUZINA con Manuel María

Comezamos o curso escolar 2015/16 traballando arredor da luz e, agora que xa vai rematando, seguimos na procura desa luz, desta vez con Manuel María, poeta que homenaxeamos polas letras galegas deste ano. Nesta mostra presentamos poemas e publicacións escollidas do autor, por levar nos seus versos ou na súa temática a luz.




Letras galegas 2016. Versos de Manuel María. A nosa escolma.

Este ano homenaxeamos a Manuel María polas Letras Galegas 2016. Entres as moitas actividades levadas a cabo no centro, fixemos esta exposición que recolle aqueles poemas da semana dedicados ao longo do curso ao poeta da Terra Chá. Fixemos un cartel que serve de presentación á escolma de poemas e as vitrinas do corredor recollen os fondos do autor e da súa obra existentes na nosa biblioteca. Agardamos que sexa do voso agradado. Vide vela!
 









luns, 2 de maio de 2016

Povo. Manuel María.

No Bouza Brey non se para, e aquí temos xa outro poema da semana. Foi por cortesía do alumnado e da profe de 2º de BAC de Literatura Universal. Unha marabilla!