Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 3 de xullo de 2019

FEIRA DE LIBROS DE VERÁN

Para rematar o curso, que mellor cousa que levar para casa un -ou moitos- libros para ler no verán.
Así non só fixemos un préstamo masivo, como nas vésperas de anteriores períodos vacacionais, senón que tamén preparamos unha nova FEIRA DE LIBROS.
A Feira de Libros de verán foi organizada polo alumnado de 1º ESO, tanto o que pertence ao Equipo de Biblioteca, como amigos e colaboradores.
Quixemos intentar darlle unha nova oportunidade aos libros que foron retirados e expurgados do catálogo por levaren anos, en ocasións décadas, sen ser lidos -nin sequera consultados- por ninguén.
Foron moitas as persoas que se animaron a levar algún exemplar. Así unha pequeniña escolma dos artigos de Larra, un poemario de Antón Patiño, outro de Pura Vázquez, unha historia da Literatura Galega ou unha novela de Pérez Galdós terán unha nova vida este verán.
Aínda quedan uns poucos exemplares. Se pasas estes días polo instituto para facer xestións administrativas, non deixes de botarlle un ollo. Quizais haxa un libro agardando por ti.









XUNTANZA-XANTAR DO EQUIPO DE BIBLIOTECA



A xuntanza-xantar resultou unha preciosa festa para celebrar un curso de traballo do Equipo de Biblioteca do alumnado. Satisfacción é a palabra que sintetiza a experiencia. As usuarias e usuarios da Biblioteca énchena de vida, fána súa. Que máis se lle pode pedir?
Temos que agradecer ao alumnado de 2º de ESO e ao profe Pablo Chaves a preparación do xantar saudábel que saboreamos na xuntanza. Unha festa na que non faltaron os diplomas de agradecemento a todos os participantes. O diploma di así:

Grazas por encher a Biblioteca de vida. Ler. Soñar. Aprender a construír o mundo.

Grazas Equipo!








BARDOS 77

 Na imaxe da esquerda podemos ver a última entrega de Bardos. A autora das ilustracións da portada e a contraportada é Ali Lores, de 3ºESO. Esta entrega, que fai o número 77, chegou cargada de contidos, xa que corresponde aos dous últimos trimestres.
Nela participa alumnado de todos os cursos da ESO e de Bacharelato. Sobrancean sobre os demais contidos as entrevistas que Uxía Piñeiro e Paula Fernández de 1º de Bacharelato fixeron ao dous destacadísimos docentes, colaboradores da revista Bardos e que agora se xubilan. Trátase de Manuel Carballo e Carmen Fariña. O primeiro, ex-director do instituto e membro dende hai varios anos do Equipo de Biblioteca; a segunda, a "factotum" do Intercambio con Francia.
Moitas outras colaboracións dan conta da actividade do noso centro nos últimos meses: a viaxe a Londres, a celebración do Entroido, a vida da Biblioteca, o Intercambio con Francia, as estadías dos nosos Erasmus por Europa (neste caso na República Checa), o Clínic de Baloncesto e un longo etcétera.


ROTEIRO FRAGUAS-ROSALÍA

A celebración do Día das Letras Galegas, este ano dedicadas ao historiador e etnógrafo Antonio Fraguas, permitiunos relacionar de xeito natural as figuras de Fraguas e Rosalía de Castro. Deste xeito, o alumnado de 1º e 2º da ESO do noso centro gozou dun día de aprendizaxe e lecer na visita a  Iria Flavia (Padrón), á Casa Museo de Rosalía de Castro e ao cemiterio de Adina, así como a Compostela, ao Museo do Pobo Galego e á Praza do Obradoiro.
En Iria Flavia, na Casa Museo, recitamos poemas de Cantares Gallegos, precisamente o aniversario da publicación  en 1863 deste libro inaugural do Rexurdimento é o que marca a data de celebración do Día das Letras Galegas. No cemiterio da Adina, onde estivo soterrada a autora tamén recitaron un poema dedicado ao lugar.
En Compostela, na Praza do Obradoiro, puideron contemplar a monumentalidade dos seus edificios, ademais de escoitar a historia da inclusa, que estivo situada no Hospital Real, actual Hostal dos Reis Católicos.
A visita a Bonaval  era obrigada. Celebrar a Antonio Fraguas e o proxecto que soñou toda a súa vida ata que en 1976 se fixo realidade. Este museo pretende poñer en valor a cultura tradicional, dende a arquitectura ata a elaboración de embarcación, as ferramentas de traballo do campo e do mar...







AS CORES DA NOSA LINGUA


O 2 de maio celebrouse no IES de Vilalonga (Sanxenxo) a entrega dos premios do XXV Certame de Adhesivos pola Normalización Lingüística que este ano se celebrou baixo o título "As cores da nosa lingua" e a proposta era a reinterpretación dunha obra pictórica dalgún ou algunha artista galega para reivindicar a lingua galega.
Do noso instituto foi galardonada Laura Ortega, que obtivo o 2º premio da súa categoría. Pola súa banda, Virginia Serantes, Clarisse Gallego, Carla Alcaine e Cibrán Santorum foron finalistas nas súas respectivas categorías.
Noraboa a todas por encher de cor a reivindicación do noso idioma e felicidades aos Equipos de Normalización por unha actividade que alcanza a súa 25ª edición!

MADE IN GALIZA

A compañía de teatro "Os Quinquilláns" levou a escena unha obra baseada en textos do libro de Sechu Sende titulado Made in Galiza. A editorial Galaxia publicou para a ocasión unha edición especial que se repartiu a todos os asistententes á representación. Foron os textos que fan reflexións sociolingüísticas os máis visitados na adaptación dos Quinquilláns.

A obra, escenificada por un actor e unha actriz, convidaba a pensar sobre a ruptura da transmisión xeracional, a diglosia, a perda de estima que representa o abandono do idioma, a identidade persoal e outros aspectos relacionados coa actual situación sociolingüística de Galiza.

Ademais destes temas, o libro fala tamén do medioambiente e das relacións entre as persoas.

O alumnado de 4º da ESO tivo precisamente esta lectura no último trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura.

MÁIS COMPRAS COMISARIADAS

As últimas compras comisariadas do curso. As rapazas e rapaces de 1º ESO, con algún que outro acompañante de outros niveis, participaron na visita á librería Follas Novas de Vilagarcía. O mércores 29 de maio pola mañá repetimos a experiencia que fixéramos seis meses atrás, o 28 de novembro. A compra tivo a súa dificultade xa que, despois de peneirar concienciudamente os andeis da librería, eran moitos os títulos apetitosos para levar para a nosa Biblioteca. Así que tivemos que facer un proceso de selección no que inevitablemente quedaron cousas chulas fóra. Quizais outra vez será.
O que ninguén pode protestar é pola variedade de temas e polo interese dos títulos seleccionados. A única pega, coma en outras ocasións, é que a inmensa maioría están en castelán. En galego só collemos dous ou tres. 
Na imaxe da esquerda podedes comprobar como trouxemos máis libros sobre fotografía, debuxo, curiosidades científicas, música, afectividade, cine, historia, biografías e obras que esvaen as marxes da literatura. 
O obxectivo segue a ser adquirir fondo xeral, de disciplinas variadas, para poder equilibrar o número de títulos cos de literatura ou, polo menos, ir recortando as diferenzas.