Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

sábado, 22 de xuño de 2019

O TINTINÓFILO PEDRO REY PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO


Xusto á volta das vacacións de primavera celebramos o Día do Libro cunha interesantísima charla de Pedro Rey sobre Tintín, o personaxe creado por un dos xenios da banda deseñada europea, o belga Hergé.

DE VACACIÓNS CUN CÓMIC



Para o préstamo masivo das vacacións de primavera quixemos preparar unha actividade sobre cómic. Aproveitando que contabamos cunha Maleta viaxeira de banda deseñada e para darlle máis visibilidade ao magnífico fondo que posuímos na Biblioteca, tendo en conta ademais que as vacacións de Semana Santa son breves, fixemos unha serie de probas para resolver por equipos na Biblioteca.
Á volta, o alumnado fixo entrega das reseñas de candanseu libro. Así a Biblioteca recibe os froitos e, a través da publicación destas recomendacións, seguimos alimentando a paixón pola lectura.

Tivemos unha pequena experiencia maker con Arduino, ofrecida polo alumnado do Ciclo Superior de Robótica con Alejandro Fariña á cabeza. O alumnado e o profesorado participante atopou moi interesante este obradoiro que consistiu na familiarización cunha placa de programación como Arduino para montar un sensor de ruído e un sensor de distancia.

MARICA CAMPO DE NOVO NO BOUZA BREY




A escritora Marica Campo estivo con nós o 22 de marzo. Seis anos despois da súa anterior estadía, Marica volveu a ofrecer dúas charlas na nosa Biblioteca. Nela falounos do tesouro que hai que perseguir na vida, que non é algo material, senón a felicidade. Fíxonos reflexionar sobre a importancia da linguaxe e da lectura. No segundo trimestre o alumnado de 1º ESO lera unha obra desta autora: E Xoel aprendeu a voar. Nela Marica transmítenos que é moi importante desconectar das redes e ver o mundo con outros ollos, é dicir, percatarse das cousas que ocorren fóra da pantalla dun ordenador.

Na anterior ocasión fixéramos un vídeo co contido da charla que ofreceu, precisamente ao alumnado de 1º ESO (naquela ocasión, igual ca nesta, tamén falou para o alumnado de bacharelato). Mais desta volta fomos nós quen agasallamos á escritora cun vídeo sobre a súa traxectoria biográfica e literaria. Pola súa banda, Marica Campo agasallounos coa súa última novela para adolescentes: Unha misión para Clara.

Na imaxe superior podemos ver a escritora na compaña da súa amiga Teresa e das alumnas de 4ºESO-B Irea Ferreiro, Iria Brun e Lucía Chazo.