Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

sábado, 22 de xuño de 2019

MARICA CAMPO DE NOVO NO BOUZA BREY




A escritora Marica Campo estivo con nós o 22 de marzo. Seis anos despois da súa anterior estadía, Marica volveu a ofrecer dúas charlas na nosa Biblioteca. Nela falounos do tesouro que hai que perseguir na vida, que non é algo material, senón a felicidade. Fíxonos reflexionar sobre a importancia da linguaxe e da lectura. No segundo trimestre o alumnado de 1º ESO lera unha obra desta autora: E Xoel aprendeu a voar. Nela Marica transmítenos que é moi importante desconectar das redes e ver o mundo con outros ollos, é dicir, percatarse das cousas que ocorren fóra da pantalla dun ordenador.

Na anterior ocasión fixéramos un vídeo co contido da charla que ofreceu, precisamente ao alumnado de 1º ESO (naquela ocasión, igual ca nesta, tamén falou para o alumnado de bacharelato). Mais desta volta fomos nós quen agasallamos á escritora cun vídeo sobre a súa traxectoria biográfica e literaria. Pola súa banda, Marica Campo agasallounos coa súa última novela para adolescentes: Unha misión para Clara.

Na imaxe superior podemos ver a escritora na compaña da súa amiga Teresa e das alumnas de 4ºESO-B Irea Ferreiro, Iria Brun e Lucía Chazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario