Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 30 de outubro de 2018

RENOVACIÓN VITAL E PERSOAL: PROPOSTA DO CLUB DE LECTURA PARA ESTE CURSO

Xa botou a navegar o Club de Lectura Nao Senlleira. A singladura que nos ofrece este curso é moi suxestiva: Renovación vital e persoal.
Na primeira sesión co grupo de alumnado da ESO tivemos un divertido xogo sobre distintas lecturas terroríficas. Esta xuntanza serviu para presentar o libro que leremos este trimestre: "La casa del reloj de pared", unha tradución ao castelán da novela de John Bellair na que está baseada a comercial película de Steven Spielberg.





CHEGOU O SAMAÍN Á BIBLIOTECA


Chega o Samaín e con el o tempo de historias terroríficas na Biblioteca. Ademais da decoración, a nosa vitrina ofrece libros como "Un monstro vén a verme", "Cuentos macabros", "La ciudad desolada" ou pelis como "A noiva cadáver". Tamén o Club de Lectura "Nao senlleira" achegou a lectura entorno a que xira a actividade do grupo da ESO. Trátase de "La casa del reloj de pared", de John  Bellair, novela na que se basea a comercial película de Steven Spielberg. Na primeira das sesións do Club tamén tivemos terroríficas golichadas como premio do divertido xogo sobre diferentes lecturas así mesmo terroríficas

 



venres, 26 de outubro de 2018

PESCUDANDO POLA BIBLIOTECA: "ONDE ESTÁ O LIBRO"

Celebramos o mércores nunha nova sesión de formación de usuarias. Desta volta enredamos moito coa actividade "Onde está o libro?", título que recibe tamén o vídeo que podedes ver no noso instagram bibliotecaiesbouzabrey. Aprendemos como están colocados os libros na biblioteca: á esquerda da entrada, literatura; ao fondo, obras de información xeral (libros das demais temáticas: filosofía, matemáticas, xeografía, ciencias naturais, historia, biografías, arte, informática...) e, á dereita da porta, a banda deseñada. As obras literarias están organizadas en tres grandes apartados: galega, española mais hispanoamericana e outras literaturas. Os libros das distintas seccións están sinalizados cos números da CDU e, dentro de cada sección están ordeados pola orde alfabética das tres primeiras letras do apelido da autora ou autor. Na sala hai carteis que nos indican cales son os números da CDU. 
Se aínda así non atopades o libro que buscades, non o dubidedes: preguntade!!!
Aprendemos tamén que libro mal colocado é igual a libro perdido, por iso é tan importante non remexer e deixalos desordeados. Se non sabemos colocalos, deixámosllos ao equipo de Biblioteca. Seguro que saben cal é o seu lugar.
















VERSOS PARA NÓS. POETAS DO SALNÉS AGASÁLLANNOS COS SEUS VERSOS

As voltas do mundo
obríganme a entrar.
Ninguén me pregunta.
Empúrranme.
E eu son 
o meu único camiño.
Tampouco eu pregunto.
Abro as portas
e mergúllome no descoñecido.
Entro.
Aínda non sei
que non serei eu
cando isto acabe.

Mónica Góñez
O Grove, outubro 2018


                                               


ADOLESCENCIA: UN POEMA DE MÓNICA GÓÑEZ PARA NÓS


Con este fermoso poema agasallounos Mónica Góñez para que comezásemos a nosa actividade do Poema do mes este curso. Baixo a denominación "Poetas do Salnés: versos para nós" A biblioteca do IES Bouza Brey vai tentar facer unha cadea poética que enlazará poetas do Salnés. Mónica Góñez convidará axiña a outra autora ou autor a participar con nós.
"Adolescencia" é o título da composición que lemos e comentamos en distintos grupos e que rotulou 1ºESO-B. A verdade é que un poema sinxelo, pode ser moi fondo ao mesmo tempo. A súa lectura deunos pé para reflexionar sobre os cambios e, concretamente, sobre o que nos atinxe a nós e que serve de título ao poema: a adolescencia.
Que ollo tivo Mónica Góñez, porque precisamente o leitmotiv deste curso na Biblioteca é a TRANSFORMACIÓN.

venres, 19 de outubro de 2018

UN PRIMEIRO ENCONTRO: FORMACIÓN DE USUARIAS

O xoves 11 de outubro tivemos a primeira sesión de formación de usuarias/os. A primeira, porque en vindeiras semanas teremos outra.
O alumnado de 1º de ESO soubo por fin o seu número de usuario e levou cadanseu carné. Ademais, cada alumna e alumno levou un letreiro coa CDU. Este é o código que indica as distintas materias en que está organizada a nosa Biblioteca (e case todas as do mundo!). O obxectivo é decorarmos os carteis e logo facermos un concurso para poñer os mellores indicando os lugares da sala onde están os libros das distintas materias.





ESTREAMOS CARNÉS

Xa esteamos os novos carnés. O alumnado de 1º da ESO xa ten no seu poder este xeitoso deseño de carné. Polo de agora non se van facer masivamente, pero se algunha outra usuaria ou usuario queren ter tamén o seu, pode solicitalo aos membros do Equipo da Biblioteca e tentaremos elaboralos en canto teñamos un número suficiente para editar.

Rosalía pioneira inspíranos para sintetizar o espírito da nosa Biblioteca: cultura, sensibilidade, atrevemento... Un magnífico icono!!!

martes, 9 de outubro de 2018

ABERTO POR REFORMAS



Xa estamos de volta!

Por fin, desde hai unha semana e despois dunha reforma a fondo, a Biblio Bouza está funcionando con total normalidade. Ben, con "total normalidade" non, porque queda aínda moito traballo por facer... Ademais o novo curso quere ser tamén o comezo dunha nova xeira para a nosa Biblioteca. Por agora podedes ver cambios externos (que esperamos que vos gusten tanto coma a nós), pero axiña iredes sabendo das novidades na actividade cotiá da Biblioteca.

A reforma que levamos a cabo este verán atinxiu ao espazo físico que acolle a Biblioteca e tivo implicacións no fondo documental e na organización do mesmo. Realmente non se pode dicir se foi antes o ovo ou a galiña. Ou si. 

Está claro que máis de 18.000 (!!!!) rexistros son demasiadísimos para unha biblioteca escolar. Era urxente e imprescindíbel un expurgo sensato. A falta de espazo, a dificultade para acceder aos libros ou atopar títulos entre o "maremagnum" que supón un fondo tan descomunal foron o motor deste inxente traballo. 

Co obxectivo de crear un espazo máis diáfano e funcional tirouse a parede do despacho e elimináronse os andeis que constituían unha contundente barreira física dentro da sala. Asemade renovouse a carpintería exterior (xanelas e persianas), coma noutros lugares do IES,  ademais do teito e a iluminación.

As reformas obrigaron a realizar ese tan necesario expurgo. O obxectivo é axeitar o fondo documental ás características e idade do alumnado do noso Centro, retirar exemplares deteriorados, libros de texto anticuados, obras moi superadas polos avances tecnolóxicos e científicos, exemplares repetidos con edicións pouco coidadas, libros hiper específicos, curiosidades extemporáneas nunha biblioteca escolar do século XXI... 

Mover unha cantidade de libros tan grande supón un enorme traballo que ten como recompensa coñecer mellor as marabillas que posuímos e mellorar o que a Biblioteca pode ofertar. Trátase de termos un fondo atractivo e manexábel, para que a todas as persoas usuarias nos resulte sinxelo e apetitoso perdérmonos nos andeis curioseando obras chulas, por dentro e por fóra...

As imaxes que vemos a continuación amosan diferentes aspectos e tarefas do proceso de reforma do espazo da Biblioteca.