Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 28 de abril de 2017

CARLOS CASARES VISTO POLO ESCRITOR BIEITO IGLESIAS

O xoves 27 de abril celebrouse no salón de actos unha conferencia a cargo do escritor e ex-profesor  do noso IES, Bieito Iglesias, quen cultivou unha boa relación co intelectual homenaxeado nas Letras Galegas 17. Carlos Casares foi presidente do Consello da Cultura Galega, director da editorial Galaxia (etapa na que editou máis de 1000 títulos en galego), resposable da redacción da Lei de Normalización Lingüística e un importante escritor da literatura galega. Casares centrou o seu esforzo creativo na narrativa e na prosa xornalística. 

Bieito Iglesias fixo un percorrido pola biografía do autor a

través de 10 fotografías que ilustraron a súa traxectoria narrativa. Falou do parentesco de Casares co arcebispo de Cuba, o seu gusto polo fútbol, a represión lingüística que padeceu no Seminario de Ourense, a súa actividade político-cultural durante a transición, peripecias como profesor en Viana do Bolo e en Bilbao, a importancia da súa relación con Karin Anna Kristina Berg, a súa muller, que lle abriu as portas á sociedade e cultura nórdicas, o episodio de represión que viviu na presentación dunha charla do filósofo Aranguren etc., etc.

Bieito Iglesias, coa amenidade que o caracteriza, foi trenzando anécdotas que alumean a traxectoria de Casares. 

Así xa podemos presumir de que coñecemos curiosos, interesantes e mesmo inéditos aspectos da personalidade do autor das Letras Galegas 2017!!!



MARÍA MARIÑO NON TEN MEDO DE VOGAR

María Mariño Carou é unha das voces máis singulares da poesía galega do século XX. Pola súa traxectoria vital estivo afastada dos círculos literarios. Tivo unha fonda relación co tamén poeta Uxío Novoneyra. A súa especial amizade foi un motor creativo para ambos.  Outro admirador da obra e o estilo de María Mariño foi Méndez Ferrín.

O estilo de María Mariño caracterízase pola liberdade coa que emprega a lingua. Un trazo moi definitorio é a trascategorización das palabras. 

Palabra no tempo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, foi o poemario que publicou en vida. 

Os seus amigos Uxío Novoneyra e Avilés de Taramancos foron os que promoveron a publicación do seu segundo poemario, Verba que comeza, unha obra onde a escritora se libera de certos trazos tradicionais e desprega unha poesía máis filosófica e formalmente libre.

Na súa obra hai un enorme protagonismo da natureza, pero non como paisaxe. Non é unha poesía contemplativa, senón metafísica. 

María Mariño, aínda que pasou a meirande parte da súa existencia no Courel, era natural de Noia, onde viviu a súa infancia e mocidade. O mar, porén, non ten un grande protagonismo na súa obra e, igual que outros elementos naturais, aparece sempre conceptualizado, coma no poema que escolleu  o alumnado do Agrupamento de 2º ESO. 


"Tiven medo de vogar" é un canto ao empoderamento das mulleres. Nace dunha vivencia íntima e persoal e convértese nunha metáfora do proceso de liberación das mulleres, no que estamos inmersas aínda. 

Este poema está musicado pola artista galega Uxía Senlle no seu disco Danza das areas.








xoves, 6 de abril de 2017

A PRIMAVERA ENTRA LUMINOSA NA NOSA BIBLIOTECA

Xa chegou a primavera e, con tanto exame e tanta avaliación, case non nos decatabamos. Pero a nosa biblioteca está decorada para ambientarnos na nova estación. Nas vitrinas poderás atopar moitas lecturas relacionadas con ela. Botánica, literatura, banda deseñada... Hai variadas propostas onde escoller. 

Ah, e non esquezas levar o teu libro para estas vacacións! 

Entre raioliñas de sol
a lectura senta mellor!!!