Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 23 de febreiro de 2018

LEMBRANDO A DOMINGOS MERINO, LUZ DE LIBERDADE

Domingos Merino foi unha persoa admirada e querida por todas as que o trataron. Alguén multifacético, discreto, xeneroso, grande xogador de xadrez. A súa morte produciuse despois dunha longa e cruel enfermidade. No IES Bouza Brey quixemos lembralo facendo unha pequena exposición que correu a cargo da Biblioteca e contou coa colaboración do alumno de 2º de Bach. Juanma Rubianes Canto.
1º ALCALDE DEMOCRÁTICO DA CORUÑA
Domingos Merino acendeu en 1979 a chama da liberdade no concello de A Coruña
O seu traballo como alcalde estivo orientado ao urbanismo e o desenvolvemento cultura coruñesa
PRESIÓNS PARA BOTALO DA ALCALDÍA
La Voz de Galicia e outras publicacións fixeron unha presión aberta. Durante o seu último ano de alcaldía (1981) fixeron duras críticas ao seu labor na alcaldía. O seu sucesor, Paco Vázquez (PSOE) botou para atrás moitas das reformas de Domingos Merino.
XOGADOR DE XADREZ
Foi campión galego de xadrez en 5 ocasións.
Pertenceu ao Club de  Xadrez Fontecarmoa (fundado no noso instituto) durante 4 anos, dende decembro de 2006 ata o 2009. En febreiro de 2007 protagonizou e gañou unha partida que lle valeu o ascenso ao Club. En 2012, cando a enfermidade xa estaba danándoo gravemente, fixo a doazón de toda a súa biblioteca de xadrez ao club de Vilagarcía, nun emotivo acto.
DEPUTADO EN TRES LEXISLATURAS
Converteuse en deputado na lexislatura de 1991 polo PSG-EG.
Repetiu posto na 5ª e 6ª lexislatura, nesta volta, no grupo parlamentario do BNG, formando parte do seu anterior partido EG.
VICEVALEDOR DO POBO
Aceptou o posto a proposta do BNG no ano 2005, cargo que desenvolveu ata 2012 en que o deixou por motivos de saúde.
NORMALIZANDO A HOMOSEXUALIDADE
O seu matrimonio con Jorge Méndez Galiñanes vencellouno a Vilagarcía. O acompañamento do seu esposo ao longo de moitos anos, especialmente da etapa final da súa enfermidade, serviu para visibilizar as relacións homosexuais dunha forma normalizada e positiva na sociedade.


CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

O alumnado de Agrupamento de 1ºESO fixo un precioso mural con poemas de Rosalía de Castro que podedes ver na entrada do instituto. Nel recollen poemas tan coñecidos como Unha vez tiven un cravo, Negra sombra, A xustiza pola man, Bos amores, Descolorida lúa, Pasade, Follas novas risa dáme etc.



venres, 9 de febreiro de 2018

MULLERES ABRINDO CAMIÑOS: CONCURSO FOTOGRÁFICO


O Concurso Fotográfico do 8 de Marzo este ano convócase baixo o lema: "MULLERES ABRINDO CAMIÑOS". Trátase de visibilizar o esforzo cotiá de mulleres próximas a nós por acadar un cambio nesta sociedade para que sexa máis igualitaria.

Aquí abaixo podedes ler as bases da convocatoria.





xoves, 8 de febreiro de 2018

CLARISSE GALLEGO FONTAINE PREMIADA NO XXIV CONCURSO DE ADHESIVOS POLA NORMALIZACIÓN


O martes 6 de febreiro falláronse os premios do XXIV Concurso de Adhesivos pola Normalización Lingüística que organizan os institutos do Salnés. Nesta edición o tema proposto foi "DO PERGAMIÑO AO DIXITAL. O patrimonio cultural galego: milenario e con futuro". Pretendíase poñer de relevo a presenza en Galiza do Pergamiño Vindel que contén as 7 cantigas de Martín Códax e que forma parte dos fondos da Morgan Librery de Nova York. Desde o pasado mes de outubro ata o próximo mes de marzo, este tesouro da nosa cultura pódese visitar no Museo do Mar de Galicia, situado en Vigo. Que mellor lugar para expoñer as cantigas de Martín Códax que cantan o mar de Vigo que este museo que parece emerxer dese mesmo mar!
Se aínda non o fostes ver -mirar-, non deixedes de facelo! En poucas semanas regresará a Nova York...


No Concurso de Adhesivos pola Normalización Lingüística outorgábanse 6 premios en total repartidos en 3 categorías. Na de 1º e 2º ESO resultou premiada a alumna de 2ºESO-A Clarisse Gallego Fontaine. Hai que lembrar que Clarisse vén de ser galardonada no Concurso de Contacontos: "Paso a paso polos contos do inverno".
Noraboa, Clarisse, polo teu talento e polos premios recibidos!

O traballo de Clarisse tiña unha mensaxe reivindicativa.
Outros traballos premiados podedes velos abaixo.






CON TODO CORAZÓN


Con todo corazón queremos dicirvos que o amor ten que vivirse con respecto e liberdade. Esta é a mensaxe que o alumnado de 2ºESO espallou nos corazóns que decoran os corredores e escaleiras do noso instituto. Despois da lectura duns poemas de Carlos Negro pertencentes ao seu poemario "Penúltimas tendencias", as alumnas e alumnos de 2ºESO redactaron os lemas escritos neses corazóns que queren convidarnos a celebrar o amor, non dun xeito consumista, convencional e cheo de estereotipos asfixiantes, senón libre e en pé de igualdade. 

Cómpre desaprender tanta cursilería e toxicidade mental envolta en celofán rosa ou vermello que remata por provocar tanto sufrimento.

Feliz festa do amor a todas e todos!!!


Esta é a capa do poemario de Carlos Negro onde reflexiona sobre 
a imposición de estereotipos de xénero na sociedade actual

martes, 6 de febreiro de 2018

A Biblioteca do Fermín Bouza Brey ségueche recomendando bos libros de banda deseñada


xoves, 1 de febreiro de 2018

CONCURSO DE CONTACONTOS: PASO A PASO POLOS CONTOS DO INVERNO



Este pasado luns celebramos o concurso de contacontos, organizado polo Departamento de Lingua Galega e pola Biblioteca, no que participou o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO. Cun salón de actos cheo a rebosar. Nesta ocasión celebrábase baixo o lema: Paso a paso polos contos do inverno. Despois de adicarlle varias semanas á preparación, foron seleccionados os contos dos 12 finalistas, catro por cada categoría. Representando a 1ºESO participaron Antía Nogueira Cores, Laura Ortega Barreiro, Diana Negro Pardal, que contou coa colaboración dun nutrido grupo de compañeiras e compañeiros e Roi Oubiña Santorum. Os contadores e contadoras escollidas en 2ºESO foron Samuel Álvarez, Clarisse Gallego, Joel Rubio e Anxo Lúa. De 3ºESO participaron Iago Lorenzo, Irea Ferreiro, Álvaro Ferro e Laura Santaya.

O difícil labor de xurado foi responsabilidade de Lucía Chazo, Verónica Carballa e Álex Rodríguez, por parte do alumnado e de Carmela Creo, Pablo Chaves e Cristina Souto, por parte do profesorado. 
Así mesmo contamos coa paticipación de Paula Simeao e Carolina Dasilva, que, fóra de concurso, contaron a súa historia sobre os cinco reinos.

Sobre estas liñas podemos ver unha instantánea dos participantes co xurado e outra co impresionante aspecto que ofrecía o salón de actos para a ocasión.

Felicidades a todas estas persoas que, co seu esforzo e o seu talento, fixeron posíbel un curso máis esta actividade tan consolidada no noso instituto!


 Nolan Duteil e Iria Brun presentaron o concurso

Iago Lorenzo (3ºESO) foi o primeiro en actuar

 Antía Nogueira Cores de 1º ESO

 Samuel Álvarez, 2ºESO

 Laura Santaya, 3ºESO

 Laura Ortega Barreiro, de 1º ESO

 Clarisse Gallego Fontaine, de 2ºESO 
recibiu o 2ºpremio da súa categoría

 Anxo Lúa, de 2ºESO

Diana Negro levou o 2ºpremio de 1ºESO

 Álvaro Ferro acadou o 2º premio de 3ºESO

 Joel Rubio foi o gañador na categoría de 2ºESO

 Roi Oubiña foi o gañador na categoría de 1ºESO

 Irea Ferreiro foi a última en subir ao escenario e
converteuse na gañadora da categoría de 3º ESO


 O público gozou coas actuacións

O xurado tivo un difícil traballo