Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 28 de novembro de 2018

COMPRAS COMISARIADAS POLO EQUIPO DE ALUMNADO DA BIBLIOTECA

A actividade das compras comisariadas polo Equipo de alumnado Biblioteca resultou un éxito. Os participantes deron mostra dunha grande responsabilidade. Pecudaron, leron, reflexionaron e seleccionaron unha chea de libros para traer á Biblioteca. Foi moi emocionante. Moitas das participantes viñan cheas de ilusión e mesmo lendo os libros pola rúa. Astronomía, Medicina, Feminismo, Manga, historias LGTB, sobre a 2ª Guerra Mundial, Física, grupos de música...
As traballadoras da librería sorprendidas do ben que se portaron 23 adolescentes fedellando por todo o local.
Sobrepasamos os obxectivos que nos marcamos!!!









martes, 27 de novembro de 2018

CONTOS DO OUTONO: TRANSFORMÁNDONOS


Este próximo venres 30 de novembro celebraremos baixo o lema "Transformándonos" unha nova edición do noso tradicional concurso de contacontos. Nel participará o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO que leva semanas preparando as súas mellores historias de metamorfoses, cambios vitais e transformacións. Seguro que vai ser unha interesantísima cita no salón de actos do noso centro, a partir das 12:50 e ata as 14:30.
                                                                  Moita sorte a todas/os as participantes!!!

LECTURAS FRONTE AS VIOLENCIAS DE XÉNERO!


Son moitas as propostas de lectura para reflexionar sobre a violencia de xénero. Dende Pascual Alapont co a súa novela O inferno de Marta, pasando por A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre, os Diario azul e Diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, sen esquecer unha das nosas autoras favoritas, Montse Fajardo co seu libro Invisibles, que da man de do grupo Rerum chegou a Vilagarcía en forma de obra de teatro a pasada fin de semana, ou Si es amor, no duele, de Pamela Palenciano, que con forma de monólogo e baixo o título No sólo duelen los golpes puidemos ver o pasado curso no Auditorio.
Todos estes títulos a algúns están á vosa disposición na biblioteca e forman a exposición da nosa vitrina con lectura a conto do 25N. Non deixedes de botarlle un ollo.



ANTÓN BLANCO CASÁS: VERSOS PARA NÓS


Este mes o alumnado de 1º ESO-A rotulou o poema dun poeta vilagarcían novo: Antón Blanco Casás, que nos fixo chegar unha composición do seu primeiro libro A oseira, publicado na editorial Chan da Pólvora en 2016. Antón, que estivo no noso instituto no pasado mes de xuño nun encontro no Club de Lectura, quixo enviarnos este poema xa que nel evoca a traxedia do naufraxio de Sálvora e as súas heroínas. Estas últimas semanas estivemos traballando nas aulas sobre esta impactante traxedia que hai case 100 anos que se produciu. Nicolás, alumno de 1ºESO-B, achegou á aula un exemplar de O Santa Isabel. Emigración, traxedia e heroísmo, un libro resultante da exposición dirixida por Pilar Casas Gil no ano 2014. Este libro forma parte da biblioteca do colexio no que traballa a súa nai en Ribeira, que ten por nome CEIP Heroínas de Sálvora, situado en Aguiño. 









xoves, 22 de novembro de 2018

CONTRA AS VIOLENCIAS





Estamos a preparar a celebración do 25 de novembro, Día Mundial contra a violencia de xénero. Antes de que o Concello de Vilagarcía propuxese unha actividade para que participase o alumnado de 1º e 3º da ESO onda a Casa Consistorial, xa desde a Biblioteca nos puxeramos a organizar xunto coa profe de Música unha actividade consistente en cantar dous temas de dúas grandes artistas: Rozalén e Guadi Galego. Trátase de "La puerta violeta" e "Coidar de min".

As cancións serán interpretadas polos grupos que non asistan ao acto do Concello ás 11h. no salón de actos.

O ALUMNADO DA FPB NAS SESIÓNS DE FORMACIÓN DE USUARIOS



2ºde FPB vén de participar na sesión de formación de usuarios. A semana pasada foi o grupo de 1ºFPB o que participou na sesión que organizamos para presentarlle a Biblioteca ao alumnado de nova incorporación e para comentar aspectos do funcionamento e da organización actual ao grupo no seu conxunto. A ocasión serviu tamén para asignarlle cadanseu número de lector.

O certo é que todo empezou o xoves día 8 de novembro, cando Ánxela e Moisés estrearon un dos recunchiños de lectura e Ánxela pediu o seu número de lectora. Fixémosllo nese mesmo momento e decidimos que era imprescindible organizar unha xornada de formación para o alumnado de FPB e a asignar un número a todos e cada un dos alumnos que aínda non o tivesen.

O xoves da semana pasada, o 15 de novembro, foi o grupo de 1º quen participou na sesión de formación e este mércores, o día 21 de novembro, foi o grupo de 2º. Aproveitamos asemade para colocar os letreiros que sinalan a sección, a temática dos libros que están nos andeis.  








venres, 16 de novembro de 2018

NAS IX XORNADAS DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA


Esta fin de semana pasada celebráronse en Compostela as IX Xornadas das Bibliotecas Escolares de Galiza. E aí estabamos nós. O programa prometía: ciencia, poesía, música e unha chea de propostas interesantes. Asemade, as Xornadas son un privilexiado momento de encontro entre as persoas que traballamos nos máis dispares puntos da xeografía galega nesta lea das Bibliotecas dos centros educativos.


Unha interesante intervención de Xurxo Mariño, biólogo de divulgador do coñecemento científico, serviu de fermoso e suxestivo prólogo ás Xornadas. Aproveitando uns versos do poeta e dramaturgo Yeats, Xurxo Mariño falou da pegada que deixamos sobre a herba e o momento auroral en que a humanidade xera o pensamento simbólico, ou o que é o mesmo, o nacemento da linguaxe e a autoconciencia.



Defendeu a idea de que a ciencia non fai desaparecer o lirismo da realidade, senón que, ao responder numerosas preguntas, o que fai é aumentar exponencialmente o número de misterios, de interrogantes que resolver.

Reivindicou os versos de Estíbaliz Espinoza nos que a autora sinala o afán de coñecemento como o trazo definitorio do ser humano:

"O noso poema sapiens xa alén do vento solar" din / Sede de palabra: / bebede preguntas que sigan dando sede".

Na foto inferior podemos ver a Xurxo Mariño apreixando na súa man esquerda un anaquiño do corazón dunha estrela, ou sexa, un meteorito. Defendía así a idea de que a ciencia está preñada de poesía.



Javier Pérez Iglesias é bibliotecario da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid. Agasallounos con frases que reafirmaron algúns dos camiños que estamos encetando neste proceso de transformación que iniciamos no presente curso: 

"Unha biblioteca ten que ser o espazo para o itinerario persoal, máis alá do académico." 

"É o lugar onde as persoas usuarias se empoderan, senten que fan biblioteca.". 

"Cando todas somos bibliotecarias, a biblioteca está en todas partes"

"Temos que saber estar na dúbida. A dúbida alimenta"





Espazos maker nas bibliotecas. STEAM: Ciencia, Tecnoloxía, Matemáticas + Arte. Paola Guimeráns falounos sobre os espazos maker onde a práctica artística e o deseño se dan a man coa tecnoloxía, coa electrónica. Fíos, pintura e pensamento computacional. Paola díxonos: "Crear é unha forma moi poderosa de aprender porque creando externalizamos o pensamento".

Na Biblioteca do  IES Bouza Brey queremos elaborar propostas propias, baseadas nas ideas e experiencias que expuxo Paola Guimeráns, porque sabemos que a alfabetización tecnolóxica ten que ser tamén un camiño para a Biblioteca Escolar e somos conscientes de que o noso IES é un centro privilexiado para o encontro e intercambio de saberes. 

Ímolo aproveitar!!!




mércores, 7 de novembro de 2018

NOVA VIDA PARA OS NOSOS LIBROS

Un dos obxectivos que perseguimos coa fondísima transformación da Biblioteca é darlle unha nova vida aos nosos libros. Moitos descansaban un soño eterno nos andeis con perigo de convertelos nun cemiterio. E iso non o queremos de ningún xeito. Por este motivo buscamos fórmulas para atoparlles unha nova vida. 
Esta semana tivemos a sorte de facer felices a un libro e un lector. Si, fixemos feliz a Xabier, profesor substituto que pasou unhas breves semanas con nós. E fixemos feliz A "Waelrad", noveliña escrita polo narrador Álvaro Otero, orixinario de Bueu, igual que Xabier. "Waelrad" é un dos "Relatos dunha hora" que publicaba a editorial Nigra alá polos anos 90, cando estivo de moda este tipo de lectura breve que, por outra banda, lembraba as iniciativas das Irmandades da Fala como as coleccións das editoriais Céltiga e Lar.




NOVOS RECUNCHOS PARA A LECTURA



Seguimos transformándonos. Aproveitamos a ponte de Santos para facer compras de mobiliario. Así quedaron os dous novoss recunchiños para a lectura. Tamén fichamos novidades. Así que temos novos libros e novos espazos para ler. Manuel e Hugo, de 1ºESO-B foron os primeiros en estrear os acolledores sillonciños. Manuel lía "La casa del reloj de pared¨" e Hugo un cómic manga.