Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 16 de novembro de 2018

NAS IX XORNADAS DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA


Esta fin de semana pasada celebráronse en Compostela as IX Xornadas das Bibliotecas Escolares de Galiza. E aí estabamos nós. O programa prometía: ciencia, poesía, música e unha chea de propostas interesantes. Asemade, as Xornadas son un privilexiado momento de encontro entre as persoas que traballamos nos máis dispares puntos da xeografía galega nesta lea das Bibliotecas dos centros educativos.


Unha interesante intervención de Xurxo Mariño, biólogo de divulgador do coñecemento científico, serviu de fermoso e suxestivo prólogo ás Xornadas. Aproveitando uns versos do poeta e dramaturgo Yeats, Xurxo Mariño falou da pegada que deixamos sobre a herba e o momento auroral en que a humanidade xera o pensamento simbólico, ou o que é o mesmo, o nacemento da linguaxe e a autoconciencia.



Defendeu a idea de que a ciencia non fai desaparecer o lirismo da realidade, senón que, ao responder numerosas preguntas, o que fai é aumentar exponencialmente o número de misterios, de interrogantes que resolver.

Reivindicou os versos de Estíbaliz Espinoza nos que a autora sinala o afán de coñecemento como o trazo definitorio do ser humano:

"O noso poema sapiens xa alén do vento solar" din / Sede de palabra: / bebede preguntas que sigan dando sede".

Na foto inferior podemos ver a Xurxo Mariño apreixando na súa man esquerda un anaquiño do corazón dunha estrela, ou sexa, un meteorito. Defendía así a idea de que a ciencia está preñada de poesía.



Javier Pérez Iglesias é bibliotecario da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid. Agasallounos con frases que reafirmaron algúns dos camiños que estamos encetando neste proceso de transformación que iniciamos no presente curso: 

"Unha biblioteca ten que ser o espazo para o itinerario persoal, máis alá do académico." 

"É o lugar onde as persoas usuarias se empoderan, senten que fan biblioteca.". 

"Cando todas somos bibliotecarias, a biblioteca está en todas partes"

"Temos que saber estar na dúbida. A dúbida alimenta"





Espazos maker nas bibliotecas. STEAM: Ciencia, Tecnoloxía, Matemáticas + Arte. Paola Guimeráns falounos sobre os espazos maker onde a práctica artística e o deseño se dan a man coa tecnoloxía, coa electrónica. Fíos, pintura e pensamento computacional. Paola díxonos: "Crear é unha forma moi poderosa de aprender porque creando externalizamos o pensamento".

Na Biblioteca do  IES Bouza Brey queremos elaborar propostas propias, baseadas nas ideas e experiencias que expuxo Paola Guimeráns, porque sabemos que a alfabetización tecnolóxica ten que ser tamén un camiño para a Biblioteca Escolar e somos conscientes de que o noso IES é un centro privilexiado para o encontro e intercambio de saberes. 

Ímolo aproveitar!!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario