Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 27 de xaneiro de 2016

Xa están aquí!

Temos as mochilas viaxeiras de novo á vosa disposición. Como ben sabedes, este ano, cada unha delas conten libros, películas ou música dun tema en concreto: viaxes, aventura, ciencia-fición, etc. Hai ata nove mochilas para levar en préstamo. Achegádevos á biblioteca e poderedes escoller a vosa preferida.



Medea

María Araújo, alumna de Cultura Clásica de 3º ESO A, agasállanos con este fermoso traballo, elaborado a partir da lectura da obra de Xoán Babarro, "Os Feitizos de Medea". Literatura en verso que nos achega a personaxes da tradición grega, referentes no desenvolvemento cultural, literario e artístico de toda sociedade moderna. María resume neste pequeno video, dun xeito espontáneo e divertido, os sucesos relatados nesta obra, que podedes coller en préstamo na biblioteca do Bouza.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Centenario das Irmandades da Fala

Neste ano de 2016 cúmprense 100 anos da fundación das Irmandades da Fala. A defensa de Galicia, da súa cultura e do seu idioma foron os eixos principais da súa actividade e a súa razón de ser. 

A fundación das Irmandades da Fala xorde nun contexto social propenso aos cambios e en pleno declive do sistema político da Restauración. Os intentos por parte do goberno de implantar un drástico programa centralizador (tamén no plano ideolóxico) propician a aparición ou a reorganización dos movementos nacionalistas nas comunidades históricas do Estado. No caso galego, as Irmandades da Fala representan a evolución definitiva desde o primeiro galeguismo ao nacionalismo organizado como movemento político, e a súa creación veu ocupar o valeiro deixado pola desintegración de Solidaridad Gallega.

No Instituto Fermín Bouza Brey quixemos render homenaxe a este colectivo e ás persoas que formaron parte del, organizando unha serie de actividades para dar a coñecer esta parte da nosa historia, ás veces esquecida e outras ocultada. 

Con este fin e ao longo de todo o mes de xaneiro, temos a oportunidade de ver, nos corredores do IES, a exposición "A Galiza das Irmandades", cedida temporalmente pola AS-PG e que tamén podedes visualizar online dende a propia páxina da asociación: http://www.as-pg.gal/ViewExhibition.do?exhibitionId=7 . Ademais, deseñáronse fichas arredor da mesma, para traballar o tema cos alumnos e alumnas de bacherelato. 



Por outra banda, a exposición complementouse coa visita ao centro de Emilio Xosé Insua, profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella de Vilanova de Arousa, escritor e investigador, especialista no estudo das Irmandades e do intelectual galeguista Antón Vilar Ponte, un dos seus fundadores. Emilio, que conta con numerosas publicacións sobre o tema, explicou ao alumnado, nunha interesante conferencia, a relevancia deste colectivo na historia de Galicia. Foi toda unha honra poder contar con el para saber algo máis da nosa historia, polo que dende aquí lle mostramos o noso agradecemento por ternos acompañado nesta fermosa xornada.

O alumnado da ESO tamén quixo colaborar na posta a punto desta celebración, decorando as fiestras con poemas que recordaron este feito. Así mesmo, foi "En Pé", de Ramón Cabanillas, o escollido como poema do mes.










mércores, 13 de xaneiro de 2016

400 anos do Quijote e do seu creador Miguel de Cervantes

A Don Quijote gustáballe moito ler, sobre todo libros de cabalerías. Tantos lía que acabou por converterse el mesmo nun cabaleiro andante, contruíndo coa súa poderosa imaxinación un mundo propio. O seu inseparable escudeiro, Sancho Panza, acompañarao incansablemente pola Mancha dos séculos XVI e XVII, por lugares como o Toboso ou a mesma ínsula Barataria, que quedarían para sempre presentes no universo daqueles que se achegaron á súa lectura. Dulcinea, exércitos que eran ovellas ou aqueles xigantes con aspas que resultaron ser muíños de vento, convirten a nosa percepción do real nun mundo fantasioso e divertido.


Neste ano 2016 cúmprense 400 anos da publicación da segunda parte de "El ingenioso hidalgo don Quijote de La Mancha" e ademais, no IES Fermín Bouza Brey, tamén nos sumamos á conmemoración da morte do seu autor Miguel de Cervantes Saavedra, nacido en Alcalá de Henares, o 29 de seiembro de 1547, e falecido en Madrid o 22 de abril de 1616. 


 Para rendir tributo ao escritor e ao seu fidalgo manchego máis universal, preparamos unha pequena exposición  da súa obra, cos fondos existentes na biblioteca. 
Achegádevos a vela e animádevos á súa lectura! 


O xardín animado do Bouza

Traballo audiovisual arredor das árbores do xardín, realizado polo alumnado de 1º da ESO do IES Fermín Bouza Brey, no curso 2014-15. Cada grupo apadriñou unha árbore, investigou e estudou as súas características.