Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Centenario das Irmandades da Fala

Neste ano de 2016 cúmprense 100 anos da fundación das Irmandades da Fala. A defensa de Galicia, da súa cultura e do seu idioma foron os eixos principais da súa actividade e a súa razón de ser. 

A fundación das Irmandades da Fala xorde nun contexto social propenso aos cambios e en pleno declive do sistema político da Restauración. Os intentos por parte do goberno de implantar un drástico programa centralizador (tamén no plano ideolóxico) propician a aparición ou a reorganización dos movementos nacionalistas nas comunidades históricas do Estado. No caso galego, as Irmandades da Fala representan a evolución definitiva desde o primeiro galeguismo ao nacionalismo organizado como movemento político, e a súa creación veu ocupar o valeiro deixado pola desintegración de Solidaridad Gallega.

No Instituto Fermín Bouza Brey quixemos render homenaxe a este colectivo e ás persoas que formaron parte del, organizando unha serie de actividades para dar a coñecer esta parte da nosa historia, ás veces esquecida e outras ocultada. 

Con este fin e ao longo de todo o mes de xaneiro, temos a oportunidade de ver, nos corredores do IES, a exposición "A Galiza das Irmandades", cedida temporalmente pola AS-PG e que tamén podedes visualizar online dende a propia páxina da asociación: http://www.as-pg.gal/ViewExhibition.do?exhibitionId=7 . Ademais, deseñáronse fichas arredor da mesma, para traballar o tema cos alumnos e alumnas de bacherelato. 



Por outra banda, a exposición complementouse coa visita ao centro de Emilio Xosé Insua, profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella de Vilanova de Arousa, escritor e investigador, especialista no estudo das Irmandades e do intelectual galeguista Antón Vilar Ponte, un dos seus fundadores. Emilio, que conta con numerosas publicacións sobre o tema, explicou ao alumnado, nunha interesante conferencia, a relevancia deste colectivo na historia de Galicia. Foi toda unha honra poder contar con el para saber algo máis da nosa historia, polo que dende aquí lle mostramos o noso agradecemento por ternos acompañado nesta fermosa xornada.

O alumnado da ESO tamén quixo colaborar na posta a punto desta celebración, decorando as fiestras con poemas que recordaron este feito. Así mesmo, foi "En Pé", de Ramón Cabanillas, o escollido como poema do mes.










Ningún comentario:

Publicar un comentario