Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 5 de decembro de 2017

Recomendacións de banda deseñada

Para estas vacacións seguimos coas recomendacións de banda deseñada. Neste cómic, recomendado polo equipo da Biblioteca, ides atopar un fermoso exemplo de traballo na "liña clara". A Rosinski coñecémolo pola "A Balada das landas perdidas" (outro fermoso cómic tamén recomendado na túa biblioteca), e xunto con Van Hamme, editaron a serie, mundialmente coñecida de Thorgal (tamén a túa disposición na Biblioteca do Bouza Brey).



venres, 24 de novembro de 2017

DEMAIN DÈS L'AUBE: CAMIÑANDO ENTRE VERSOS DE VÍCTOR HUGO


"Demain dès l'aube" é o título do fermoso poema que escolleu o alumnado de 2º ESO-A para esta ocasión. Trátase dunha composición na que o autor vai camiño do cemiterio lembrando aos seres queridos que perdeu. O mes de novembro é o mes de Samaín, no que lembramos os nosos mortos.

Se o francés non é o voso forte, non vos preocupedes, xa as rapazas e rapaces de 2º ESO-A se encargaron de traducilo ao galego. Podedes lelo nas dúas linguas no panel do "Poema do mes: Camiñando entre versos" que hai na entrada do instituto.

Demain, dès l’aube, à l’heure où blanchit la campagne,
Je partirai. Vois-tu, je sais que tu m’attends.
J’irai par la forêt, j’irai par la montagne.
Je ne puis demeurer loin de toi plus longtemps.
Je marcherai les yeux fixés sur mes pensées,
Sans rien voir au dehors, sans entendre aucun bruit,
Seul, inconnu, le dos courbé, les mains croisées,
Triste, et le jour pour moi sera comme la nuit.
Je ne regarderai ni l’or du soir qui tombe,
Ni les voiles au loin descendant vers Harfleur,
Et quand j’arriverai, je mettrai sur ta tombe
Un bouquet de houx vert et de bruyère en fleur.


ALBUMS FOTOGRÁFICOS DO 8 DE MARZO

Para celebrar o Día Mundial Contra a Violencia de Xénero xa temos no atril da Biblioteca un novo álbum dos concursos fotográfico do 8 de marzo. E con este xa van tres. O primeiro, do curso 14-15, titulado "Hai unha muller traballando ao meu carón"; o segundo, do curso 15-16, titulado "Marculino / feminino" e o terceiro, do pasado curso 16-17, titulado "Mulleres a mares".







25 DE NOVEMBRO: LECTURA DE TEXTOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA




O 24 de novembro, aproveitamos a hora do recreo para facer unha actividade contra a violencia de xénero, sumándonos así á celebración do 25N. Xa que os cursos de 1º e 3º da ESO foron á frustrada andaina contra a violencia machista que organizou o Concello de Vilagarcía de Arousa, o alumnado de 2º ESO fixo unha pequena celebración lendo textos como este conmovedor poema escrito por unha muller anónima de O Grove que nos achegou os seus versos nacidos da dor de ser unha muller maltratada polo seu propio home. 



Tamén lemos textos publicados na revista BARDOS hai moito tempo. Algún mesmo hai 19 anos e, tristemente, parecía que fora escrito esta mesma semana, porque os problemas e situacións que denuncia son practicamente idénticos aos que temos na actualidade. Iso indica que non avanzaron moito as cousas neste terreo.






Por último, vimos un vídeo que nos fixo reflexionar sobre o feito de que unha "broma" se non é divertida e agradábel para as persoas implicadas nela, non é unha broma, senón unha agresión. Por moi inofensiva que nos pareza, como di o propio vídeo unha cousa sempre leva a outra, polo que debemos ter unha actitude de total rexeitamento á violencia de xénero desde os detalles máis cotiáns.



Imaxe do vídeo: "Querido papá, algún día chamaranme ..."

NA BIBLIOTECA POLOS CAMIÑOS DOS CONTOS AFRICANOS

É marabilloso presenciar o engado da literatura popular transmitida por un mestre da comunicación como Samuel Mountoumnjou. Nado en Camerún, este mediador intercultural e narrador oral é a segunda vez que visita o IES Fermín Bouza Brey. O 15 de novembro de novo puidemos escoitar na nosa Biblioteca deliciosas historias como a do pai e o fillo que fagan o que fagan sempre son criticados polos demais ou a do crocodilo e o boi, que lembra ao conto tradicional galego "Xanardán e a becha". En definitiva Samuel Mountoumnjou quíxonos transmitir que hai que solucionar os conflitos dialogando, non con violencia, e que debemos ser agradecidos. Tamén quixo que reflexionásemos sobre a idea de que sempre vai haber alguén que nos critique, pero se estamos certas de que o que facemos é o correcto, debemos seguir adiante.
O alumnado de 1º e 2º da ESO escoitou con moita atención estas dúas historias nas que algúns rapaces colaboraron interpretando a acción e os diálogos dos personaxes. O alumnado de 3º e 4ª escoitou outros tres relatos adaptados ao seu nivel de francés, xa que Samuel Mountoumnjou narra os contos nesta lingua, ao tratarse dunha das linguas oficiais da súa terra. Lembremos que foi o Departamento de Francés en colaboración coa Biblioteca quen organizou esta actividade.






mércores, 25 de outubro de 2017

CAMIÑANDO ENTRE VERSOS: PENÉLOPE DE XOHANA TORRES

Este poema de Xohana Torres preséntanos unha Penélope que decide rematar co seu rol de muller pasiva. Este é un personaxe da Odisea, un dos poemas épicos máis importantes da literatura grega. Penélope agardaba pacientemente o regreso do seu home, Ulises, a Itaca. Mais neste poema de Xohana Torres, Penélope decide que ela vai tamén navegar. Aquí a autora emprega o mito para rematar con el. É, xa que logo, un poema reivindicativo e feminista.

Aínda que resulta un pouco difícil de comprender, o alumnado de 2ºESO-A traballou sobre el e foi quen de entender certas imaxes que mesturan a mitoloxía grega coa simboloxía dos acios das uvas, do malva, que xunto coa simboloxía do mar, ten moitísima importancia na poética de Xohana Torres. Alumnas e alumnos de 2ºESO-A rotularon os versos e agora podemos ler o poema na entrada do Centro, no taboleiro adicado ao poema do mes que este curso leva o nome de CAMIÑANDO ENTRE VERSOS.

Non podemos esquecer no Bouza Brey o ano 2014 en as Letras Galegas foron dedicadas ao poeta Díaz Castro, autor doutro poema titulado tamén "Penélope", que Dimas Iglesias musicou. Logo de gravalo, fixemos dous vídeos que podedes reproducir aquí, nestes enlaces: 1 e 2. Mais a Galiza-Penélope de Díaz Castro representaba a paciencia inmobilista, que non conduce a ningures, só a dar un paso a diante e outro atrás.

Esta Penélope abre as portas a novos horizontes...


OUTONO E SAMAÍN

A Biblio do Bouza ten tanto atractivo que non deixa de receber gavanzas (como as que fixeron algunhas persoas da comitiva institucional que estiveron o día 9 de outubro) e de ter colaboracións desinteresadas e tan valiosas coma as dos nosos amigos Mónica García Rodríguez e Antón Reimúndez que están enchedo a nosa biblioteca das máxicas cores do outono e de motivos que acompañarán as actividades do Samaín.











O CLUB DE LECTURA NO DÍA DAS BIBLIOTECAS

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas. Na nosa celebrámolo hoxe facendo a primeira xuntanza do Club de Lectura para maiores. Tratábase de presentar as dúas obras que imos ler neste trimestre: Camiños na auga, de Manuel Núñez Singala, e Los tres nombres del lobo, de Lola P. Nieva. A primeira é unha historia de supervivencia, protagonizada por un mozo negro albino. A segunda transpórtanos á Idade Media da man dunha restauradora que se ve transportada á terra dos viquingos.






sábado, 21 de outubro de 2017

EU TAMÉN NAVEGAR!

Xohana Torres deixounos o 12 de setembro de 2017, cando a chuvia anunciaba o comezo das clases no Instituto.
Esta autora, pioneira en tantos aspectos, agasallounos cunha poesía chea de calidade e lirismo, que transita entre o mar de Ferrol e Vigo e as terras de Compostela ou o Ribeiro. Desta bisbarra vitivinícola ourensá era orixinaria a súa avoa, a quen dedicou o seu último poemario Elexías a Lola, publicado en 2016. Do mundo físico e estético que Lola lle ofreceu naceu unha sensibilidade e unha estética inconfundíbel.
Na nosa biblioteca a penas tiñamos un exemplar de Adiós, María, recén adquirido a finais do curso pasado e aínda sen fichar. Deunos traballo, pero grazas á xenerosidade dos nosos colaboradores, logramos facer unha vitrina moi completa coa obra da autora.
Os seus versos tamén nos acompañan no vestíbulo do centro. O alumnado de 2ºESO-A vén de rotular o coñecido e reivindicativo poema Penélope, que poderemos ler no espazo do poema do mes.


OS CAMIÑOS DO CLUB DE LECTURA

O noso Club de Lectura vai comezar a súa andaina cos camiños do máis alá da man da coñecida novela Un monstro vén a verme de Patrick Ness e Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas. Dirixidas ao grupo de adultas/os (alumnado de Bacharelato, profes e persoal non docente) serán as lecturas de Os camiños na auga de Núñez Singala e Los tres nombres del lobo de Lola P. Nieva. Esta será a andaina polos camiños vitais e da historia.



Un monstro vén a verme de Patrick Ness, editado en galego pola editorial Kalandraka,
 encetará os camiños do máis alá no Club de Lectura Nao Senlleira do noso IES 

venres, 20 de outubro de 2017

A MEMORIA DA AUGA

Queremos comezar este curso cunha historia que nos leva polos camiños do mar. Mathieu Reynès é o guionista que nos ofrece a historia de Marion. Este criouse entre o País Vasco francés e Burdeos e nesta historia fainos chegar o recendo do mar e as misteriosas historias que vencellan aos habitantes da costa co seu pasado. Marion é unha adolescente que vai, xunto coa súa nai, vivir á casa da infancia materna. Nesta vivenda, situada enriba dun imprsionante cantil, descubrirá o pasado dos seus avós e os estraños vencellos que ela mesma ten cun inquietante fareiro... 
Valérie Vernay é a ilustradora.  Os realistas debuxos que nos ofrece transpórtannos a un mundo de brétemas con máis sombra e escuridade ca luces...





venres, 29 de setembro de 2017

CAMIÑOS



Botamos a andar.
Neste curso 17-18 percorreremos moitos vieiros, faremos camiños de ida e de volta a través dos versos, das historias e das músicas que entrarán e sairán da nosa Biblioteca.

Camiño branco, de Rosalía; Camiño longo, de Cabanillas; Os camiños da vida, de Otero Pedrayo; Camiños de luz e sombra, de Manuel María; Camiños na auga, de Núñez Singala ou Camiños de Lamatumbá. Sen esquecer On the road de Jack Kerouac ou os múltiples camiños de Machado.



Neste emocionante e intenso percorrido que temos por diante haberá un lugar moi especial María Victoria Moreno, escritora da literatura galega que veu de Cáceres e que converteu o galego na súa lingua. Con ela acompañaremos ao protagonista de Anagnórise na viaxe de ida e volta que o levará a atoparse consigo mesmo.

Faremos en varias ocasións o camiño a Vigo, xa que o noso destino será o Museo do Mar, para ver cos nosos propios ollos o Pergamiño Vindel que percorreu un longo camiño desde Nova York para poder ser exposto no lugar cantado nas 7 cantigas de Martin Códax que contén, ou sexa, no mar de Vigo.




Ledica Costas levaranos a pasear con Jules Verne polas rúas de Vigo para coñecer o inventor e empresario Sanjurjo Badía e a misteriosa vida das mulleres planta.



Agárdanos en Trasalba, Otero Pedrayo, o autor de Os camiños da vida. Neste percorrido por terras ourensás, pararemos tamén na cidade medieval de Ribadavia.

Camiñaremos entre palabras de mulleres e polos versos que convidan a non ficar paradas, a ir sempre máis alá: como os versos de Xoana Torres, a recentemente falecida poeta do mar. E é que a navegación que comezamos o curso pasado, continúa agora por ar, por terra e por mar.


Agardámosvos, coma sempre!














xoves, 1 de xuño de 2017

NAUFRAXIO: UN POEMA DE X.M. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

O alumnado de 2º ESO-B vén de escoller un novo poema da semana titulado "Naufraxio". É un texto do poeta e editor X.M. Álvarez Blázquez. Publicado no seu poemario Canle segredo. Trátase dun soneto de temática amorosa en ambiente mariño, temática e ambientación moi preferidas polo autor.

Por certo, das lembranzas máis queridas polo autor están as vivencias dos seus veráns en Baión, cando xogaba da mañá á noite en absoluta liberdade coa enorme requitropa que formaban os seus irmáns, curmás e curmáns. Aínda que a parroquia de Baión pertence actualmente ao concello de Vilanova, durante unha etapa do século XX Baión pertenceu ao concello de Vilagarcía de Arousa.