Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 24 de novembro de 2017

NA BIBLIOTECA POLOS CAMIÑOS DOS CONTOS AFRICANOS

É marabilloso presenciar o engado da literatura popular transmitida por un mestre da comunicación como Samuel Mountoumnjou. Nado en Camerún, este mediador intercultural e narrador oral é a segunda vez que visita o IES Fermín Bouza Brey. O 15 de novembro de novo puidemos escoitar na nosa Biblioteca deliciosas historias como a do pai e o fillo que fagan o que fagan sempre son criticados polos demais ou a do crocodilo e o boi, que lembra ao conto tradicional galego "Xanardán e a becha". En definitiva Samuel Mountoumnjou quíxonos transmitir que hai que solucionar os conflitos dialogando, non con violencia, e que debemos ser agradecidos. Tamén quixo que reflexionásemos sobre a idea de que sempre vai haber alguén que nos critique, pero se estamos certas de que o que facemos é o correcto, debemos seguir adiante.
O alumnado de 1º e 2º da ESO escoitou con moita atención estas dúas historias nas que algúns rapaces colaboraron interpretando a acción e os diálogos dos personaxes. O alumnado de 3º e 4ª escoitou outros tres relatos adaptados ao seu nivel de francés, xa que Samuel Mountoumnjou narra os contos nesta lingua, ao tratarse dunha das linguas oficiais da súa terra. Lembremos que foi o Departamento de Francés en colaboración coa Biblioteca quen organizou esta actividade.






Ningún comentario:

Publicar un comentario