Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 24 de abril de 2018

NO DÍA DO LIBRO RECIBIMOS TAM: O PRIMEIRO MANGA EN GALEGO

O alumnado do Agrupamento de 1ºESO xa ten nas súas mans a obra que vai ter como lectura neste trimestre para Lingua Galega. Chegou, xusto para celebrar o Día do Libro, o primeiro manga en galego. Trátase de Tam, a historia dunha rapaza que loita contra a morea de imposicións absurdas que padecen as mulleres sobre o seu aspecto físico. O libro é unha crítica chea de humor ao absurdo consumismo que nos devora en relación á moda e ao corpo. 

A autora, Anémona de Río, vén de gañar o Premio de fin de estudos do Garaxe Hermético, dirixido por Kiko da Silva, e que conta cun destacadísimo elenco de profesores (Fernando Iglesias, Miguel Porto, Fran Bueno, Fernando Llor e Miguelanxo Prado).

Anémona de Río é así mesmo a autora da portada do vindeiro número da revista de banda deseñada dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés que está a piques de publicarse.






23 DE ABRIL: CAMIÑANDO CON MARCOS CALVEIRO POLAS RÚAS DE VILAGARCÍA

Para celebrar o Día do Libro, o alumnado de 1ºBach. participou nun roteiro literario co autor de O xardineiro dos ingleses, o vilagarcián Marcos Calveiro. Moitos dos participantes no paseo literario xa leran a novela ambientada na nosa cidade. O escritor, de forma clara e amena foi comentando as localizacións de diversos sucesos históricos e momentos da trama da novela.

A prensa recolleu deste xeito a actividade:



É ben coñecido o afán de documentación que move a Calveiro antes de comezar cada novela. Así acontece, por exemplo, en Festina lente, Fontán ou Settecento. Neste roteiro literario, Calveiro amosou a súa capacidade para comunicar, non só na ficción, senón tamén co relato oral, e esa paixón polo pasado que se atopa en moitos dos lugares polos que transitamos cada día.








venres, 20 de abril de 2018

CAMIÑO LONGO DE CABANILLAS

Que poema tan fermoso de Ramón Cabanillas escolleu o alumnado de 4º da ESO para o noso taboleiro "Camiñando entre versos"! Forma parte do primeiro libro que publicou Cabanillas, foi no ano 1915 na Habana. O libro titúlase Vento mareiro e foi recibido dentro da cultura galega con entusiasmo, xa que a calidade lírica do poeta de Cambados facía pensar en tempos bos para a poesía galega. 

O texto é fermoso e triste ao mesmo tempo. Está cheo de metáforas entre as que destaca a que dá título ao poema. Cabanillas compara a súa vida cun camiño longo e cheo de dificultades. Foi musicado cunha sensibilidade extraordinaria por Luís Emilio Batallán e editado no seu disco "Aí vén o maio", onde interpreta tamén poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Curros Enríquez.


CAMIÑO LONGO
Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
vereda torta,
ti onde me levas!
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
camiño longo
da miña vida!
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sin ágoa;
sin carballos que den sombra,
nin chouzas que den pousada...
vereda fonda,
ti cando acabas!

EXPOSICIÓN DO CONCURSO DE ADHESIVOS DO SALNÉS

DO PERGAMIÑO AO DIXITAL.
O PATRIMONIO CULTURAL GALEGO: MILENARIO E CON FUTURO

Xa están expostos os traballos realizados polo alumnado da ESO do noso centro para participar no XXIV Certame de Adhesivos pola Normalización organizado polos Equipos do Salnés. A Biblioteca en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Lingua Galega vén de montar unha pequena exposición con todos eles.

Durante esta semana asemade podemos ver a exposición dos traballos finalistas e gañadores do certame, entre os que se atopan os das alumnas do noso instituto Clarisse Gallego, gañadora do 2º premio na categoría de 1º e 2º ESO, e os de Carla Alcaine e Alejandra  Lores, finalistas nesta mesma categoría, así como o de Irea Álvarez Ferreiro, na categoría de 3º e 4º ESO.




mércores, 18 de abril de 2018

POLOS CAMIÑOS DE TRASALBA E A VIDA DE OTERO PEDRAYO

O martes 17 de abril a primavera por fin sorriu con toda intensidade nas terras ourensás de Trasalba e Ribadavia. Por estes lares andaron a corricar as alumnas e alumnos de 2ºESO nunha proveitosa saída didáctica dos departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega en colaboración coa Biblioteca. Ao rematar a visita á casa de Otero Pedrayo e as actividades correspondentes, Uxía Saborido, dende a solaina, deu lectura a un texto no que a fantasía a levou a se converter en amiga do gran escritor. 

A seguir, fixeron un pequeno roteiro literario dando lectura a fragmentos de diferentes obras que facían referencia aos lugares onde eran lidos. 

Ao mediodía, non desaproveitaron a ocasión para mergullarse nas augas termais de Outariz, en Ourense, e do rebuldeiro correr do río Miño. Xa pola tarde en Ribadavia fixeron unha actividade de descuberta desta fermosa vila medieval.

As imaxes amosan o moito que traballaron e o moito que gozaron desta saída didáctica. Non é de estrañar que pidan máis, por favor!!!





























luns, 16 de abril de 2018

UN MURAL PARA MARÍA VICTORIA MORENO





O alumnado de Agrupamento de 1º ESO elaborou este vistoso mural sobre María Victoria Moreno, autora á que se lle dedican este ano as Letras Galegas. É a 4ª ocasión en que unha muller é homenaxeada nesta celebración. Na primeira ocasión (1963) dedicóuselle a Rosalía de Castro. En 1987 Francisca Herrera Garrido e en 2007 María Mariño Carou foron as homenaxeadas.

María Victoria Moreno foi galega por decisión propia. Naceu nunha vila da provincia de Cáceres e viviu en diferentes lugares como Sepúlveda, Madrid e Barcelona. Cando chegou a Galiza decidiu empregar a nosa lingua e converteuse nunha activista a prol do idioma. Tamén foi unha defensora dos dereitos das mulleres. 

Como era profesora, foi moi consciente da necesidade de que houbese na literatura galega obras dirixidas ao público xuvenil e infantil. Por iso se puxo mans á obra e foi pioneira neste eido. Obras de gran éxito foron "Leonardo e os fontaneiros" e "Anagnórise". 

María Victoria Moreno foi tamén unha grande amante dos animais, especialmente dos cans, como queda reflectido na historia de Leonardo.

mércores, 11 de abril de 2018

CAMIÑAN DESCALZAS, UN POEMA DE ANA ROMANÍ

Ana Romaní é unha das poetas máis importantes da literatura galega. Destaca a enorme calidade dos seus versos e a coherencia do seu discurso poético. Ademais, leva conducindo o programa radiofónico Diario Cultural da Radio Galega dende hai case tres décadas. Foi elixida como académica da RAG hai menos dun mes (a mediados de marzo de 2018) e, a día de hoxe, aínda non pronunciou o seu discurso de ingreso.

O alumnado do agrupamento de 2º da ESO escolleu o coñecido poema "Camiñan descalzas polas rochas". Neles a autora fálanos do traballo que realizan as mulleres na sociedade. Di que é efémero, ou sexa, que dura pouco tempo, pero que, ao mesmo tempo, é o que verdadeiramente permanece.