Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

domingo, 24 de febreiro de 2019

CORAZÓNS CONTRA O AMOR TÓXICO

Non queremos que deixe de ter reflexo no noso blog a nosa particular celebración do 14 de febreiro. Sabemos que a música, o cine e a literatura de consumo para adolescentes están cheas de contidos que configuran unha idea do amor romántico. Este é o máis potente e nocivo virus que desemboca en demasiadísimas ocasións en relacións tóxicas. Por iso quexemos inzar o instituto de corazóns cheos de mensaxes contra o amor tóxico.




ROSALÍA VERSOS E FOTOGRAFÍA

Este 24 de novembro celebramos dunha maneira especial o aniversario de Rosalía de Castro. O Concello de Vilagarcía, dentro desta celebración, achegou á sala Briones unha interesante exposición de Xurxo Lobato titulada "Airiños, aires. Rosalía". Tivemos a enorme fortuna de poder visitar a exposición da man do seu autor, que nos deu nunha interesante charla sobre a narrativa fotográfica en relación con este traballo. O alumnado de 1º de Bacharelato puidemos gozar e aproveitar especialmente a exposición porque recén acababamos de ler Follas Novas, a obra máis destataca da nosa autora máis universal.
Tamén o alumnado de 1º da ESO celebro a efeméride escribindo nos cristais fragmentos en prosa do prólogo de Cantares Gallegos e de Lieders.








COMPRAS COMISARIADAS EN COMPOSTELA: KÓMIC E COUCEIRO

De compras en Compostela, como xa fixeran os membros do Equipo de 1ºESO en Vilagarcía. Desta volta o obxectivo era comprar banda deseñada, xa que esta é a sección que máis demanda ten na nosa Biblioteca. Así que collemos o tren das nove e vinte da mañá e, nun velaivai estabamos na estación de Compostela. Moi pertiño de alí está a librería Kómic, da que somos clientes dende hai unha morea de anos. 
Desta sección durante moito tempo ocupáronse Mato e Carmelo, polo que son vellos coñecidos na librería, pero desta volta iamos directamente as persoas que usamos e, agora, tamén colaboramos na xestión da Biblioteca. 
Somos as mellores especialistas do mundo nos nosos propios gustos, inquedanzas e intereses. Por iso, quen mellor ca nós para facer as adquisicións. Así e todo, como Equipo que somos, cada compra se medita e negocia entre todas. Como o orzamento non é infinito, hai que ser moi responsábeis e pensar moi, moi ben que é o que levamos e que é o que deixamos quedar. 
Mercar na librería Kómic foi un pracer. Ademais, Pío atendeunos de marabilla, estivo moi atento ás nosas peticións e respondeu moi amablemente todas as nosas preguntas e dúbidas.
A seguir, a fume de carozo, fomos á cidade vella. Na praza de Cervantes está situada a preciosa librería Couceiro, que cumpre o vindeiro mes de marzo 50 anos. Precisamente cando nós chegamos estaban acabando de gravar a entrevista a Xesús Couceiro, o seu dono e fundador, para un documental.
A xornada foi intensa e moi aproveitada. As compras comisariadas, de novo, un éxito para a nosa Biblioteca.








TITORÍA ENTRE IGUAIS: CONVIVENCIA, POESÍA E PAISAXE NO MONTE LOBEIRA

O martes 12 de febreiro fixemos unha actividade onde confluíron poesía, natureza e convivencia. Dentro do proxecto "Titoría entre iguais" o Departamento de Orientación solicitoulle colaboración á Biblioteca para organizar unha saída onde os participantes neste proxecto puidesen coñecerse mellor. 
A subida ao monte Lobeira celebrouse un día espléndido. Despois dun outono e un inverno xenerosos en chuvia, a segunda semana de febreiro presentouse solleira, cunha temperatura ideal para desenvolver esta actividade na que combinamos poesía, natureza, paisaxe e actividade física. Con versos de Aquilino Iglesia, Mónica Góñez, Antón Blanco Casás, Álvaro Cunqueiro, Noelia Calvo, Fermín Bouza Brey e Ramón Cabanillas tivemos que organizarnos por grupos para afrontar a subida ao monte. A cada parella de titoría entregóuselle un fragmento de poema. Ao chegar ao campo de fútbol de Renza, tivemos que compoñer o puzle para formar Adolescencia, Nao Senlleira, Nunha gamela nova, un fragmento do Bendito San Amaro ou Si miña señor a ialba de Arousa beilar. Cada grupo tiña asociado un elemento da paisaxe: as illas Malveiras, a illa de Cortegada, a illa de Arousa, Sálvora, o Castrove, o Grove ou Rianxo. Todos estes lugares relacionados co contido ou coas autoras dos poemas. Unha vez organizados os grupos fomos subindo cun intervalo de 5 minutos. Tiñamos que atopar 10 balizas. Nalgunha delas había probas. Algunha tiñan como obxectivo que nos fixásemos no entorno e outras que falásemos entre nós para coñecernos mellor. Antes das doce comezamos a culminar o ascenso. A última  baliza estaba situada no cumio. Despois dun merecido descanso tivemos que comezar a baixar, xa que pola tarde nos agardaban dúas duras horas de clase.
Ben é certo que ninguén esperaba un día tan espectacular para facer unha actividade ao ar libre pero foi unha mágoa enorme no ter ficado en Lobeira para xantar e para poder seguir gozando dunha xornada de convivencia e actividade en plena natureza. 
Deixámosvos a seguir instantáneas da actividade que reflicten, tan só palidamente, a fantástica xornada que vivimos.