Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

domingo, 24 de febreiro de 2019

TITORÍA ENTRE IGUAIS: CONVIVENCIA, POESÍA E PAISAXE NO MONTE LOBEIRA

O martes 12 de febreiro fixemos unha actividade onde confluíron poesía, natureza e convivencia. Dentro do proxecto "Titoría entre iguais" o Departamento de Orientación solicitoulle colaboración á Biblioteca para organizar unha saída onde os participantes neste proxecto puidesen coñecerse mellor. 
A subida ao monte Lobeira celebrouse un día espléndido. Despois dun outono e un inverno xenerosos en chuvia, a segunda semana de febreiro presentouse solleira, cunha temperatura ideal para desenvolver esta actividade na que combinamos poesía, natureza, paisaxe e actividade física. Con versos de Aquilino Iglesia, Mónica Góñez, Antón Blanco Casás, Álvaro Cunqueiro, Noelia Calvo, Fermín Bouza Brey e Ramón Cabanillas tivemos que organizarnos por grupos para afrontar a subida ao monte. A cada parella de titoría entregóuselle un fragmento de poema. Ao chegar ao campo de fútbol de Renza, tivemos que compoñer o puzle para formar Adolescencia, Nao Senlleira, Nunha gamela nova, un fragmento do Bendito San Amaro ou Si miña señor a ialba de Arousa beilar. Cada grupo tiña asociado un elemento da paisaxe: as illas Malveiras, a illa de Cortegada, a illa de Arousa, Sálvora, o Castrove, o Grove ou Rianxo. Todos estes lugares relacionados co contido ou coas autoras dos poemas. Unha vez organizados os grupos fomos subindo cun intervalo de 5 minutos. Tiñamos que atopar 10 balizas. Nalgunha delas había probas. Algunha tiñan como obxectivo que nos fixásemos no entorno e outras que falásemos entre nós para coñecernos mellor. Antes das doce comezamos a culminar o ascenso. A última  baliza estaba situada no cumio. Despois dun merecido descanso tivemos que comezar a baixar, xa que pola tarde nos agardaban dúas duras horas de clase.
Ben é certo que ninguén esperaba un día tan espectacular para facer unha actividade ao ar libre pero foi unha mágoa enorme no ter ficado en Lobeira para xantar e para poder seguir gozando dunha xornada de convivencia e actividade en plena natureza. 
Deixámosvos a seguir instantáneas da actividade que reflicten, tan só palidamente, a fantástica xornada que vivimos.








Ningún comentario:

Publicar un comentario