Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 14 de marzo de 2018

NANINA SANTOS, ABRINDO CAMIÑOS DO FEMINISMO GALEGO



Nanina Santos, líder do feminismo galego e ex-profesora de Música do noso IES, estivo o mércores 14 de marzo na Biblioteca do Bouza Brey para ofrecer unha charla sobre feminismo e unha reflexión sobre a súa toma de consciencia e a súa traxectoria.

Nanina, pioneira da autoorganización das mulleres en Galiza, ofreceuse gustosa a responder unha bátega de preguntas realizadas polo alumnado asistente e así foi tecendo evocacións históricas e persoais a carón de reflexións sobre os temas que seguen atinxindo o feminismo na actualidade e que nos seguen inquirindo a todas: mozas e adultas, novas e vellas, rapazas e rapaces... 

Nanina falou da súa infancia, da situación da muller no tardo-franquismo, dos seus comezos na militancia política, do nacemento do movemento feminista en Galiza coa fundación da Asociación Galega da Muller, das súas primeiras e importantes campañas, mobilizacións e reivindicacións. Falou da revista "Andaina", da súa pertinencia; da necesidade de pensar e escribir, de artellar espazos, foros para as mulleres. Declarou o seu acordo con que os homes se sumen á loita feminista. Falou da loita polos dereitos sexuais, do machismo sutil, tamén chamado micromachismos...

Nanina regalounos para a biblioteca un exemplar do último número de "Andaina". Pola nosa banda, a Biblio do Bouza regalámoslle libros como "Aquel día en que eramos malas", de Inma López Silva e "Idiotizadas: de cuentos de hadas a emponderhadas", de Moderna de Pueblo.




Na imaxe superior vemos a Sara Doval, de 1º de Bacharelato, presentando a Nanina Santos.
Antes de comezar a charla produciuse a entrega de premios do IV Certame Fotográfico 8 de marzo "Mulleres abrindo camiños".


Na imaxe superior podemos ver os diplomas tan chulos que acreditan 
as gañadoras e gañadores do Certame Fotográfico 8 de marzo




Nesta instantánea vemos a Nanina Santos ollando os libros 
con que a agasallamos desde a Biblio do Bouza como
 agradecemento por ofecernos esta charla tan suxerente
 e que suscitou tanto interese entre o alumnado. 



martes, 13 de marzo de 2018

O 8 DE MARZO NON PARAMOS... QUEDAS

O 8 de marzo unha boa parte das alumnas/os e profesoras/es sumámonos ás mobilizacións e levamos a diante distintas actividades. Na Biblioteca  preparáronse os globos violetas con sorpresa: as preguntas de SABÍAS QUE... sobre distintos fitos protagonizados por mulleres. Tamén se fixeron os murais e os globos sobre o teito de cristal, para denunciar que os postos directivos seguen a estar maioriatariamente desempeñados por homes, mentres que os postos menos valorados, como son os traballos que implican coidados, son na meirande parte desempeñados por mulleres.

























xoves, 8 de marzo de 2018

PREMIOS DO CERTAME FOTOGRÁFICO DO 8 DE MARZO: MULLERES ABRINDO CAMIÑOS

Os traballos premiados no IV Certame Fotográfico 8 de marzo, baixo o lema "Mulleres abrindo camiños" foron os seguintes:


CATEGORÍA ESO e FP BÁSICA:
1ºPREMIO: Hugo García Nogueira (2ºESO)



2ºPREMIO: Andrea Abadín (4ºESO)




3ºPREMIO EX AEQUO: Lucas Rubianes Eiras (2ºESO)



3ºPREMIO EX AEQUO: Joel Rubio González (2ºESO)




CATEGORÍA BACHARELATO E CICLOS:
1ºPREMIO: Leila Meis (1ºBACH.-B)


martes, 6 de marzo de 2018

8 DE MARZO: MULLERES ABRINDO CAMIÑOS



A exposición fotográfica non para de medrar, tanto no apartado dos traballos que se presentan a concurso como no dos que están fóra do certame. Este vindeiro día 8 decidiranse os gañadores. O xurado non terá en conta só a orixinalidade e calidade fotográfica dos mesmos, senón tamén do texto que acompaña. Os premios serán entregados a vindeira semana nun acto onde contaremos coa presenza de Nanina Santos, líder do movemento feminista galego, que ofrecerá unha charla para o alumnado de 1ºde Bacharelato.

 


VILAGARCÍA LEDA DE NAVÍOS: O AGASALLO DUNS VERSOS DE AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO


Xa é ben coñecido que Aquilino Iglesia Alvariño fixo que Vilagarcía pasase con letras maiúsculas á historia recente da nosa lingua, xa que foi aquí onde se publicou o primeiro libro da literatura galega despois do "apagón" que supuxo a guerra civil e a posguerra na ditadura franquista A librería imprenta Celta foi onde Iglesia Alvariño publicou o seu "Cómaros verdes".

O que fora no seu día director do Colexio León XIII, tamén nos deixou uns fermosísimos versos sobre Vilagarcía e o mar que, grazas a Mónica García Rodríguez e Antón Reimúndez poderemos gozar a partir de agora na cafetería no noso instituto. O poema, titulado "Nunha gamela nova", pertence á corrente literaria denominada neotrobadorismo, que foi iniciada por Fermín Bouza Brey.  Di así:

Vilagarcía leda de navíos,
dorme na miña i-alma sono leve.

A i-auga é donda e fina como a seda.
A mar é terciopelo e flor de vento.

solpores de ouro, e rosa, e brasa viva
e de froles marelas de anchas follas

xirasoles de vento e luz apenas
anáinanse na mar en carriolas.

Nunha gamela nova, toda verde,
co teu nome tan guapo no costado.
¡Ondas camariñas da miña vida!

Ti sola, miña brava mariñeira,
namorada, remabas cara o sol.

Qué brancos os teus dentes e qué alegre
a risa da túa boca!

Era moi loura
a túa cabeleira despeinada

e o teu pescozo liso e os teus brazos
eran de ouro moreno, miña amiga.

domingo, 4 de marzo de 2018

CAMIÑOS DO EXILIO POR XOSÉ LUÍS AXEITOS



O investigador rianxeiro e académico da RAG, Xosé Luís Axeitos estivo este pasado venres na Biblioteca do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, onde deu unha charla que tiña como título “A actividade cultural do exilio galego”. 
O profesor Axeitos, ademais de ser un experto nos autores da nosa Ilustración como Sarmiento ou Cornide, é un especialista nos seus paisanos, os autores rianxeiros: Rafael Dieste, Manuel Antonio e Castelao. Da súa familiaridade coa actividade do exilio nace tamén o seu fondo coñecemento da figura do pintor, poeta e activista cultural Luís Seoane e do compañeiro deste, Lorenzo Varela. Por iso Xosé Luís Axeitos foi unha peza fundamental na imprescindible biblioteca da memoria que editou Edicións do Castro.
Á charla asistiron as alumnas e alumnos de 2º de bacharelato que, non só puideron achegarse aos autores máis destacados do exilio, senón que tamén descubriron o papel de figuras vilagarciás como Mariví Villaverde.


venres, 2 de marzo de 2018

COUSOS DO LOBO DE UXÍO NOVONEYRA



           COUSOS do lobo!

Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde niguén foi nin ha d’ir!

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa...

Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.

                         Uxío Novoneyra


"Cousos do lobo" é o poema do mes elexido polos alumnos e alumnas do Agrupamento de 1º da ESO. Manuel Domínguez Renda fixo a abraiante ilustración do lobo que podedes ver no panel do poema do mes.O autor de "Cousos do lobo" é Uxío Novoneyra, un dos máis importantes poetas galegos do século XX. A súa poesía ten como protagonista a natureza, especialmente a do Courel, unha serra que constitúe un impresionante tesouro natural. Hai xa moitos anos que Uxío Novoneyra o percibiu así.

Novoneyra expresa nos seus versos un compromiso pleno con Galiza, coa paz e coas clases populares. Un trazo moi característico do seu estilo é o fonosimbolismo, recurso que podemos observar nalgúns versos deste fermoso poema.

Os cavorcos son camiños fondos entre as montañas e os carreiros son camiños estreitos, por onde só se pode andar a pé. Estas son o único tipo de vías que atopamos no fermoso e impresionante territorio dominado polos lobos nas montañas orientais de Galiza.