Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 28 de abril de 2017

MARÍA MARIÑO NON TEN MEDO DE VOGAR

María Mariño Carou é unha das voces máis singulares da poesía galega do século XX. Pola súa traxectoria vital estivo afastada dos círculos literarios. Tivo unha fonda relación co tamén poeta Uxío Novoneyra. A súa especial amizade foi un motor creativo para ambos.  Outro admirador da obra e o estilo de María Mariño foi Méndez Ferrín.

O estilo de María Mariño caracterízase pola liberdade coa que emprega a lingua. Un trazo moi definitorio é a trascategorización das palabras. 

Palabra no tempo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, foi o poemario que publicou en vida. 

Os seus amigos Uxío Novoneyra e Avilés de Taramancos foron os que promoveron a publicación do seu segundo poemario, Verba que comeza, unha obra onde a escritora se libera de certos trazos tradicionais e desprega unha poesía máis filosófica e formalmente libre.

Na súa obra hai un enorme protagonismo da natureza, pero non como paisaxe. Non é unha poesía contemplativa, senón metafísica. 

María Mariño, aínda que pasou a meirande parte da súa existencia no Courel, era natural de Noia, onde viviu a súa infancia e mocidade. O mar, porén, non ten un grande protagonismo na súa obra e, igual que outros elementos naturais, aparece sempre conceptualizado, coma no poema que escolleu  o alumnado do Agrupamento de 2º ESO. 


"Tiven medo de vogar" é un canto ao empoderamento das mulleres. Nace dunha vivencia íntima e persoal e convértese nunha metáfora do proceso de liberación das mulleres, no que estamos inmersas aínda. 

Este poema está musicado pola artista galega Uxía Senlle no seu disco Danza das areas.








Ningún comentario:

Publicar un comentario