Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 9 de outubro de 2018

ABERTO POR REFORMAS



Xa estamos de volta!

Por fin, desde hai unha semana e despois dunha reforma a fondo, a Biblio Bouza está funcionando con total normalidade. Ben, con "total normalidade" non, porque queda aínda moito traballo por facer... Ademais o novo curso quere ser tamén o comezo dunha nova xeira para a nosa Biblioteca. Por agora podedes ver cambios externos (que esperamos que vos gusten tanto coma a nós), pero axiña iredes sabendo das novidades na actividade cotiá da Biblioteca.

A reforma que levamos a cabo este verán atinxiu ao espazo físico que acolle a Biblioteca e tivo implicacións no fondo documental e na organización do mesmo. Realmente non se pode dicir se foi antes o ovo ou a galiña. Ou si. 

Está claro que máis de 18.000 (!!!!) rexistros son demasiadísimos para unha biblioteca escolar. Era urxente e imprescindíbel un expurgo sensato. A falta de espazo, a dificultade para acceder aos libros ou atopar títulos entre o "maremagnum" que supón un fondo tan descomunal foron o motor deste inxente traballo. 

Co obxectivo de crear un espazo máis diáfano e funcional tirouse a parede do despacho e elimináronse os andeis que constituían unha contundente barreira física dentro da sala. Asemade renovouse a carpintería exterior (xanelas e persianas), coma noutros lugares do IES,  ademais do teito e a iluminación.

As reformas obrigaron a realizar ese tan necesario expurgo. O obxectivo é axeitar o fondo documental ás características e idade do alumnado do noso Centro, retirar exemplares deteriorados, libros de texto anticuados, obras moi superadas polos avances tecnolóxicos e científicos, exemplares repetidos con edicións pouco coidadas, libros hiper específicos, curiosidades extemporáneas nunha biblioteca escolar do século XXI... 

Mover unha cantidade de libros tan grande supón un enorme traballo que ten como recompensa coñecer mellor as marabillas que posuímos e mellorar o que a Biblioteca pode ofertar. Trátase de termos un fondo atractivo e manexábel, para que a todas as persoas usuarias nos resulte sinxelo e apetitoso perdérmonos nos andeis curioseando obras chulas, por dentro e por fóra...

As imaxes que vemos a continuación amosan diferentes aspectos e tarefas do proceso de reforma do espazo da Biblioteca.





Ningún comentario:

Publicar un comentario