A celebración do Día das Letras Galegas, este ano dedicadas ao historiador e etnógrafo Antonio Fraguas, permitiunos relacionar de xeito natural as figuras de Fraguas e Rosalía de Castro. Deste xeito, o alumnado de 1º e 2º da ESO do noso centro gozou dun día de aprendizaxe e lecer na visita a Iria Flavia (Padrón), á Casa Museo de Rosalía de Castro e ao cemiterio de Adina, así como a Compostela, ao Museo do Pobo Galego e á Praza do Obradoiro.
En Iria Flavia, na Casa Museo, recitamos poemas de Cantares Gallegos, precisamente o aniversario da publicación en 1863 deste libro inaugural do Rexurdimento é o que marca a data de celebración do Día das Letras Galegas. No cemiterio da Adina, onde estivo soterrada a autora tamén recitaron un poema dedicado ao lugar.
En Compostela, na Praza do Obradoiro, puideron contemplar a monumentalidade dos seus edificios, ademais de escoitar a historia da inclusa, que estivo situada no Hospital Real, actual Hostal dos Reis Católicos.
A visita a Bonaval era obrigada. Celebrar a Antonio Fraguas e o proxecto que soñou toda a súa vida ata que en 1976 se fixo realidade. Este museo pretende poñer en valor a cultura tradicional, dende a arquitectura ata a elaboración de embarcación, as ferramentas de traballo do campo e do mar...
Ningún comentario:
Publicar un comentario