Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 9 de xaneiro de 2019

VICTORIA ÁLVAREZ RUIZ DE OJEDA: UNHA INVESTIGADORA RIGOROSA E SILENTE

Preparamos esta vitrina para homenaxear a Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, a investigadora que transformou a nosa visión sobre a biografía de Rosalía de Castro. Realizou numerosas investigacións e publicou en revistas como "A trabe de ouro", "Grial" ou a "Revista de estudos rosalianos".
Ademais de investigar e difundir numerosos aspectos da figura e a traxectoria de Rosalía, ocupouse tamén de Manuel Murguía, Micaela Mutuberría, Eladio Rodríguez e deu a coñecer a correspondencia entre o escritor Eduardo Blanco Amor e o político Manuel Azaña.
Sendo Fermín Bouza Brey o primeiro biógrafo de Rosalía, queremos facer un recoñecemento especial a unha muller que non viviu baixo a luz dos flashes, senón que ela foi quen puxo o foco sobre documentación que estudou rigorosa e pormenorizadamente para axudarnos a deitar luz sobre outras figuras e esclarecer moitos aspectos que foron manipulados ou terxiversados.
Na vitrina pódese ver a case totalidade das publicacións nas que difundiu os seus estudos a investigadora viguesa. Grazas a profesora Patricia Arias Chachero podemos ollar libros, revistas, publicacións colectivas nas que Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda participou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario