Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 28 de outubro de 2016

Contos de outono: Navegando con Castelao

Chegou o outono e a nova estación convida a xuntarse e contar historias...Aínda que todas e todos sabedes que, co cambio climático, o outono estase convertendo en "verono" e no IES Bouza Brey, vimos de celebrar o magosto en chanclas e manga sisa.
Así as cousas, a edición dos CONTOS DO OUTONO deste ano, convídanos a navegar. E farémolo cun dos personaxes principais da Galiza do século XX: Castelao. Cantas veces cruzaría o noso autor a Ría de Arousa -de Rianxo a Vilagarcía- para coller o tren e ir a Compostela a estudar, á súa querida Pontevedra, a Madrid, a Francia a investigar as cruces de pedra na Bretaña...
Se foron moitas as ocasións en que Castelao navegou pola Ría de Arousa, non foron poucas as que navegou polo Atlántico. A primeira foi a finais de 1895, cando emigrou coa súa nai para ir vivir co pai na Pampa. Ambos embarcaron, como tantos emigrantes, no porto de Vilagarcía de Arousa no bote Lloyd Norte, propiedade dunha empresa alemá. Esa foi a primeira. Logo cruzaría catro veces máis. De todas estas travesías e dalgunhas máis dá conta o mapa elaborado polo alumnado de 1º da ESO coas profesoras Susana e Cristina Pena e que poderemos ver na cafetería do instituto. As alumnas e os alumnos de 1º, 2º e 3º da ESO xa están preparando as historias que nos convidan a navegar, pola nosa ría, polo Atlántico...., como fixo Castelao. Poderemos escoitar unha selección dos mellores relatos o venres 25 de novembro, día en que se celebrará o Concurso de Contacontos: Navegando con Castelao.











Ningún comentario:

Publicar un comentario