Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 22 de maio de 2018

O CLUB DE LECTURA DO IES PEDRO FLORIANI DE REDONDELA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Que guai e que fugaz o encontro co Club de Lectura do IES Pedro Floriani de Redondela!

O 16 de maio, véspera da celebración do Día das Letras Galegas, tivemos a visita de máis 50 persoas que forman este club. No transcurso do seu roteiro literario pola ría de Arousa fixeron esta parada no noso centro para recitar versos de Fermín Bouza Brey. 

Viñeron alumnas e alumnos, profes e mesmo unha nai e un pai que forman parte do club de adultos. Estiveron connosco apenas media hora. Convidámolos a ver dous vídeos: o do Club de Lectura "Nao senlleira", que fixeramos hai tres cursos, e o que vimos de publicar sobre a novela de María Victoria Moreno Leonardo e os fontaneiros.

Fixeron a foto de rigor nas escaleiras onde temos escritos os versos do poema máis coñecido do autor que dá nome ao noso centro. 

Por certo, non busquedes poemas nin novelas de Pedro Floriani! Non foi un escritor, senón un contratista que traballou na construción do ferrocarril, en concreto dun dos viadutos que atravesan a vila de Redondela. A historia de Pedro Floriani é un tanto confusa ao terlle atribuído datos que corresponden a outro arquitécto homónimo. O que si sabemos é que tivo un destino tráxico. Para saber máis sobre o tema podes pinchar aquí: Pedro Floriani

Temos que pensar en devolverlles a visita para o vindeiro curso. A "Nao senlleira" do Bouza debería navegar ata a illa de San Simón.





Ningún comentario:

Publicar un comentario