Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 22 de maio de 2018

ANDAINA AO MONTE LOBEIRA: LITERATURA E PAISAXE



O luns 21 de maio fixo un día espectacular para camiñar, gozar da natureza, convivir e aprender na Andaina ao monte Lobeira. Organizada polos Departamentos de Educación Física, Xeografía e Historia e Lingua Galega, en colaboración coa Biblioteca, a andaina contou con numerosas actividades e probas. O alumnado de 2º da ESO organizouse en 6 equipos que recibían o nome de 6 illas da nosa ría: Cortegada, Malveiras, Insuiña, Arousa, Noro e Sálvora. Cada grupo tiña que facer unha actividade de orientación. Tratábase dun percorrido polo monte, recollendo as fichas coas probas nos distintos puntos de control, cinco en total.

Nas probas había que contestar preguntas, debuxar mapas e situar referencias xeográficas de poemas de Álvaro Cunqueiro e Ramón Cabanillas, seleccionados polo profe de Xeografía. Por este motivo a actividade foi bautizada co nome "Literatura e paisaxe".

Tras completar todas as probas, cada grupo recibiu como premio un anaco do cebracabezas que, unha vez ordenado, conformaba o poema de Ramón Cabanillas "No castelo de Lobeira". Os representantes dos seis equipos recibiron cadanseu fragmento, que tiveron que organizar para, finalmente poder realizar unha lectura colectiva do poema.

       Camiñamos, traballamos moito, cansámonos bastante, pero pasámolo xenial!

















Ningún comentario:

Publicar un comentario