Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 20 de marzo de 2020

IGNAZ SEMMELWEIS, O LAVADO DE MANS E O FEMINICIDIO DAS PARTURENTAS




Hoxe "san" google celebra Ignaz Semmelweis, o médico húngaro que tantas vidas ten salvado na historia recente da humanidade, con algo tan básico como dicir que é imprescindíbel lavar as mans para evitar transmitir infeccións. O caso é que no século XIX os médicos mataban involuntaria e arrogantemente moitas mulleres cando atendían partos coas mans sen lavar, xa que lles provocaban unha infección denominada septicemia. Tan arrogantes eran os médicos que se negaban a admitir as probas que achegaba Semmelweis, que padeceu o desprezo e marxinación dos seus colegas. Semmelweis morreu aos 47 anos, seguramente, por unha infección provocada por tunda propinada polos gardas do asilo no que fora ingresado.
Só anos despois da súa morte a clase médica admitiu as súas indicacións logo das investigacións de Louis Pasteur.
A avoa de quen isto escribe foi infectada nun parto polo seu médico e só a librou dunha morte segura a súa "constitución de cabalo" en palabras doutro médico.
Esta historia debe facernos valorar os avances na medicina e na sanidade en xeral, así como procurar seguir as indicacións sinxelas pero necesarias que nos fan á poboación para evitar a propagación da enfermidade infecciosa que hoxe nos ten confinad@s.
Para ver unha interesante curtametraxe sobre este personaxe pincha AQUÍ

Ningún comentario:

Publicar un comentario