Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 1 de xuño de 2016

A Biblioteca recoméndache


CEIP O Piñeiriño - IES Fermín Bouza Brey

Outro ano máis viñeron os nosos veciños do Piñeiriño contarnos contos ao Bouza, nunha marabillosa xornada que rematou no mosaico, colocando cadansúa pedriña de cores. Nós tamén fomos  alá e contamos contos en francés, moi sinxeliños, recitamos poemas, trabalinguas e adiviñas. Sara e Claudia de 3º da ESO idearon un xogo de pistas moi divertido para a rapazada de 5º de primaria. Mentres, no Salón de Actos, Isabel e Heloise léron contos ás máis pequeniñas e pequeniños que tamén bailaron ata cansar cos poemas de Manuel María, tan ben interpretados polas rapazas de 1º da ESO, xunto con Ansemil e David ao acordeón. Foi unha xornada ben bonita que agardamos volver a repetir moitos anos máis.

xoves, 19 de maio de 2016

Exposicións de Manuel María no Instituto

Polas Letras galegas deste ano 2016, enchemos o Bouza Brey de exposicións arredor do poeta chairego. A primeira en chegar foi a que puidestes ver, xa dende hai un mes, nas madeiras do corredor e que nos enviou a Consellería. O concello de Vilagarcía prestounos temporalmente a mostra que, sobre o autor, podedes desfrutar na cafetería e, por último, "O Miño canle de luz e néboa” ocupa as paredes do corredor principal. Esta última é froito dun traballo de colaboración entre o IES Francisco Asorey, A Casa Museo “Manuel María” e o Concello de Cambados.

Neste ano 2016 en que se lle dedica o Día das Letras Galegas, e no que se cumpren 20 anos da publicación do seu libro de poemas “O Miño canle de luz e néboa”, esta exposición combina poemas de Manuel María co estudo do río Miño, aproveitando un traballo realizado polo alumnado de Ciencias Naturais e Sociais de 1º da ESO en 2013, no proxecto “Auga que corre”, no Ano Mundial da Auga, no que se quería facer fincapé na importancia dos ríos para vida e a economía e o seu caracter plurinacional/cultural.

Deseño, montaxe e fotos: Xea, Casa Museo Manuel María

Colaboran: Departamentos de Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Lingua

Galega e Dinamización Linguística do IES Francisco Asorey.

A exposición está formada por 10 paneis.




luns, 16 de maio de 2016

Caldeiro das Nosas Letras 2016

Se aínda non tedes libretiña pasádevos pola Biblioteca!

Neste día previo ás Letras Galegas 2016 a biblioteca do Bouza Brey fixo unhas libretiñas ilustradas con versos de poemas de Manuel María. Ademais Irea Ferreiro, compañeira nosa de 1º da ESO, agasallounos tamén cos versos dun poema seu que poderedes atopar nunha das libretiñas. Agardamos que vos gusten e que as aproveitedes ben!