COUSOS do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde niguén foi nin ha d’ir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola
e máis medosa...
Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.
Uxío Novoneyra
Uxío Novoneyra
"Cousos do lobo" é o poema do mes elexido polos alumnos e alumnas do Agrupamento de 1º da ESO. Manuel Domínguez Renda fixo a abraiante ilustración do lobo que podedes ver no panel do poema do mes.O autor de "Cousos do lobo" é Uxío Novoneyra, un dos máis importantes poetas galegos do século XX. A súa poesía ten como protagonista a natureza, especialmente a do Courel, unha serra que constitúe un impresionante tesouro natural. Hai xa moitos anos que Uxío Novoneyra o percibiu así.
Novoneyra expresa nos seus versos un compromiso pleno con Galiza, coa paz e coas clases populares. Un trazo moi característico do seu estilo é o fonosimbolismo, recurso que podemos observar nalgúns versos deste fermoso poema.
Os cavorcos son camiños fondos entre as montañas e os carreiros son camiños estreitos, por onde só se pode andar a pé. Estas son o único tipo de vías que atopamos no fermoso e impresionante territorio dominado polos lobos nas montañas orientais de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario