Nanina Santos, líder do feminismo galego e ex-profesora de Música do noso IES, estivo o mércores 14 de marzo na Biblioteca do Bouza Brey para ofrecer unha charla sobre feminismo e unha reflexión sobre a súa toma de consciencia e a súa traxectoria.
Nanina, pioneira da autoorganización das mulleres en Galiza, ofreceuse gustosa a responder unha bátega de preguntas realizadas polo alumnado asistente e así foi tecendo evocacións históricas e persoais a carón de reflexións sobre os temas que seguen atinxindo o feminismo na actualidade e que nos seguen inquirindo a todas: mozas e adultas, novas e vellas, rapazas e rapaces...
Nanina falou da súa infancia, da situación da muller no tardo-franquismo, dos seus comezos na militancia política, do nacemento do movemento feminista en Galiza coa fundación da Asociación Galega da Muller, das súas primeiras e importantes campañas, mobilizacións e reivindicacións. Falou da revista "Andaina", da súa pertinencia; da necesidade de pensar e escribir, de artellar espazos, foros para as mulleres. Declarou o seu acordo con que os homes se sumen á loita feminista. Falou da loita polos dereitos sexuais, do machismo sutil, tamén chamado micromachismos...
Nanina regalounos para a biblioteca un exemplar do último número de "Andaina". Pola nosa banda, a Biblio do Bouza regalámoslle libros como "Aquel día en que eramos malas", de Inma López Silva e "Idiotizadas: de cuentos de hadas a emponderhadas", de Moderna de Pueblo.
Na imaxe superior vemos a Sara Doval, de 1º de Bacharelato, presentando a Nanina Santos.
Antes de comezar a charla produciuse a entrega de premios do IV Certame Fotográfico 8 de marzo "Mulleres abrindo camiños".
Na imaxe superior podemos ver os diplomas tan chulos que acreditan
as gañadoras e gañadores do Certame Fotográfico 8 de marzo
Nesta instantánea vemos a Nanina Santos ollando os libros
con que a agasallamos desde a Biblio do Bouza como
agradecemento por ofecernos esta charla tan suxerente
e que suscitou tanto interese entre o alumnado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario