Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!
Amosando publicacións coa etiqueta ENÓRMIC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ENÓRMIC. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de xuño de 2018

ENÓRMIC BANDA XA ESTÁ AQUÍ



Por fin chegou o Enórmic Banda deste curso 17-18. A artista Anémona de Río, autora do primeiro manga galego, é a autora da portada e a contraportada. Para o limiar o convidado foi o profesor da universidade de Tokio Takekazu Asaka, moi coñecido polas súas traducións de autores e autoras galegas ao xaponés e moi querido na nosa comarca, que visita cada verán.
Os traballos publicados este ano corresponden a máis de 20 autores e autoras de 12 institutos diferentes. O acto de presentación da revista tivo lugar este mércores 6 de xuño no IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, que o acolleu na súa bonita biblioteca. No acto estiveron presentes case que todos os autores e autoras das historias deste Enórmic Banda e algúns deles tomaron a palabra para explicar a súa relación co mundo da banda deseñada e, en concreto, a súa participación en Enórmic. Entre eles, o alumno do noso instituto Juan Elías Fernández Quintana, de 4ºESO-A. Chamounos moito a atención a intervención de Ainara, unha alumna do IES Faro das Lúas de 1º da ESO, que nos explicou dun xeito moi formal que é para ela a banda deseñada.






martes, 24 de abril de 2018

NO DÍA DO LIBRO RECIBIMOS TAM: O PRIMEIRO MANGA EN GALEGO

O alumnado do Agrupamento de 1ºESO xa ten nas súas mans a obra que vai ter como lectura neste trimestre para Lingua Galega. Chegou, xusto para celebrar o Día do Libro, o primeiro manga en galego. Trátase de Tam, a historia dunha rapaza que loita contra a morea de imposicións absurdas que padecen as mulleres sobre o seu aspecto físico. O libro é unha crítica chea de humor ao absurdo consumismo que nos devora en relación á moda e ao corpo. 

A autora, Anémona de Río, vén de gañar o Premio de fin de estudos do Garaxe Hermético, dirixido por Kiko da Silva, e que conta cun destacadísimo elenco de profesores (Fernando Iglesias, Miguel Porto, Fran Bueno, Fernando Llor e Miguelanxo Prado).

Anémona de Río é así mesmo a autora da portada do vindeiro número da revista de banda deseñada dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés que está a piques de publicarse.






martes, 30 de maio de 2017

ENÓRMIC BANDA 2017



A revista de banda deseñada dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés, ENÓRMIC, presentouse no IES Ramón Cabanillas de Cambados este martes día 30 de maio. A portada (que podedes ver na imaxe) e a contraportada son obra do debuxante de cómic e artista multimedia Manel Cráneo, que por motivos de traballo non se puido achegar ao acto, pero que nos fixo chegar un vídeo de apoio e felicitación polo proxecto.

O limiar correu a cargo de Ramón Caride. O escritor cambadés homenaxea á profesora Rosa Feixoo, membro da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Salnés, unha das promotoras da revista e desgraciadamente falecida este mesmo curso.

No noso centro, non só nos ocupamos da coordenación da edición, senón que participamos cun boísimo traballo de Juan Elías Fernández, de 3ºESO-A. A súa colaboración está baseada nun conto de Carlos Casares titulado "O xogo da guerra" e publicado en Vento ferido en 1967. Esta historia fala da capacidade de manipulación e da crueldade entre rapaces. Un tema duro, pero que, por desgraza, segue a ter vixencia na sociedade actual.

Esta entrega de ENÓRMIC é unha mostra da consolidación deste proxecto colectivo. As súas páxinas amosan unha notable calidade e unha grande variedade de temas e estilos.

Xulio Carballo Dopico, profesor do IES Ramón Cabanillas e autor da primeira tese de doutoramento sobre banda deseñada en Galiza, traballou na escolma dos traballos publicados. Xulio subliñaba hoxe no acto de presentación que se detecta nas novas xeracións un maior dominio da linguaxe da banda deseñada: guións, encadres das viñetas...