Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 30 de maio de 2017

ENÓRMIC BANDA 2017



A revista de banda deseñada dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés, ENÓRMIC, presentouse no IES Ramón Cabanillas de Cambados este martes día 30 de maio. A portada (que podedes ver na imaxe) e a contraportada son obra do debuxante de cómic e artista multimedia Manel Cráneo, que por motivos de traballo non se puido achegar ao acto, pero que nos fixo chegar un vídeo de apoio e felicitación polo proxecto.

O limiar correu a cargo de Ramón Caride. O escritor cambadés homenaxea á profesora Rosa Feixoo, membro da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Salnés, unha das promotoras da revista e desgraciadamente falecida este mesmo curso.

No noso centro, non só nos ocupamos da coordenación da edición, senón que participamos cun boísimo traballo de Juan Elías Fernández, de 3ºESO-A. A súa colaboración está baseada nun conto de Carlos Casares titulado "O xogo da guerra" e publicado en Vento ferido en 1967. Esta historia fala da capacidade de manipulación e da crueldade entre rapaces. Un tema duro, pero que, por desgraza, segue a ter vixencia na sociedade actual.

Esta entrega de ENÓRMIC é unha mostra da consolidación deste proxecto colectivo. As súas páxinas amosan unha notable calidade e unha grande variedade de temas e estilos.

Xulio Carballo Dopico, profesor do IES Ramón Cabanillas e autor da primeira tese de doutoramento sobre banda deseñada en Galiza, traballou na escolma dos traballos publicados. Xulio subliñaba hoxe no acto de presentación que se detecta nas novas xeracións un maior dominio da linguaxe da banda deseñada: guións, encadres das viñetas...



Ningún comentario:

Publicar un comentario