Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 5 de maio de 2017

MARIVÍ VILLAVERDE: A MEMORIA DE VILAGARCÍA

Mariví Villaverde foi unha muller que fixo da transmisión da memoria histórica a súa gran tarefa. Na obra Tres tempos e a esperanza deixounos un retrato vivo e impagábel da Vilagarcía de antes da guerra civil. A nosa cidade, aberta e progresista, era un lugar luminoso para vivir até que a sombra do odio e a intransixencia veu escurecela. A mocidade de Mariví mudou supetamente e estragáronse relacións persoais e amizades, plans de futuro. Cando estoupa a guerra, Mariví sofre en primeira persoa a represión: o seu tío asasinado, as súas tías torturadas e humilladas e o seu pai (ex-alcalde republicano de Vilagarcía) tendo que fuxir ao exilio. Mariví e a súa familia pasaron días e noites trerribelmente anguriantes antes de lograr escapar e reunirse co pai, comezando así un exilio que, en varias etapas, ía marcar para sempre a súa existencia.

O ano 2006 foi o Ano da Memoria. No IES Bouza Brey editamos un número especial da revista BARDOS titulado MEMORIA DUN TEMPO SILENCIADO. Nel contamos coa colaboración de Mariví que, xunto coa súa irmá Rosina, participaron nun emotivo acto no salón de actos onde o alumnado leu os testemuños que previamente recollera no seu entorno familiar sobre a guerra e a represión.

Este pasado 23 de abril, xusto o Día Mundial do Libro, deixábanos para sempre Mariví. No noso instituto non a esqueceremos, pola súa xenerosidade con nós, e custodiaremos con todo o agarimo o exemplar de Tres tempos e a esperanza adicado ao alumnado do IES Bouza Brey.




Mariví Villaverde con Susana Trigo no acto da Memoria Histórica que celebramos no IES Bouza Brey na primavera de 2006



Portada do Especial da revista BARDOS sobre a memoria histórica.


Fragmento do libro Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde citado no especial de BARDOS para introducir o apartado dedicado a MULLERES E REPRESIÓN.


Imaxe da tía de Mariví e Rosina Villaverde que inspirou a Castelao para unha das súas coñecidísimas estampas do album de denuncia do horror fascista Galicia Martir.





Instantánea de Rosina Villaverde no acto do noso instituto.




O ramo de flores co que agasallamos ás irmás Villaverde foi colocado, polo seu expreso desexo. ante o Monumento ás Víctimas da represión do 36 no Parque Miguel Hernández da nosa cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario