Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

martes, 6 de marzo de 2018

VILAGARCÍA LEDA DE NAVÍOS: O AGASALLO DUNS VERSOS DE AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO


Xa é ben coñecido que Aquilino Iglesia Alvariño fixo que Vilagarcía pasase con letras maiúsculas á historia recente da nosa lingua, xa que foi aquí onde se publicou o primeiro libro da literatura galega despois do "apagón" que supuxo a guerra civil e a posguerra na ditadura franquista A librería imprenta Celta foi onde Iglesia Alvariño publicou o seu "Cómaros verdes".

O que fora no seu día director do Colexio León XIII, tamén nos deixou uns fermosísimos versos sobre Vilagarcía e o mar que, grazas a Mónica García Rodríguez e Antón Reimúndez poderemos gozar a partir de agora na cafetería no noso instituto. O poema, titulado "Nunha gamela nova", pertence á corrente literaria denominada neotrobadorismo, que foi iniciada por Fermín Bouza Brey.  Di así:

Vilagarcía leda de navíos,
dorme na miña i-alma sono leve.

A i-auga é donda e fina como a seda.
A mar é terciopelo e flor de vento.

solpores de ouro, e rosa, e brasa viva
e de froles marelas de anchas follas

xirasoles de vento e luz apenas
anáinanse na mar en carriolas.

Nunha gamela nova, toda verde,
co teu nome tan guapo no costado.
¡Ondas camariñas da miña vida!

Ti sola, miña brava mariñeira,
namorada, remabas cara o sol.

Qué brancos os teus dentes e qué alegre
a risa da túa boca!

Era moi loura
a túa cabeleira despeinada

e o teu pescozo liso e os teus brazos
eran de ouro moreno, miña amiga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario