Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

venres, 8 de xuño de 2018

LIMIAR: UN POEMA DE MARÍA VICTORIA MORENO

O poema do mes é, como non podía ser menos, un texto de María Victoria Moreno publicado do seu libro "Elexías de luz". Foi rotulado polo alumnado de 3ºESO e di así:


                 LIMIAR

      Se eu achase a palabra donda, escintilante,
tan lene coma o peito da andoriña,
tan rexa coma a face da verdade...

     Se eu achase a palabra
de lume, de auga, de aire,
de terra aloumiñada pola brisa
que arrola cada tarde...

     Se eu achase a palabra
limpa, espida, que cabe
no efémero latexo dun salouco
e abrangue a eternidade...

     Se eu achase a palabra
de amor que iluminase
esta esfera que treme estarrecida
na sombra e na soidade...

Se eu achase a palabra
eu pintaría o planeta
de paz e liberdade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario