Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 27 de xuño de 2018

ANTÓN BLANCO CASÁS: UN POETA NOVO NO CLUB DE LECTURA

Antón Blanco Casás é un poeta novo de Vilagarcía, veciño de Carril e con raíces en Vilaxoán. Antón, estudante de Filoloxía, vén de publicar o seu segundo poemario na colección Dombate da editorial Galaxia titulado Tres estudos para un poema da cidade. O primeiro publicouno en 2016 na editorial Chan da Pólvora e levaba por título Oseira.

A poesía de Antón Blanco Casás amósanos unha voz poderosa dentro da lírica galega. Os dous poemarios teñen en común o carácter discursivo, obxectivo que convida a reflexionar sobre a realidade sen unha forte carga emocional. A súa é unha poesía moi intelectualizada, que foxe da sentimentalidade. No na xuntanza que tivo co Club de Lectura reivindicou os petas que lle gustan: Manuel Antonio, Ferrín, Lois Pereiro... E sobre todo Oriana Méndez.

Antón Blanco sinalou que o camiño aberto por Ferrín en Con polvora e magnolias é o que nos descobre os mellores logros poéticos das últimas décadas. Afirmou que a poesía galega non se debe limitar aos temas e estilos consagrados polo canon, xa que de algunha forma, supón ficar pechados nuns límites que a anormalidade lingüística e cultural nos impón. Antón defendeu que a poesía galega actual presenta unhas cotas de calidade que a sitúan a carón das mellores do panorama mundial.

Un pracer recibir un poeta tan novo, ao tempo que maduro, achegándonos as súas reflexións froito dun fondo coñecemento da poesía e dunha madurez persoal e intelectual que cautiva.






Ningún comentario:

Publicar un comentario