Que pracer! Que privilexio, coma sempre, escoitar ao profesor Alonso Montero!
Nesta ocasión falounos con paixón da vida e a traxectoria de María Victoria Moreno, nunha conferencia na que non nos cansamos de escoitalo falar sobre esta escritora chea de matices.
Neste percorrido fomos a Sepúlveda, a Barcelona, a Madrid. Asistimos ás aulas de Dámaso Alonso e de Rafael Lapesa... Aprendemos que é un "gerundiazo"... Case puidemos ver cos nosos propios ollos a profesora vocacional e namorada do seu alumnado. Así mesmo albiscamos moitos alumnos (segundo o profesor Alonso Montero: todos) namorados desta profesora inconformista. Coñecemos o seu apostolado lingüístico, o seu tránsito da alofonía á autofonía... Repasamos autoras e autores alófonos, dende Lorca a Anne Marie Morris ou Carles Riba. Sentimos a represión franquista cara a nosa lingua na detención desta entusiasta defensora e dignificadora do noso idioma.
Todo isto na voz dun intelectual senlleiro e orador incansábel. Un agasallo para o alumnado e o profesorado do Bouza que tivemos a sorte de escoitalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario