Estamos ao pé da ría, nunha beiriña da Arousa chamada Vilagarcía!

mércores, 25 de outubro de 2017

CAMIÑANDO ENTRE VERSOS: PENÉLOPE DE XOHANA TORRES

Este poema de Xohana Torres preséntanos unha Penélope que decide rematar co seu rol de muller pasiva. Este é un personaxe da Odisea, un dos poemas épicos máis importantes da literatura grega. Penélope agardaba pacientemente o regreso do seu home, Ulises, a Itaca. Mais neste poema de Xohana Torres, Penélope decide que ela vai tamén navegar. Aquí a autora emprega o mito para rematar con el. É, xa que logo, un poema reivindicativo e feminista.

Aínda que resulta un pouco difícil de comprender, o alumnado de 2ºESO-A traballou sobre el e foi quen de entender certas imaxes que mesturan a mitoloxía grega coa simboloxía dos acios das uvas, do malva, que xunto coa simboloxía do mar, ten moitísima importancia na poética de Xohana Torres. Alumnas e alumnos de 2ºESO-A rotularon os versos e agora podemos ler o poema na entrada do Centro, no taboleiro adicado ao poema do mes que este curso leva o nome de CAMIÑANDO ENTRE VERSOS.

Non podemos esquecer no Bouza Brey o ano 2014 en as Letras Galegas foron dedicadas ao poeta Díaz Castro, autor doutro poema titulado tamén "Penélope", que Dimas Iglesias musicou. Logo de gravalo, fixemos dous vídeos que podedes reproducir aquí, nestes enlaces: 1 e 2. Mais a Galiza-Penélope de Díaz Castro representaba a paciencia inmobilista, que non conduce a ningures, só a dar un paso a diante e outro atrás.

Esta Penélope abre as portas a novos horizontes...


Ningún comentario:

Publicar un comentario